Mostrar mensagens com a etiqueta Atlético de Madrid. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Atlético de Madrid. Mostrar todas as mensagens

domingo, 22 de novembro de 2009

UNS CORRERON E OUTROS DERON PENA

Antes de analizar polo miúdo o partido, hai que dicir que o Atlético de Madrid demostrou que, efectivamente, é un desastre. Un desastre en defensa- un auténtico colador-, e en actitude, pois todos os balóns divididos gañounos un Dépor que talvez non teña a calidade dos xogadores colchoeiros pero que ten un compromiso colectivo brutal e moi claro a que quere xogar. O Atlético é un desastre pois nin sequera soubo aproveitar o agasallo de Lopo a Agüero aos tres minutos. O arxentino aproveitouno coa solvencia dun bo dianteiro. Parece mentira que o fiable Lopo, de cando en vez, se atrapalle en frivolidades como a de onte que adoitamos pagar cun gol en contra. Parecía que se repetiría a historia dos últimos anos, nos que o Atlético fixo estragos en Riazor, fora Fernando Torres o protagonista, fora o Kun Agüero. Pero onte non. O Dépor fixo un verdadeiro espectáculo no que, posiblemente foi un dos seus mellores partidos da temporada na casa. Atacou con convicción e clarividencia. Sabendo sempre buscar unha banda cando a esixida defensa roxibranca tapaba a outra. Houbo unha chea de ocasións. Lassad recuperou a súa mellor versión e Riki seguiu demostrando que está nun excelente estado de forma. Por desgraza, os árbitros seguen emperrados en non perdoarlle unha. O do cartón amarelo parecía de chacota, máis despois dunha semana marcada pola man de Henry. O penalti non é de todo claro, pero ás veces non se comprende a teima dos árbitros en non entender que os dianteiros, por veces, poidan caer, busquen ou non o engano. O empate, porén, como era de esperar, chegou nunha xogada a bola parada. Córner de libro. Prolongación de Juan Rodríguez e Colotto aparece só no segundo pao. O arxentino é un auténtico especialista neste tipo de xogadas, procurando sempre a sorpresa no segundo pao. Sen dúbida, un dos nosos principais argumentos ofensivos. Onte gañamos todos os balóns aéreos. O resultado parecía curto para o visto no primeiro tempo. O caso é que o inicio do segundo tempo foi máis demoledor aínda, un auténtico asedio. Lotina está demostrando que para ter un equipo grande non é tan necesario o talonario como facer correr aos futbolistas. Espectacular coma sempre o desbaldimento físico de Guardado, e o de Filipe, e o de Juan Rodríguez, mesmo o do rehabilitado Mista... Mágoa que non culminásemos cun gol. O árbitro tampouco acompañou, anulando un penalti que xa pitara por instancias do seu asistente que viu un fóra de xogo inexistente. Un auténtico desastre. Os árbitros teiman en perxudicar ao Dépor pero o Dépor teima en levarlles a contraria. Despois deste enésimo erro arbitral, o equipo perdeu folgos e o Atlético recuperou certa consistencia no seu xogo. Ninguén podería marchar descontento co empate despois do esforzo dos xogadores branquiazuis, pero si decepcionados pois sería a todas luces resultado inxusto. Por fortuna, e porque o equipo non renunciou ao gol nin coa lingua fóra, tivemos oportunidade para o desagravio no último suspiro do partido. Novo penalti que desta volta ninguén se atreve a negar. Dá pena ver o cabreo dos xogadores atléticos, que deberían quedar calados despois do vergonzoso xogo que ofreceron en Riazor. Tirouno Guardado e marcou o gol que selaba definitivamente a vitoria. Xustísimo premio para o mexicano que está a facer unha temporada sobresaínte, e xustísimo premio para un equipo que non merece máis que parabéns por parte dos seus afeccionados.

