
Diciamos que o principal problema do Sevilla na súa eliminatoria ante o Braga sería infravolar o verdadeiro potencial do seu rival. Non sei se efectivamente o infravalorou ou non, pero o equipo de Domingos Paciência demostrou sobradamente que é un equipo de primeiro nivel e que, con motivo, lle roubou a praza champions a Porto e Sporting Lisboa, e lle disputou a Liga ata a última xornada ao Benfica. O principal mérito do equipo minhoto é que sempre, sempre, independentemente do rival, procura a vitoria, e finalmente o máis normal é que acabe por conquerila. Iso non quere dicir que esteamos a falar dun equipo temerario. O Sp.Braga é especialmente ordenado, cunha defensa veterana e eficaz e dous mediocentros de sacrificio constante e calidade para sacar o balón ( o capitán Vandinho e a nova incorporación Leandro Salino, quen xa demostrara o seu nivel no Nacional de Madeira). Arriba, ademais, conta con homes rápidos e intelixentes (Alan, Paulo Cesar, Matheus) que procuran seguido o desborde ou as costas da defensa. Se a iso lle engadimos un aproveitamento metódico das xogadas de estratexia, raro resulta que o Braga non faga cando menos un gol por partido.
En Braga ven o soño da fase de grupos da Champions un pouquiño máis cerca que onte. Con todo, será moi difícil manter o tipo ante un Sevilla que sendo superior, pasou polo AXA Stadium coma un equipo pequeno confiado ao talento do seu único xogador desequilibrante: Jesús Navas.
Sem comentários:
Enviar um comentário