terça-feira, 22 de setembro de 2009

AGARDANDO POLO XEREZ

Despois de perder na casa co Espanyol viaxamos cara ao sur para nos enfrontar ao noso segundo pechacancelas consecutivo: o Xerez. Os andaluces teñen dúas baixas notables: Aythami e Bergantiños, por estaren cedidos por nós. Xa non están cedidos Momo e Viqueira. O de Ordes é unha sorte de Valerón para a torcida xerecista, un tipo que xoga andando pero que cada vez que toca un balón pon en evidencia ás cualidades técnicas dos seus sufridos e esforzados compañeiros. No Bernabeu, así como Valerón marcou un golazo e errou outro claro fai tres semanas, Viqueira lixou o traveseiro cun tiro de falta espectacular. Pola súa banda, Álex Bergantiños xogaba o seu segundo partido en primeira, e abofé que o fixo ben, decidindo sempre o máis acaído para o equipo, tanto na destrución do xogo como na construción. Que me aspen se este rapaz non ten un sitio no equipo para a vindeira temporada!!! Un soña con que acompañe a Juan Domínguez no futuro doble pivote do Dépor, inda que Lotina, polo momento, segue sen incluír a Juan nas convocatorias. Por moita ansia que teñamos de velo debutar en primeira, máis despois da exhibición do Teresa Herrera, parece xusto deixar a Lotina que administre a súa progresión como considere axeitado. Entrementres, parece claro que Lafita non vai volver por Riazor se non é enfardado coa camisola do Zaragoza, un equipo que se está a gañar un sitio na lista negra do deportivismo. Lotina pensa no seu substituto e fala de dous homes: Jordi Alba e Giovani dos Santos, dúas propostas coherentes e interesantes que encaixan na filosofía de incorporacións do clube nos últimos anos. Un, honestamente, bota de menos a Wilhelmson. Facíao todo tan fácil!!! En todo caso, con Wilhelmson ou sen Wilhelmson, con Giovani ou sen Geovani, co Jordi Alba ou sen Jordi Alba, estou seguro de que hai tres, seis, ou mesmo nove planteis piores co Dépor na Primeira División.

Onte pechouse a quinta xornada da Liga Sagres cun fascinante Sporting de Lisboa-Olhanense. Os de Paulo Bento pasáronas putas, nunca a expresión resultou tan acaída, ante o equipo do Algarve, recén ascendido e adestrado por un clásico portugués dos 90: o Jorge Costa, aquel central que facía parella con Fernando Couto e a quen vimos sangrar a cachón unha vez en San Siro. Como a maioría dos centrais reconvertidos en adestradores, o seu equipo foi atrevido e alegre. Con cinco rapaces cedidos polo Porto, a maioría deles internacionais sub-21, chegaron a poñerse 2-0 á media hora. Destacar especialmente aos xogadores Rabiola, Ukra e Tengarrinha. Mágoa que a defensa non deixase tan boa imaxe como os homes do arriba. A inocencia atrás custoulles a remontada ante un Sporting de Lisboa ben requeno que penso vai quedar eliminado da loita polo título ben cedo. O Olhanense, pola súa parte, coa pegada demostrada onte e máis nos primeiros catro partidos, dos que saíu invicto, parece un candidato claro a converterse en revelación no campionato.

E falando de defensas reconvertidos, falo desta volta nun defensa reconvertido en comentarista, ao que se lle bota moito de menos: Marcelino Elena, que na época pasada nas retransmisións da Premier demostrouse un dos mellores comentaristas que teñen pasado por televisión en moito tempo. Falaba o xusto, falaba ben, sabía do que falaba... se cadra por iso durou tan pouco. O seu substituto, o Petón, con nome de pizzería-franquía coruñesa algo sabe, pero menos do que el pensa que sabe, e fede a Larguero, se cadra por ter que ir ao Larguero deixa as retransmisións a medias. Mención aparte merece o debut como comentarista en Gol Televisión de Víctor Muñoz que demostrou que, inda que parecía difícil, é pior comentarista que adestrador.

Canto ao Zona Champions da Galega promete. Terio Carrera, Timiraos e Fernando Vázquez, tres craques. Inda que no primeiro día Timi confundira o Inter co Milan e Fernando Vázquez non vira un burro a catro pasos.

Sem comentários:

Enviar um comentário