quinta-feira, 1 de outubro de 2009

PORTO GRANDE DE EUROPA

Pois gañou o Porto. Era de ver. Inda que non lle foi fácil en absoluto. Os de Jesualdo Ferreira fixeron un partido máis ben discreto ante un Atlético de Madrid que saíu ao Estadio do Dragao cunha defensa con catro centrais e que aos vintecinco minutos tivo que poñer de porteiro un rapaz de 18 anos . No primeiro tempo, o Porto comezou dominando inda que sen demasiado poderío. Sobre todo o Hulk desbordaba constantemente pola banda esquerda a Perea, que inda que fóra da súa posición habitual, non é en absoluto un home lento. Por aí chegaron as mellores ocasións, mais ningunha realmente clara. A partir da lesión de Roberto e a entrada do De Gea, de apenas 18 anos, o Porto decaeu no seu xogo. Se cadra acusou o mal partido do Tomás Costa no posto que habitualmente ocupa o Fernando. O arxentino perdeu dous balóns perigosos que permitiron contras claras do Kun Agüero. Resolveunas todas con sobriedade o Helton, que merece un recoñecemento pois carga cunha sona eu penso que inxusta de cantante e que procede, nomeadamente, daqueles que non ven o Porto con frecuencia. O Helton é un porteiro con recursos, excelente nos reflexos e no un contra un e correcto nas saídas. Algunha vez canta, claro está, pero non mais que outros. Talvez o seu problema é que a súa excentricidade e a súa indumentaria fano estar continuamente baixo sospeita. A min, como porteiro, recórdame ao Víctor Valdés. No comezo do segundo tempo o Porto perdeu definitivamente o control do xogo e o Atlético tivo os seus mellores minutos, grazas en parte á aparición de Jurado, un xogador talentoso pero demasiado intermitente canto a súa influencia no xogo. Jesualdo Ferreira non debía estar demasiado tranquilo. Mais foi aí que apareceu Raul Meireles, quen aínda non alcanzou a excelencia do ano pasado, acompañado por Belluschi, un xogador que vai achegar moitas cousas a este equipo, e Guarín, que entrou polo desafortunado Costa, que o Porto volveuse meter no partido ata converterse nun mazo que non parou de mallar no novato De Gea, quen saíu con nota do seu debú mais non puido evitar o gol... o golazo de Radamel Falcao, un toque de calcaño que el mesmo confesa ser o mellor gol da súa vida. Cómpre reparar neste gol no´absolutamente espectacular cambio de orientación do xogo que fai Raúl Meireles cara o Hulk. Co 1-0 o Atlético xa non tivo capacidade de reacción e o Porto, máis cómodo que nunca, marcou o segundo a bola parada, grazas ao Rolando que marcou aproveitando un rexeite do pau tras cabezazo de Bruno Alves. A parella de centrais do Porto, honestamente, paréceme unha das mellores de Europa, se non a mellor: contundentes e rápidos atrás, con Bruno Alves sacando o xogo de atrás cunha clase descomunal, son aínda por riba letais nas súas incorporacións ao ataque. Onte ademais, foron correctamente escoltados polos laterais Fucile, impecable en defensa e voluntarioso en ataque, e Álvaro Pereira, incansable pola súa banda. En definitiva, gañou o Porto sen facer un gran partido. Gañou simplemente, porque é un grande de Europa.

E volvendo ao tema central do post de onte, da puxanza dos equipos do Leste, onte vin ao CSKA de Moscova, que gañou con solvencia inda que non con demasiado xogo a un triste Besitkas. Destacar, sobre todo, o golazo de Dzagoev, ese rapaz norosetio de 19 anos que ten un talento descomunal e que xa sufrimos os deportivistas no partido de UEFA do ano pasado. O mesmo que falei de Thomas Müller fai uns días: paga a pena reparar nestes xogadores que van ser, seguro, estrelas no futuro.

