quarta-feira, 9 de junho de 2010

A FALTA DE DOUS DÍAS

A dous días para que comece o XIX Mundial de fútbol da Historia, o primeiro que se disputará en África, retomo este blog para facer un seguimento diario da competición. 

O de Sudáfrica será un Mundial especial. Por vez primeira teremos a oportunidade de ver nunha gran competición a Leo Messi. Chégalle a hora de demostrar que a súa grandeza, demostrada cada día co Barça, non mingua ao vestir a albiceleste, como se lle criticou ata agora do outro lado do Atlántico. Non hai dúbida de que Leo é na actualidade o mellor xogador do planeta pero para entrar no couto reservado aos máis grandes da Historia; isto é, Di Stéfano, Pelé, Cruyff ou Maradona, terá que empezar a demostrar o seu liderato sobre a súa selección, que ademais ten equipo talentoso abondo para disputar o título. Non lle vai faltar bo mentor. Maradona chega á competición que viu os seus momentos de maior gloria (México 86) e tamén de maior fracaso (EEUU 94), inda que desta volta como técnico. Para algúns, darlle a dirección do equipo a Diego é unha grande ousadía, dada a escasa experiencia como adestrador no fútbol de alta competición e o seu carácter non especialmente equilibrado, que se exemplificou perfectamente co mítico A mamarla! despois da agónica clasificación conseguida hai uns meses. Porén, Maradona é un mito que está por riba deste tipo de consideracións terreais. Seguro que a súa autoridade sobre os xogadores ten máis de divino que de humano, que saberá premer perfectamente as teclas para motivar aos seus nunha competición destas características e que a actuación do seu equipo non terá termo medio: só poderá definirse ben mediante a palabra gloria ou ben mediante a palabra fracaso. A esaxerada atención mediática que Maradona atrae sobre a súa persoa pode liberar dun exceso de presión a Messi. Arxentina é, por suposto, unha das favoritas, inda que non necesariamente o mellor dos 32 equipos en xogo. Ten unha dianteira brillante: con Messi, Agüero, Tévez, Higuaín... se ben non lle sobra tanto talento no resto das liñas. No centro do campo, de feito, asumirá  a comandancia o veteranísimo Verón, que despois da súa volta triunfal ao fútbol arxentino -Estudiantes de la Plata- recuperou o protagonismo coa súa selección. 

Cando se fala de favoritas aparece por suposto Brasil. Adestrada por Dunga, o que fora compañeiro no mediocentro de Mauro Silva na Brasil campioa en Estados Unidos 94, recupera precisamente o espírito daquel equipo dirixido por Carlos Alberto Parreira. Brasil foxe desta volta da súa versión máis brillante, do tradicional jogo bonito, e confíase antes que nada ao rigor táctico e á fortaleza no centro do campo. Non lle faltan as grandes estrelas, se ben todas elas están baixa sospeita tras unha triste temporada nos seus respectivos clubes: Robinho no Manchester City, Kaká no Real Madrid ou Luis Fabiano no Sevilla. Con todo, Brasil é un grande equipo, cun dos mellores gardarredes da competición: Julio Cesar, unha sólida defensa na que, como é habitual os laterais terán un papel fundamental á hora de incorporarse ao ataque, e un sólido centro do campo, para o que Dunga chamou a vellas glorias que xa teñen algún mundial no seu palmarés como Gilberto Silva ou Kleberson. Kaká, Robinho ou Luis Fabiano representan o talento e o desequilibrio dos homes de arriba. Con todo, parecen temperamentos fráxiles capaces de agocharse cando o vento non vén de cara. Imos ver se a Dunga lle chegará co que ten, pois neste Mundial 2010 parece que hai un pouco máis de concurrencia que no de fai 16 anos. 

Do resto das seleccións americanas cómpre salientar as dúas que completan, xunto con Francia e a anfitrioa Sudáfrica, un dos grupos máis igualados da primeira fase: Uruguai e México. A selección charrúa presenta unha dupla temible arriba con Diego Forlán e o gran Luis Suárez, máximo goleador da Liga Holandesa co Ajax de Amsterdam.  Se Uruguai é capaz de armar un equipo rochoso en defensa aumentarán exponencialmente as súas posibilidades de pasar a oitavos, habida conta de que non necesitarán demasiado para facer gol. Canto a México, dirixida por Javier Aguirre, é coma sempre unha incógnita. Ao estar encadrada da Concacaf, á tricolor fáltanlle partidos para se medir a seleccións do seu nível entre Mundial e Mundial. Non lles faltan xogadores talentosos. O noso Guardado parece que comezará dende o banco. Non así Cuauhtémoc Blanco, quen parece parece permanecer no equipo dende a era precolombina. México pode deslumbrar ou pasar sen pena nin gloria. O primeiro partido, o inaugural ante Sudáfrica, determinará posiblemente as súas posibilidades reais na competición. 



Sem comentários:

Enviar um comentário