domingo, 22 de Novembro de 2009

UNS CORRERON E OUTROS DERON PENA

Antes de analizar polo miúdo o partido, hai que dicir que o Atlético de Madrid demostrou que, efectivamente, é un desastre. Un desastre en defensa- un auténtico colador-, e en actitude, pois todos os balóns divididos gañounos un Dépor que talvez non teña a calidade dos xogadores colchoeiros pero que ten un compromiso colectivo brutal e moi claro a que quere xogar. O Atlético é un desastre pois nin sequera soubo aproveitar o agasallo de Lopo a Agüero aos tres minutos. O arxentino aproveitouno coa solvencia dun bo dianteiro. Parece mentira que o fiable Lopo, de cando en vez, se atrapalle en frivolidades como a de onte que adoitamos pagar cun gol en contra. Parecía que se repetiría a historia dos últimos anos, nos que o Atlético fixo estragos en Riazor, fora Fernando Torres o protagonista, fora o Kun Agüero. Pero onte non. O Dépor fixo un verdadeiro espectáculo no que, posiblemente foi un dos seus mellores partidos da temporada na casa. Atacou con convicción e clarividencia. Sabendo sempre buscar unha banda cando a esixida defensa roxibranca tapaba a outra. Houbo unha chea de ocasións. Lassad recuperou a súa mellor versión e Riki seguiu demostrando que está nun excelente estado de forma. Por desgraza, os árbitros seguen emperrados en non perdoarlle unha. O do cartón amarelo parecía de chacota, máis despois dunha semana marcada pola man de Henry. O penalti non é de todo claro, pero ás veces non se comprende a teima dos árbitros en non entender que os dianteiros, por veces, poidan caer, busquen ou non o engano. O empate, porén, como era de esperar, chegou nunha xogada a bola parada. Córner de libro. Prolongación de Juan Rodríguez e Colotto aparece só no segundo pao. O arxentino é un auténtico especialista neste tipo de xogadas, procurando sempre a sorpresa no segundo pao. Sen dúbida, un dos nosos principais argumentos ofensivos.  Onte gañamos todos os balóns aéreos. O resultado parecía curto para o visto no primeiro tempo. O caso é que o inicio do segundo tempo foi máis demoledor aínda, un auténtico asedio. Lotina está demostrando que para ter un equipo grande non é tan necesario o talonario como facer correr aos futbolistas. Espectacular coma sempre o desbaldimento físico de Guardado, e o de Filipe, e o de Juan Rodríguez, mesmo o do rehabilitado Mista... Mágoa que non culminásemos cun gol. O árbitro tampouco acompañou, anulando un penalti que xa pitara por instancias do seu asistente que viu un fóra de xogo inexistente. Un auténtico desastre. Os árbitros teiman en perxudicar ao Dépor pero o Dépor teima en levarlles a contraria. Despois deste enésimo erro arbitral, o equipo perdeu folgos e o Atlético recuperou certa consistencia no seu xogo. Ninguén podería marchar descontento co empate despois do esforzo dos xogadores branquiazuis, pero si decepcionados pois sería a todas luces resultado inxusto. Por fortuna, e porque o equipo non renunciou ao gol nin coa lingua fóra, tivemos oportunidade para o desagravio no último suspiro do partido. Novo penalti que desta volta ninguén se atreve a negar. Dá pena ver o cabreo dos xogadores atléticos, que deberían quedar calados despois do vergonzoso xogo que ofreceron en Riazor. Tirouno Guardado e marcou o gol que selaba definitivamente a vitoria. Xustísimo premio para o mexicano que está a facer unha temporada sobresaínte, e xustísimo premio para un equipo que non merece máis que parabéns por parte dos seus afeccionados.

quinta-feira, 19 de Novembro de 2009

PARABÉNS PORTUGAL!!!