quarta-feira, 30 de setembro de 2009

DOS EQUIPOS DO LESTE

Nos últimos anos o fútbol dos países do Leste, máis en particular o ruso e o ucraniano, vén demostrado unha mellora do seu nível competitivo. Só hai que reparar no palmarés da UEFA dos últimos anos para comprobar como tres dos cinco últimos campións eran clubes do antigo bloco comnista: o CSKA de Gazzaev en 2005, o Zénit de Advocaat en 2008 e o Shakhtar Donetsk de Lucescu en 2009. A principal razón, non hai dúbida, é o aumento espectacular do investimento económico dos presidentes destes clubes, a súa maioría oligarcas enriquecidos no proceso de privatización económica que seguiu á caída do comunismo. Dende entón, á liga rusa e ucraniana, marcharon atraídos polo diñeiro moitas das principais promesas do fútbol sudamericano, as principais estrelas dos países ex-comunistas e algúns xogadores da Europa occidental, ben no comezo do declive das súas carrreiras, ben no inicio da súa ascensión atraídos polos cartos, a aventura e a posibilidade de mostrarse no escaparate das principais competicións europeas. É por iso que sorprende a tendenza da maioría da xente do fútbol en subestimar aínda hoxe o verdadeiro potencial destes clubes. Onte, todo o mundo insistía en considerar un fiasco o empate do Inter no campo do campión da Liga Rusa. Sen obviar que o equipo de Mourinho era, evidentemente, favorito, e que o xogo desenvolvido foi efectivamente decepcionante, a ninguén se lle podía escapar que o partido era difícil. Hai que pensar que o campión da Liga Rusa, inda que descoñecido, foi mellor na súa competición que clubes co potencial e os xogadores do CSKA de Moscova, o Zénit de San Petersburgo ou o Dinamo de Moscova. Algo terán! E claro que teñen: xogadores rusos internacionais como Semak, grandes crack provintes de Sudamérica como Domínguez ou Noboa, promesas como César Navas... O Rubin, que adestra esa rara avis do fútbol internacional que é o Kurban Berdiyev, de nacionalidade turkmena e seguido a debullar as doas dun rosario rancio de madeira, mereceu a vitoria onte pola súa agresividade ante un Inter que pagou a lentitude dos seus dous centrais e o carácter imprevisible de Ballotelli. Finalmente pódese dar cun canto nos dentes co empate. O ínter non está nun bo momento, non hai dúbida, e os críticos de Mourinho xa andan a afiar os coitelos. Mal farían en dar por morto ao que probablemente é un dos mellores adestradores dos últimos tempos e que sabe mellor que ninguén que tegras premer para corrixir os desequilibrios dos seus equipos.

No mesmo grupo o Barcelona recibía ao Dinamo de Kiev. Tamén todo o mundo imaxinou dende o principio que sería todo cuestión de coser e cantar, esquecendo que o Dinamo de Kiev, alén de ser un dos grandes da historia do fútbol europeu, é un equipo cun plantel espectacular, campión da súa liga e semifinalista da pasada UEFA, inda que o único que parecía chamar a atención era a volta de Shevchenko ao Camp Nou. O Barça gañou porque gaña sempre, porque é un equipazo e ten a Messi e Xavi que son os mellores xogadores a día de hoxe no mundo, e a Iniesta aínda renqueante, e a Ibrahimovic que no Barça vai aumentar aínda máis a súa considerción no mundo do fútbol, e o resto... Pero o Dinamo mostrouse equipo para terlle moito respecto. Serio, disciplinado e moi talentoso con Shevchenko, é certo, máis tamén con Milevskiy, un xogador que de non ser polo aumento de capital dos clubes ucranianos do que xa falamos, estaría nun grande do fútbol europeu, e Aliyev que onte non xogou, e o prometedor Iarmolenko, e o porteirazo Shovkovskiy, e Vukojevic, e Almeida... En fin, que xa hai uns anos que ao fútbol ruso e ucraniano hai que miralo con outros ollos.

