Mostrar mensagens com a etiqueta Juca. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Juca. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 9 de outubro de 2009

OS DEZ PROTAGONISTAS DO COMEZO DE TEMPORADA

Esta á miña escolma persoal dos 10 protagonistas do comezo da temporada futbolística 2009-2010

10.Pedro León: Unha das fichaxes importantes, inda que pasara desapercibida, do mercado de verán. Despois dunha magnífica temporada no Valladolid, o xogador murciano, irmán do ciclista Luis León Sánchez, está a facer un inicio de campaña impresionante co Xetafe. É un perigo constante por banda dereita e xa leva dous goles de bandeira.

9.Radamel Falcao: O dianteiro colombiano procedente do River, e de quen se falara que o quería o Dépor fai dúas temporadas, tiña o difícil reto de facer esquecer no Porto a Lisandro López. Polo momento, é unha das grandes estrelas da Liga Sagres. Vai a gol por partido, con goles de todas as facturas: perna dereita, perna esquerda, calcaño, cabeza... O seu duelo polo pichichi luso co benfiquista Cardozo antóllase apaixoante. Pode marcar unha época no Porto.

8.Zlatan Ibrahimovic. Había algunhas dúbidas sobre o rendemento do sueco no Barça, sobre todo polo difícil reto de substituír a Eto´o. Pero mentres o camerunés comezou a campaña con máis pena que gloria en Milán, Zlatan está demostrando que coa súa inmensa calidade é a guinda perfecta para o gorentoso equipo de Guardiola.

7.Fernando Torres. Comezo absolutamente espectacular do dianteiro español no Liverpool. A súa facilidade para marcar goles da nada e o seu cada vez máis evidente liderado no equipo de Anfield Road disipan as dúbidas dos que pensaban que era esaxerado o seu balón de bronce na época pasada. A estas alturas é un dos dianteiros máis desequilibrantes do fútbol mundial e calquera opción de que os de Rafa Benítez consigan o título case vinte anos despois pasa porque Torres manteña o seu extraordinario momento de forma actual.

6.Adebayor+Tévez. Parece que por fin o Manchester City multimillonario ten equipo para aspirar ao título da Premier. O mellor exemplo é a súa parella de dianteiros. Tévez é un tipo cuxa calidade só é superada polo seu encomiable derroche físico en cada partido. Deixou pegada en todos por cantos clubes pasou pero pode consagrarse no City, onde ademais é o complemento perfecto do crack Adebayor, un talento sobrenatural que atopa por fin un equipo gañador. Con todo, neste apartado non esquezamos outras pezas importantes do novo City como Kolo Touré, Gareth Barry, Stephen Ireland ou Craig Bellamy.

5.Iker Muniain. San Mamés frótase as mans despois da aparición deslumbrante desta perla de Lezama que non se achicou en absoluto dende a súa chegada ao primeiro equipo. É xa o goleador máis noviño da Historia da Liga, marcou o gol que lle deu ao Athletic unha clasificación agónica na UEFA, e a súa marxe de progresión é realmente esperanzadora.

4. Thomas Müller. A maior aparición da canteira do Bayern nos últimos anos, superior se cadra á de Schweinsteiger. Centrocampista técnico, vertical e cunha chegada a gol espectacular, os seus goles foron o revulsivo necesario para un Bayern de Van Gaal que comezou erraticamente a Bundesliga. Será probablemente un dos grandes xogadores europeos da próxima década.

3. Domingos Paciência. O ex-dianteiro do Porto ou do Tenerife, do que tamén se falara moitas veces que lle andaba atrás o Deportivo, deu un paso adiante como técnico da Liga portuguesa tomando as rédeas do ambicioso Sporting Braga. Despois do seu paso por Leiria e Coimbra había dúbidas sobre a súa capacidade para mellorar o traballo feito no equipo minhoto por Jorge Jesus. Pero sete xornadas despois de que dera comezo o campionato, xa asinou o mellor comezo da historia do clube con sete vitorias en sete partidos e unhas expectativas moi ambiciosas, pois conta cun plantel amplo, compensado e de calidade.