Ontem houve alma, concentração máxima, humildade, espírito de entreajuda e garra. Portugal foi uma verdadeira equipa! O xornal deportivo do Porto, O Jogo, coma sempre resume á perfeizón o que aconteceu onte, no partido decisivo para a equipa de Queiroz. Non era fácil. Bosnia ameazaba cun ambiente infernal no pequeno estadio Bilino Polje, unha caldeira a presión que parecía un patatal. Blazevic apostou pola vía emocional para clasificar a Bosnia por vez primeira na súa historia para a Fase Final dun Mundial. Contaba co ambiente e co potencial ofensivo dos seus xogadores de arriba: Pjanic, Salihovic, Medunjanin, Djeko, Ibisevic... O que non contaba talvez era coa calidade defensiva e a madurez dos portugueses. Mesmo poderiamos pensar que as reducidas dimensións do terreo de xogo favoreceron aos nosos veciños, que defenderon con moita máis consistencia aínda do que fixeran no Estádio da Luz. Bruno Alves e Ricardo Carvalho non perdoaron un balón arriba e os xogadores do centro do campo estiveron sempre atentos para non permitir agasallos na frontal da área. Pero sobre todo, o principal recurso defensivo de Portugal onte foi a rapidez coa que armaron os contragolpes cada vez que tiveron ocasión. Foi paradigmática a xogada do primeiro tempo na que Raul Meireles a piques estivo de deixar sentenciada a eliminatoria. Unha recuperación na propia área, a bola sae xogada, con clase e velocidade ata o extremo contrario do campo, onde Meireles fai unha parede perfecta con Tiago. Só o porteiro evitou que o magnífico centrocampista do Porto marcase. Pero en ningún momento Portugal perdeu a concentración, mentres que xa no segundo tempo Bosnia perdía a paciencia, deixando uns furados inmensos na súa defesa que os rápidos avanzados portugueses non desaproveitaron. Meireles definiu maxistralmente aos dez minutos do segundo tempo a xogada que carimbaba finalmente o pase de Portugal a Áfica do Sur.



O de onte foi, posiblemente o mellor partido de Portugal nos últimos anos e dálle fin ao sufrimento dunha clasificación requena na que se tivo máis fortuna que bo xogo. Será a posibilidade de que Queiroz se redima dun traballo ata agora bastante cuestionado. Os mesmos xogadores portugueses sentíanse cuestionados en canto á súa calidade como equipo. Muitos abutres falaram mas nao tiveram carne para comer, chegou dicir Eduardo, o gardarredes do Sporting Braga, á fin do partido.

Outro seleccionador eternamente cuestionado é o francés Raymond Domenech. Encarregado de dirixir á selección dun país inzado de grandes futbolistas, tocoulle afrontar o relevo xeracional da campiona do mundo no 98. O xogo errático de Francia e o seu carácter díscolo valéronlle a crítica de prensa e afeccionados do seu país, malia que no Mundial de 2006 acadase a Final grazas á ultima grande exhibición futbolística de Zinedine Zidane. Este última clasificación foi un despropósito que a piques estivo de ter o seu punto culminante onte no Stade de France, coa eliminación vergonzante ante a Irlanda de Trappatoni. Os irlandeses, despois de perder 0-1 no seu país, chegaron á Francia coa seriedade táctica do seu técnico italiano e coa ilusión dun país apaixonado polas xestas deportivas. Defendendo moi arriba e coas liñas moi xuntas afogaron o xogo francés e empataron a eliminatoria cun gol do eterno Robbie Keane no primeiro tempo. No segundo, e co estadio apupando o seu equipo, Keane non soubou definir nun un contra un ante Lloris que tería resultado definitivo. Na prórroga, Francia suspirou cando o árbitro sueco Martin Hansson fíxose o ídem e non viu as claras mans de Henry que habilitaron a Gallas para o gol da vitoria. Flipen:



No resto das eliminatorias, mención especial para dous técnicos moi diferentes: o consolidado Otto Rehhagel, o home que consumara a miragre da Eurocopa de 2004 para Grecia, que volveu facer unha machada e conseguiu a meritoria clasificación dos helenos para un Mundial por segunda vez na súa Historia. Por outro lado, o descoñecido Matjaz Kek, consumou a tamén segunda clasificación de Eslovenia para un Mundial na súa Historia despois de vencer nun partido vibrante a poderosa Rusia do gran Guus Hiddink. O de Eslovenia é tremendo. Un país con menos poboación aínda que Galicia, cun equipo mundialista de fútbol, e ata seis xogadores de básquet na NBA.

terça-feira, 17 de Novembro de 2009

MORTE DUN FUTBOLISTA

O dianteiro mexicano Antonio de Nigris, internacional coa tricolor e ata o día de onte xogador do Larissa grego, uniuse a pasada madrugada á negra lista de xogadores falecidos ao longo desta temporada. Primeiro foi o espanyolista Jarque durante a pretemporada en Italia, a pasada semana o gardarredes do Hannover 96 e da seleccion alemana Robert Enke, que decidía acabar coa súa vida, agora este mexicano ao que se lle parou o corazón aos 31 anos, e que debutara coa súa selección no ano 2001 nun partido amigable contra Brasil no que marcara este golazo