Tamén por non saber valorar en exceso o verdadeiro potencial do seu rival, o Atlético levou unha cura de humildade a pasada época ante o Porto. Pensaron que por enfrontarse a un rival dunha liga "menor" eran favoritos e deixáronse levar pola euroria, esquecendo que o Porto é un dos poucos equipos europeus que nos últimos dez anos pode presumir de ter gañado un título da Champions, outro da Uefa e de pasar un ano si e outro tamén a fase de grupos da Champions. Hulk, Meireles, Bruno Alves e compañía arrasaron o Calderón. Hoxe o Atlético e o Porto vólvense encontrar en Champions. Os de Abel xa non creo que subestimen o rival, sobre todo, porque o seu presente é certamente descorazonador. Desta volta, haberá que ver se non é o Porto o que peca de soberbia. Con todo, quero mostrar aquí o meu desexo de que gañe o Porto, non por que lle teña especial antipatía ao Atlético, simplemente porque son de aí ao lado, dunha cidade á que vou con frecuencia e na que teño moitos amigos, porque xogan mellor ao fútbol e porque, que diaños, estou farto de que en Galiza se apoie descaradamente aos clubes españois cando se enfrontan aos portugueses, como se tivese eu que ter máis aprezo por uns que están a 600 kilómetros da casa que por outros que están a 250 e falan o meu idioma. Chamaranme algúns nacionalista e non me importa pero, por moitas voltas que lle dea, máis nacionalistas parécenme os outros.

En todo caso, o único galego da Champions xogou hoxe e marcou un golazo. Seguiremos vendo a Nacho Novo pola tele en tanto parece que non volve a selección galega.

domingo, 27 de setembro de 2009

NON PASOU NADA RARO

O acontecido nos partidos de onte da quinta xornada de Liga vén demostrar un pouquiño o que xa falamos nestes días neste blog aínda acabado de nacer. O Real Madrid e o Barcelona andan, como era de esperar, sobrados. Non necesitan facer grandes exhibicións para gañar con comodidade. Exemplo evidente o de onte no Bernabeu onde o Tenerife fixo un dignísimo partido, presionando moi arriba e mesmo levando a iniciativa do xogo, creando ocasións polo centro e polas dúas bandas, cunha gran mobilidade dos seus homes de arriba. O público do Bernabeu apupou en varias ocasións a pouca iniciativa do seu equipo de galácticos, incapaz de ter a posesión do balón e no que Xabi Alonso pasou totalmente desapercibido. Os canarios tiveron máis posesión do balón e oportunidades de gol, pero faltoulles a calidade no remate que distingue os equipos que aspiran a un título ds que xogan pola permanencia. Ao Madrid, en cambio, abondoulle con momentos illados de inspiración das súas estrelas para marcar un 3-0 que dá a entender un partido máis cómodo do que en realidade foi. Benzema mostrou por fin a súa mellor versión, con dous goles diferentes nos que demostrou o seu instinto e perseverancia. O terceiro foi un excelente disparo de Kaká dende a frontal ante o que nada puido facer o porriñés Sergio Aragoneses, que, con todo, e malia a pouca chicha do Madrid onte, tivo unha actuación destacada cunhas cantas grandes paradas. O Barcelona non foi tampouco, o equipazo de costume. Custoulle entrar no partido ante un Málaga que lle achuchou moi arriba e procurou tapar sempre as liñas de pase a Xavi. Os andaluces tiveron mesmo unha boa oportunidade para se adiantaren no marcador pero ao nixeriano Obinna fíxoselle de noite cando encaraba nun un contra un a Víctor Valdés. Na área contraria, a defensa do Málaga, especialmente Welligton, aplicábase con dureza inusitada, ás veces rozando os límites do regulamento. Pero por moito que se lle free ao Barça é moi difícil evitar unha media ducia de pases ás costas dos defensas. Nun destes, Ibrahimovic parou co peito e bateu brillantemente a Munúa. O sueco, que entrou no primeiro tempo por un Henry con problemas físicos, vai a gol por partido Co marcador a favor os de Guardiola xogaron con maior comodidade, marcaron un máis e máis que poderían ter metido ante un Málaga ordenado pero pouco ameazador.