2. Jesús Navas. O xogador máis desequilibrante da Liga, co permiso de Messi e Ronaldo. É unha marabilla velo xogar. Extremo puro dos que xa non se estilan, é capaz nun partido de xerar media ducia de ocasións claras para o seu equipo , que non está falto, inda por riba, de bos dianteiros. O mellor argumento para acreditar que o Sevilla é o máis serio aspirante ao título. Inda por riba, mantén esa peculiar negativa de acudir á selección española por estraños problemas de ansiedade.

1.Juca. A mellor noticia do Dépor na temporada polo seu marabilloso disparo de falta e os seus servizos nas xogadas a bola parada. Unha das explicacións do magnífico comezo de Liga do Deportivo. Esperemos que o Lampard dos Balcáns manteñan este nível no que resta de temporada.

segunda-feira, 5 de outubro de 2009

CONFÍRMANSE CERTAS SOSPEITAS

Pouco fútbol puiden ver este domingo, pero parece que se confirman algunhas impresións das que fomos debullando nos post anteriores. A principal é que xa non hai dúbida ningunha de que o Sevilla é un candidato claro para o título. Pasoulle por riba ao Madrid sacando a relucir o seu espléndido arseal de armas ofensivas -con mención especial para o grandísimo Jesús Navas- e defensivas. O vindeiro rival do Sevilla é o Dépor, que tan contentos nos ten aos seus seareiros. Xa van tres vitorias seguidas e as tres fundamentadas en manter a porta propia a cero. Como diciamos onte, a defensa do equipo está espléndida, sendo realmente atractiva a parella Lopo Colotto, segurísimos atrás e toda unha ameaza arriba. A eficacia do Dépor nas xogadas a balón parado é francamente esperanzadora. Sexa mediante lanzamentos directos -Juca-, faltas laterais ou corners, estamos a sacarlle un rendemento extraordinario a este tipo de xogadas, o cal é unha benzón tendo en conta a pouca dinamita dos nosos dianteiros. Do mesmo xeito, tamén cómpre salientar que o Dépor é un equipo que defende especialmente ben estas xogadas -inda que moita xente critique que nunca se deixe un home adiante-, das que recibimos moi poucos goles. Unha cousa e a outra, valorando a trascendencia das xogadas de estratexia no fútbol actual, explican en boa medida a boa xeira destas seis primeiras xornadas.

Falando de parellas de centrais, cada vez teño máis a certeza de que a mellor parella de centrais do fútbol europeo tena o Porto, co sobrio, rápido e eficiente Rolando e o inconmesurable Bruno alves, que onte ademais marcou o seu primeiro gol da Liga nun espléndido cabezazo. A defensa é o piar principal do equipo de Jesualdo Ferreira que onte resolveu con tremenda eficacia o seu difícil partido ante o Olhanense. Falabamos ao principio do artigo de sospeitas que se van confirmando e unha delas é a pouca pegada do Sporting de Lisboa, que volveu asinar un triste partido con empate sen goles ante os Belenenses e afástase con pasos de xigante dos postos de arriba. Actualmente está a dez pntos do líder Sporting Braga -que despois de vencer ao frouxo Vitória de Setúbal- xa leva unha xeira espectacular de sete vitorias en sete partidos.