Natural de Monterrey, debutou en 2000 co equipo da súa cidade, co que alcanzou a internacionalidade en 2001. Ese ano proclámase subcampión da Copa América que se disputa en Colombia e gaña a selección anfitriona. Despois dun paso efémero polo América, comeza a súa andaina por varios países do mundo. Comeza por España, polo Vilarreal, onde non triunfa e proba na Segunda no Poli Ejido. Malia dispór de minutos marca moi poucos goles e volve a América, para reforzar o Once Caldas colombiano que ese ano xoga a Final da Intercontinental ante o Porto. De Nigris mete un dos penaltis da tanda final, pero vencen os portuguses. A partir dese momento proba outavolta en México (Puebla e Universidad Nacional), Brasil (Santos), Turquía (Gaziantepspor, Ankaraspor e Anakaragucu), e finalmente este ano incorporárase ao Larissa da Primeira División de Grecia. Despois de anos afastado da tricolor, Hugo Sánchez volveu contar con el en 2008. Na actualidade non contaba nas convocatorias do´Vasco Aguirre´pero non perdía a esperanza de poder formar parte dos elixidos para o Mundial do próximo verán, como confesaba no blog que mantiña na páxina da espn. Un dos xogadores cos que chegou a coincidir na selección foi o deportivista Andrés Guardado, que onte sumábase ás declaracións de condolencia polo futbolista falecido.



Como curiosidade, dcir que Antonio de Nigris non era tan coñecido en México por ser futbolista como por ser irmán do 'Poncho de Nigris', un actor, ou modelo, ou ex gran hermano, ou o que fora, que enche minutos e minutos de telelixo no país azteca. Este é un exemplo da información que adoita xerar este personaxe.

segunda-feira, 16 de Novembro de 2009

PORTUGAL PODE RESPIRAR

Pode respirar Portugal do resultado colleitado o sábado na Luz ante Bosnia. Seguramente a vitoria foi xusta. Portugal xogou mellor e mereceu gañar. O problema é que o equipo de Queiroz dá unha sensación de inconsistencia preocupante. E non é fácil pescudar nos motivos, é un non sei o que que non sei como volo dicir. O gardarredes, Eduardo, é un bo gardarredes. Eu non son moi fan, a verdade, de vez en cando comete erros flagrantes como o que lle costou a eliminación da UEFA ao Sporting Braga a época pasada, pero é bo gardarredes, si. A defensa é espectacular, cunha das mellores parellas de centrais do mundo: Ricardo Carvalho e Bruno Alves. O do Porto, inda por riba, é goleador. O sábado foi el o que meteu o gol da vitoria, se ben tamén cometeu erros no xogo aéreo impropios da súa seguridade habitual. Bosingwa é un dos laterais que mellor se proxecta ao ataque pola banda dereita e defende ben, inda que anda mancado e o sábado xogara o máis recio Ferreira. Pola esquerda xoga Duda, un dos experimentos de Queiroz. Talvez non sexa un lateral espectacular, pero compénsao co seu excelente toque nas xogadas a bola parada. E no banco queda o central Rolando, e Pepe... Non, Pepe, non... O do Madrid xoga de mediocentro coa selección, outro dos experimentos de Queiroz. Un non sabe se é por unha necesidade real do equipo ou por non sentar no banco un dos capos do vestiario. O caso é que Pepe quítalle o posto da titularidade ao Joao Moutinho, que ten pintas de que podería ser socio ideal do gran Raul Meireles, un espectáculo de xogador, e do xenial Deco. Cristiano anda mancado, penso... Ten sitio fixo no once Simao, gran xogador pero que xa non está no punto de madurez de fai un par de anos, o par de anos que lle faltan aínda a Nani para ser un grande. Na punta do ataque, erma Portugal dende a retirada de Pauleta, vén de tomar terra Liedson, un gran goleador que oxalá confirme a súa condición coa equipa das Quinas. En fin, un equipazo que sería un desperdicio que non estivera presente no próximo Mundial. Pero o partido do sábado, malia que o resultado foi bo, deixa tantas dúbidas como a errática e case tráxica fase de calificación. O equipo toca ben pero non traba, como o toureiro que despois dunha gran faena ten que perder media hora en rematar o touro co escalpelo. E atrás, sempre hai algún momento de desconcerto que pode costar un disgusto, a non ser que medie a sorte, como nesta xogada a dous minutos do final do partido do sábado. Portugal respira pero aínda non ten moito que celebrar.



