terça-feira, 17 de agosto de 2010

PRIMEIRA XORNADA EN PORTUGAL

Comezou a Liga portuguesa coa confirmación da candidatura ao título, un ano máis, do Sporting Braga, novo lider despois de gañarlle por 3-1 na xornada inaugural ao recén ascendido Portimonense. O equipo minhoto afronta, talvez, a campaña máis importante da súa historia. O ambicioso proxecto de António Salvador,que quere converter o seu clube no cuarto grande de Portugal, vai máis rápido do agardado. A época pasada apenas un brillante Benfica, na última xornada, afastou o Sporting do título. Con todo, o clube gañou o dereito a estar nas previas da Champions. Despois de eliminar brillantemente ao Celtic de Glasgow na primeira das finais, agarda o Sevilla para conseguir o pase definitivo á fase de grupos. Semella un rival demasiado duro para os disciplinados xogadores de Domingos Paciência. Con todo, a súa principal arma secreta debe ser aproveitar a tradicional infravaloración, cando non desprezo, dos clubes españois respecto dos rivais portugueses. Se o Sevilla pensa que vai ser fácil, sufrirá arreo.

O Porto tamén comezou con vitoria (0-1 no campo do Naval) no debú ligueiro cos dragoes de André Villas-Boas, un rapaz de apenas 32 anos que foi edificando o seu prestixio a partir de sete anos como colaborador de Mourinho. Para iso conta cun equipo de primeirísimo nível ao que se engade Joao Moutinho, todo un símbolo do Sporting que abandona Alvalade farto dos contínuos bandazos no institucional e deportivo do seu vello equipo. O Porto mantén probablemente o mellor plantel de Portugal -malia a marcha de Bruno Alves ao Zénit de San Petersburgo-, e resulta aparentemenete temible se algunhas das súas estrelas, nomeadamente Hulk, gozan da continuidade e regularidade que a época pasada, por diversas razóns, non tiveron.

O campión, o Benfica do Jorge Jesus, que tan brillante temporada fixo o ano pasado, terá que asumir a marcha de dous homes importantes como Ramires e Di María. Non debería perder a frescura do seu xogo pero haberá que ver se o seu plantel algo reducido non acusa a presión de disputar a Champions, un torno demasiado esixente e polo que as aguias devecen despois das últimas ausencias. Polo momento, na estrea ligueira no Estádio da Luz apañaron unha dolorosa derrota ante a Acadêmica de Coimbra (1-2), despois deste auténtico golazo no desconto do brasileiro Laionel.


O Sporting de Lisboa parece que non dá saído da dinámica negativa da última temporada. No seu debú ligueiro colleitou unha triste derrota (1-0) no campo do Paços de Ferreira. Que a marcha de Moutinho fora suplida coa chegada do veterano e decadente Maniche, é ben ilustrativa da falta de rumo que dende hai un par de anos caracteriza ao club de Alvalade.

Sem comentários:

Enviar um comentário