Advertiamos o mércores que se algún equipo podía meterse na loita polo título entre Barça e Madrid é o Sevilla, que parece ter dado un paso á frente este ano. Onte gañoulle con grande autoridade ao Athletic en San Mamés. Marcaron Kanouté, Negredo, Renato e Jesús Navas, nomes que dan idea do verdadeiro alcance do plantel do que dispón Jiménez. Ao Athletic báixalle a quentura despois das tres vitorias seguidas do inicio do curso, con dúas claras derrotas consecutivas. É verdadeiramente curioso o pouco competitivos que viran os equipos de Caparrós cando en frente está o Sevilla.

Do mesmo xeito que reivindicabamos a calidade do plantel andaluz dubidabamos da verdadeira capacidade do Valencia para aspirar ao máis alto. Onte ante o Atlético amosou as súas principais virtudes e defectos. As virtudes son evidentes e teñen que ver coa inmensa calidade e velocidade dos seus homes de arriba. Polo xeral inclúese na lista a Villa, Silva e Mata, pero a estas alturas parece xusto incluír a Pablo Hernández, rápido e moi talentoso que nas tres temporadas que leva na Primeira División xa acumula media ducia de auténticos golazos. Os problemas do Valencia están atrás nunha defensa inmadura -e non porque non xogase onte Maduro-, e nun plantel curto en exceso para aturar unha tempada da esixencia da española. Unha análise non moi diferente da que se pode facer do Atlético, no que a brillantez dos dous avanzados, Agüero e Forlán, non ten que ver co nivel moito máis discreto do resto do plantel.

En Inglaterra destacou a contundente vitoria do Liverpool cun xenial, absolutamente xenial, Fernando Torres, que está nun nivel de inspiración e acerto sen precedentes. Leva cinco goles nas dúas últimas xornadas, goles todos eles rebosantes de instinto e talento. O Liverpool, co seu dianteiro centro en tal grao de inspiración, coa experiencia dun plantel que se coñece de fai tempo, con grandes xogadores e un adestrador intelixente, pode aspirar a todo, malia a alta competitividade da Premier, co Chelsea e o United implacables, e o Manchester City que desbanca o Arsenal do cuarteto de favoritos.

En Portugal, primeiro clásico da tempada entre Porto e Sporting de Lisboa que levaron os tetracampións por 1-0 grazas a un gol temperán de Radamel Falcao. O xogador colombiano, ex de River Plate, e do que moito se falara fai dous anos por un suposto interese do Dépor, está a substituír con brillantez a Lisandro, agora en Lyon. Con todo, o equipo de Jesualdo Ferreira non ten aínda a intensidade da época pasada. Por momentos, O estádio do Dragao amosou o seu descontento pola actitude do equipo que, en ningún momento soubo pechar o xogo malia que no 55 o Sporting quedou con dez por expulsión de Anderson Polga. Raul Meireles non fixo mal partido pero non chega aínda ao nível de excelencia do pasado ano, mentres que Hulk, posiblemente o xogador máis desequilibrante do campionato, é imparable pero intermitente en exceso, e un pouco desquiciante pola súa tendenza a ir ao chan así sente o máis mínimo contacto. O Sporting de Lisboa, malia non ter mala actitude e loitar durante todo o partido mesmo en condicións adversas, non parece ter o empaque dun grande. Cun equipo moi técnico fáltalle, porén, gol, sendo dependente en exceso de Liedson, mentres que en defensa, Anderson Polga e Carriço están a cometer demasiados erros. O caso é que o Sporting está xa a oito puntos do líder, Sporting Braga. Pola súa banda, o Benfica segue acumulando goles, leva xa 20 en apenas seis partidos. No Estádio da Luz son optimistas pois o equipo xoga con fluidez soltura. Hai xogadores abondos con moito talento: Aimar, Saviola, Di María, Cardozo, Coentrao, Ramires... e o gol é o único obxectivo polo que está pensado o sistema de xogo. Queda por ver o rendemento do Benfica ante os grandes.