Rusia tampouco pode botar foguetes. É favorita ante Eslovenia, e demostrouno no campo, xogando mellor e demostrando a súa superioridade, cun equipo inzado de xogadores talentosos como Arshavin, Zhirkov, Pavlyuchenko e Bilyaletdinov. O do Everton foi o gran protagonista do seu equipo con dous goles, os dous coa diestra sendo como é zurdo pechado. O mellor o primeiro dos dous goles:



O 2-0 era unha renta extraordinaria para os de Hiddink, pero os modestos eslovenos reaxiron no treito final e acabaron pescando a falta de cinco minutos para o remate, un goliño que lles pode resultar de ouro de cara á volta. Marcouno un xogador do Nacional de Madeira: Pecnik.

quarta-feira, 11 de Novembro de 2009

ATÉ JÁ, PAULO BENTO

Despois de empatar na Europa League ante o Ventspils letón no Alvalade, o pasado 6 de novembro, o Paulo Bento demitiu como técnico do Sporting de Lisboa e logo foi comer un arroz con lagosta ao Restaurante os Courenses (frase textual da entrada de Paulo Bento na wikipedia). O equipo leonino non acaba de arrincar esta temporada, na que lle costa unha barbaridade marcar goles e por iso é sétimo na Liga con apenas 13 puntos en nove partidos. Esta era a súa quinta temporada como técnico, polo que coincidiu coa supremacía do Porto de Jesualdo Ferreira na Liga. Nestes anos conseguiu duas Taças de Portugal e converterse nun dos personaxes máis populares do seu país grazas, sobre todo, ás parodias que lle fan no popular programa de humor da SIC Gato Fedorento. Vexamos primeiro o vídeo da demisión do Paulo Bento, e logo algunhas das parodias deste programa para comprobar como, efectivamente, crávano.









O IMPORTANTE É QUE PASAMOS

Foi un partido ben aburrido. Dificilmente será lembrado cando remate a temporada. A xente desertou de Riazor dando por feito que dificilmente o penúltimo clasificado podería remontar o resultado adverso e por pouco levamos un disgusto. Non se lle pode negar bravura ao Murcia, que foi co que tiña pola eliminatoria e puido empatala nunha xogada que Natalio acabou enviando ao pau despois da enésima grande intervención do asturiano Manu, que no un contra un meteu unha man providencial. Manu foi sen dúbida a mellor noticia do Dépor nestes dezaseisavos. Tivo traballo arreo e resolveuno todo cunha grande serenidade e eficacia. De feito, emendou por veces as fendas abertas nunha defensa moito menos contundente da habitual na Liga. Arriba tampouco estivemos moito máis lúcidos, cun Adrián que segue sen atopar a maneira de explotar como o gran xogador que se lle presupón e un Pablo Álvarez emperrado en resolver cada xogada pola súa conta. Foi unha mágoa, sen dúbida, a lesión de Brayan Angulo á media hora de partido. Non ten boa pinta. Ogallá que non sexa de gravidade pois o incansable Filipe necesita un recambio de garantías por se falta algún día. Manuel Pablo teno. Laure, malia sufrir un pouquiño en defensa na marca do ex-pontevedresista Capdevila, é un lateral moi completo e sabe incorporarse con moita intelixencia ao ataque, procurando sempre a liña de fondo e centrando con moito xeito. O segundo tempo mudou un pouquiño o xogo. O Dépor tivo máis o balón e sufriu menos atrás e iso permitiu que aparecese Valerón o suficiente como para desequilibrar o partido coa súa soberbia visión de xogo que provocou un penalti que Sergio tirou bastante mal, malia ser un tirador de penaltis de bastantes garantías. Co 0-0 houbo que sufrir ata o final, inda que era patente a diferencia de categoría entre os dous equipos. Especialmente nótase en xogadores coa veteranía de Manuel Pablo ou Juan Rodríguez, moi seguros e confiantes en cada unha das súas accións. Agora o bombo dos oitavos depararanos un rival de maior categoría... ou o Alcorcón, ou o Celta. Veña quen veña, benvido sexa.

O Real Madrid finalmente consumou o seu fracaso ante os seus veciños de Alcorcón. Alén do fiasco dos brancos, hai que homenaxear aos bravos xogadores da Agrupación, que fixeron un partido digno do seu fermoso himno:


Himno de la Agrupación Deportiva Alcorcón

En los campos de la arcilla,

trilla el viento un campeón,

un gigante de Castilla,

que se llama Agrupación.