segunda-feira, 28 de setembro de 2009

SUFRINDO TAMÉN PRESTA

O partido foiche bo. No primeiro tempo o Dépor saíu coa intensidade que reclamaba Lotina, presionando arriba, movendo o balón con rapidez, procurando as bandas, con Lopo e Colotto impecables atrás. Logo chegou a falta sobre Filipe e o Jucatazo impresionante, o segundo consecutivo, de execución impecable, malia a boa esticada do Diego López. Co 1-0 o Dépor non achantou, malia a lesión posterior de Juca, o partido de Sergio e Antonio Tomás foi de nota. Só faltou, talvez, que Adrián e Lassad estiveran un pouquiño máis rápidos, un pouquiño máis intensos.... De todos modos hai que entender que non están aínda recuperados de todo dos seus problemas físicos, polo que habería tamén que pregarlles aos de tribuna que non sexan de apupo tan rápido. Que se algo temos que ter este ano todos: xogadores directiva, técnicos, afición, xornalistas... todos, é paciencia. Non debemos esquecer que onte enfrentábamonos a un equipazo: o Vila Real, inzado de xogadores de calidade e que agradeceu o retorno de Marcos Senna ao once inicial. Valverde lamentou que como nas catro xornadas previas, o seu equipo tardara tanto en meterse no partido. Soubémolo aproveitar, inda que con moito sufrimento, porque a partir do segundo tempo non houbo máis dono da pelota que o equipo amarelo. Con todo, o desbaldimento físico dos nosos xogadores foi notable. Mención aparte merece Andrés Guardado, absolutamente incansable. Por veces a súa entrega foi conmovedora, e inda que ás veces lamantemos que o xogador non ofreza algo máis do que ofreceu ata agora, hai que quitarse o chapeu ante o derroche físico que onte fixo en beneficio do equipo. Do mesmo xeito foi salientable o traballo físico e táctico de Sergio e Antonio Tomás, os primeiros en achicar ante a ofensiva levantina. Manuel Pablo demostrou que a veteranía é un grao, e Filipe que o talento é un don. Mentres que Aranzubia, ás veces timorato nas saídas, estivo pletórico de reflexos, salvando un gol imposible. En calquera momento o Vila Real podía empatar e, como ben dixo Lotina na rolda de prensa, a sensación do equipo seguiría sendo positiva, pero nos ultimos vinte minutos, acougou un anaco a ofensiva contraria, cando amosamos as gadoupas do contrataque, con Valerón debullando xogadas xeniais a contagotas e Riki demostrando que anda picado e que é o dianteiro máis en forma do equipo. O árbitro quixo amargarnos o partido pitando unha falta de saque de Aranzubia que ben nos puido causar un disgusto. Éche incomprensible o criterio polo que os árbitros, de vez en cado, lles dá por pitar este tipo de xogadas. Vimos en Riazor unha chea de equipos perdendo o tempo descaradamente e nunca se lles sancionou por iso. A nós xa nos pitaron dous libres indirectos en contra por xogadas absurdas nos últimos meses: o de onte e o da pasada tempada na Rosaleda. Mais finalmente, a cousa saíu ben e sumamos tres puntos que nos poñen de quintos na tabela. Remata o primeiro mes de competición e a valoración non pode ser máis que positiva. En cinco partidos levamos máis da metade de puntos dos que levabamos ao remate da primeira volta de fai dúas campañas. Entrementres a nosa eficacia de cara á porta contraria é realmente esperanzadora. Onte sumamos un gol máis malia que o número de ocasións a favor non foi especialmente elevado. Levamos xa cinco partidos seguidos marcando. Fantástico! Na rolda de prensa posterior ao partido un xornalista peculiar, inda que entrañable, cuestionoulle a Lotina o feito de que defendamos os corners con todos os xogadores no canto de deixar algún home adiante para que leve un par de contrarios con el. Lotina respondeu como non pode ser doutra maneira: ti tes o carné de adestrador´? É certo, de fútbol todos podemos falar, pero deixemos o maestro inda que sexa un burro.

