quinta-feira, 24 de setembro de 2009

TRES GOLES MÁIS

Xa estamos de sétimos, que é onde acabamos a Liga pasada. Catro partidos, dúas vitorias, dúas derrotas e... oito goles a favor. Esta está a ser, sen dúbida, a gran noticia do Deportivo dende o comezo da temporada, o gran número de goles que estamos conseguindo para as poucas ocasións que, en proporción, xeramos. Os goles de onte, ademais, obviando o golazo do pobre Leandro, son dos que suben a moral da afición. Jucatazo de falta directa -os goles de falta directa do Dépor nos últimos anos cóntanse cos dedos dunha man- e cabezazo inapelable de Riki. Polo demais, o partido de onte tampouco permite tirar moitas conclusións de cara ao futuro vista a fraqueza preocupante do Xerez que, ou moito cambia, ou fede dende xa a Segunda División. Por iso a lectura do partido do Dépor non pode ser excesivamente positiva. Gañouse e demostrouse a superioridade evidente no campo, pero co 1-0 houbo un exceso de relaxación que puido acabar en disgusto malia a escasísima pegada do Xerez -Bermejo puido empatar a vinte minutos do final cun trallazo ao traveseiro que evitou que fose gol Aranzubia cunha esticada impresionante-. Faltou máis posesión do balón. No primeiro tempo, antes do gol de Juca, funcionou Sergio, facendo o que lle pediamos onte, mover o balón con criterio no centro do campo. Acompañouno Guardado, que cando baixa unha velocidade encaixa ben no xogo combinativo do equipo. E destacar máis unha vez a Juca que alén do gol e a asistencia de gol a Riki, segue demostrando un enorme compromiso no xogo colectivo e calidade suficiente na distribución do balón. Con todo, despois do primeiro gol, o equipo relaxouse un anaco e renunciou a bola cando o máis apropiado tería sido talvez ir a rematar un rival doente. Outro punto de atención que sinalabamos onte era a achega de Lassad e Adrián arriba. Tiveron un partido máis ben discreto- Adrián estivo lento de máis para aproveitar dous agasallos da defensa xerecista-, do mesmo xeito que Pablo Álvarez, que ten uha tendenza preocupante a meterse en batallas en solitario sen demasiadas expectativas de éxito. Porén, con todos os erros, que haberá que seguir corrixindo no día a día, ao Dépor sobroulle para sumar os tres puntos e recuperar fóra o que se perdera na casa. Agora haberá que ver se somos capaces de aproveitar a visita dun Vila Real que vén mergullado nunha crise de resultados impropia dos seus últimos anos. O que está claro é que non van dar tantas facilidades como o pobre Xérez, no que só a Viqueira se lle prendía de cando en vez a luceciña do talento.

E onte falabamos do enorme potencial do Sevilla. Considerabamos que era o único equipo ao que viamos con posibilidades de meterse na loita entre Madrid e Barça. Non parece que sexa o caso do Valencia, que onte perdeu en Xetafe merecidamente, 3-1. Ben coñecido é o potencial do equipo de Emery arriba con xogadores conmo Villa, Silva ou Mata. Pero o resto do plantel non parece estar á altura. A defensa é inexperiente de máis, os laterais non son grandes defensores, pero tampouco acaban de brillar nas súas incorporacións arriba. Marchena no mediocampo parece un boxeador decadente que protesta seguido e busca o golpe baixo, pero que xa é incapaz de gañar un combate, e só Banega parece que esta temporada está a alcanzar o nível dun equipo que aspire a algo. Se a iso lle unimos a impaciencia propia de Mestalla, que é deses campos nos que a afición, por moito que consiga, nunca parece estar contenta, augúrolle mesmo problemas ao Valencia para estar o próximo ano en Champions.

E por último falar da Segunda B, que onte tivo tamén xornada no medio da semana. Destacar a vitoria do renovado Pontevedra en San Lázaro. Os granates xa se sitúan en postos de promoción, neses polos que adoitan moverse ao longo de todas as temporadas, para finalmente morrer na beira. Esperemos que desta volta si o Pontevedra, que iniciou unha interesante campaña de promoción entre a súa masa social: optimismo crónico, acabe conseguindo o ascenso que merece por historia e afición. Por outro lado, lembro aquela anécdota de Arsenio, no primeiro ano de Dépor en Primeira cando camiño penso que de Donosti, lles amosou aos seus xogadores, non lembro se Las Llanas ou Ipurúa, para que non esqueceran de onde viñan. Pois ben, onte foi o Montañeros de José Ramón, que lembrará ben aquela anécdota, o que visitou
Ipurúa, mais no caso deste equipo do fútbol modesto coruñés, visitar Ipurúa non é un paso atrás, senón un dos máis importantes da súa historia, pois Ipurúa é xa un clásico do fútbol español.

Sem comentários:

Enviar um comentário