La tierra de los pucheros,

hoy es tierra de senderos,

deportivos de ilusión,

y sus viejos alfareros,

son modernos mosqueteros

artesanos del balón.


Agrupación, Agrupación, fue la primera,

Agrupación,

Agrupación, Agrupación, tu eres mi bandera,

Agrupación, Agrupación, tu eres el canto,

deportivo de Alcorcón.


Viajeros de mil caminos,

y arcilleros de Alcorcón,

han unido sus destinos,

rodeando su blasón.


Ha crecido muy deprisa,

y le rompe la camisa,

su valiente corazón,

y en los terrenos que pisa,

nunca pierda la sonrisa,

porque tiene a su afición.


Agrupación, Agrupación, fue la primera,

Agrupación,

Agrupación, Agrupación, tu eres mi bandera,

Agrupación, Agrupación, tu eres el canto,

deportivo de Alcorcón.




Hoxe, ademais , da xornada copeira, sóubose dunha triste noticia, a morte do gardarredes alemán Robert Enke, nun estraño suceso ao ser arrollado por un tren nun paso a nivel. Todo apunta a que se tratou dun suicidio. Enke era na actualidade porteiro do Hannover 96 e habitual nas convocatorias da Selección alemana. A época pasada fora considerado mellor porteiro da Bundesliga. Natural de Jena, na antiga Alemaña do Leste, debutou no mítico club da súa cidade: o Carl Zeiss Jena. Despois de tres temporadas no Borussia Mönchengladbach tivo un periplo polo estranxeiro: Benfica, Barcelona, Fenerbahce e Tenerife, ata que finalmente asentouse como porteiro do Hannover. Era un recoñecido activista polos dereitos dos animais e prestara a súa imaxe a campañas contra a industria peleteira.

terça-feira, 10 de Novembro de 2009

MALOS TEMPOS PARA BENÍTEZ

Rafa Benítez está a vivir os seus peores tempos como adestrador do Liverpool. Sen Torres e sen Gerrard, o equipo perde o 90% do seu potencial. Xa van 9 partidos nos que apenas conseguiron unha vitoria. O líder da Premier, o Chelsea, está xa a 11 puntos, e só un miragre permitirá que estean nos oitavos da Champions. Onte, o batacazo ante o Birmingham City foi a gota que encheu o vaso da paciencia de boa parte dos medios afíns ao Liverpool que piden a cabeza do español, o cal sería algo insólito pois nunca na lonxeva historia do club red un técnico foi cesado no medio dunha temporada. Con todo, o batacazo non foi tan grande grazas a un rapaz francés de 20 anos, David N´Gog, que completou un gran partido, marcando o primeiro gol e forzando o penalti que supuxo o empate a dous goles con este soberbio piscinazo.



O penalti marcouno Gerrard que forzou para xogar o segundo tempo, mentres que Fernando Torres seguirá sendo baixo durante unha temporadiña. Onte, inda por riba, saíron mancados do campo Albert Riera e Yossi Benayoun, outros dous tipos con calidade que pasan pola enfermería. A única nota positiva foi o debú co Liverpool en Liga de Alberto Aquilani, o ex-da Roma que ven encher o baleiro de Xabi Alonso. Aquilani é gran futbolista e peor persoa. Nalgunha entrevista dixo non entender nada de política, inda que logo opine tamén que "en Italia hai demasiados impostos e inmigrantes", se posicione contra o aborto e admita que ten na casa unha foto de Mussolini. Non sei se Benítez, que polo xeral sabe ben como saír de situaciós difíciles, será capaz desta volta, de solucionar esta. Honestamente penso que é un bo adestrador e que o seu traballo á fronte do Liverpool é moi meritorio, non hai que esquecer que hai 20 anos que o Liverpool non gaña unha Liga. Con todo, as baixas de Gerrard e Torres están a ser unha lousa demasiado pesada para un pantel que fóra destas dúas estrelas, non pode competir cos outros grandes da Premier. Á marxe de todo isto, o gran protagonista do partido de onte non debera ser Benítez nin o Liverpool, senón o espectacular abrigo do novo propietario do Birmingham, Carson Yeung, multimillonario de Hong Kong que asegura estar disposto a desembolsar no mercado invernal 40 millóns de euracos para que McLeish teña un equipiño ao seu gusto. Non lles viría nada mal un dianteiro tipo Bodipo, por certo.