quinta-feira, 24 de setembro de 2009

TRES GOLES MÁIS

Xa estamos de sétimos, que é onde acabamos a Liga pasada. Catro partidos, dúas vitorias, dúas derrotas e... oito goles a favor. Esta está a ser, sen dúbida, a gran noticia do Deportivo dende o comezo da temporada, o gran número de goles que estamos conseguindo para as poucas ocasións que, en proporción, xeramos. Os goles de onte, ademais, obviando o golazo do pobre Leandro, son dos que suben a moral da afición. Jucatazo de falta directa -os goles de falta directa do Dépor nos últimos anos cóntanse cos dedos dunha man- e cabezazo inapelable de Riki. Polo demais, o partido de onte tampouco permite tirar moitas conclusións de cara ao futuro vista a fraqueza preocupante do Xerez que, ou moito cambia, ou fede dende xa a Segunda División. Por iso a lectura do partido do Dépor non pode ser excesivamente positiva. Gañouse e demostrouse a superioridade evidente no campo, pero co 1-0 houbo un exceso de relaxación que puido acabar en disgusto malia a escasísima pegada do Xerez -Bermejo puido empatar a vinte minutos do final cun trallazo ao traveseiro que evitou que fose gol Aranzubia cunha esticada impresionante-. Faltou máis posesión do balón. No primeiro tempo, antes do gol de Juca, funcionou Sergio, facendo o que lle pediamos onte, mover o balón con criterio no centro do campo. Acompañouno Guardado, que cando baixa unha velocidade encaixa ben no xogo combinativo do equipo. E destacar máis unha vez a Juca que alén do gol e a asistencia de gol a Riki, segue demostrando un enorme compromiso no xogo colectivo e calidade suficiente na distribución do balón. Con todo, despois do primeiro gol, o equipo relaxouse un anaco e renunciou a bola cando o máis apropiado tería sido talvez ir a rematar un rival doente. Outro punto de atención que sinalabamos onte era a achega de Lassad e Adrián arriba. Tiveron un partido máis ben discreto- Adrián estivo lento de máis para aproveitar dous agasallos da defensa xerecista-, do mesmo xeito que Pablo Álvarez, que ten uha tendenza preocupante a meterse en batallas en solitario sen demasiadas expectativas de éxito. Porén, con todos os erros, que haberá que seguir corrixindo no día a día, ao Dépor sobroulle para sumar os tres puntos e recuperar fóra o que se perdera na casa. Agora haberá que ver se somos capaces de aproveitar a visita dun Vila Real que vén mergullado nunha crise de resultados impropia dos seus últimos anos. O que está claro é que non van dar tantas facilidades como o pobre Xérez, no que só a Viqueira se lle prendía de cando en vez a luceciña do talento.

E onte falabamos do enorme potencial do Sevilla. Considerabamos que era o único equipo ao que viamos con posibilidades de meterse na loita entre Madrid e Barça. Non parece que sexa o caso do Valencia, que onte perdeu en Xetafe merecidamente, 3-1. Ben coñecido é o potencial do equipo de Emery arriba con xogadores conmo Villa, Silva ou Mata. Pero o resto do plantel non parece estar á altura. A defensa é inexperiente de máis, os laterais non son grandes defensores, pero tampouco acaban de brillar nas súas incorporacións arriba. Marchena no mediocampo parece un boxeador decadente que protesta seguido e busca o golpe baixo, pero que xa é incapaz de gañar un combate, e só Banega parece que esta temporada está a alcanzar o nível dun equipo que aspire a algo. Se a iso lle unimos a impaciencia propia de Mestalla, que é deses campos nos que a afición, por moito que consiga, nunca parece estar contenta, augúrolle mesmo problemas ao Valencia para estar o próximo ano en Champions.

E por último falar da Segunda B, que onte tivo tamén xornada no medio da semana. Destacar a vitoria do renovado Pontevedra en San Lázaro. Os granates xa se sitúan en postos de promoción, neses polos que adoitan moverse ao longo de todas as temporadas, para finalmente morrer na beira. Esperemos que desta volta si o Pontevedra, que iniciou unha interesante campaña de promoción entre a súa masa social: optimismo crónico, acabe conseguindo o ascenso que merece por historia e afición. Por outro lado, lembro aquela anécdota de Arsenio, no primeiro ano de Dépor en Primeira cando camiño penso que de Donosti, lles amosou aos seus xogadores, non lembro se Las Llanas ou Ipurúa, para que non esqueceran de onde viñan. Pois ben, onte foi o Montañeros de José Ramón, que lembrará ben aquela anécdota, o que visitou
Ipurúa, mais no caso deste equipo do fútbol modesto coruñés, visitar Ipurúa non é un paso atrás, senón un dos máis importantes da súa historia, pois Ipurúa é xa un clásico do fútbol español.