sábado, 26 de setembro de 2009

GRANDE SPORTING BRAGA!

Mentres en Portugal están hoxe de xornada de reflexión ante as eleccións lexislativas de mañá, o Sporting Braga continúa coa súa xeira incrible de partidos gañados. Seis de seis, xa só quedan 28. Onte non o tiñan fácil, no Jose Arcanjo de Olhao, ante un equipo do que xa dixemos que se postula para equipo revelación coa súa manda de rapaces talentosos cedidos do Porto. Mais o Braga, facendo honra ao apelido do seu adestrador tivo paciencia e finalmente sorte e acabou batendo coa vitoria despois dun gol no último suspiro do desconto de Alan. O Sporting leva nos últimos anos intentando converterse no cuarto grande de Portugal. O ano pasado, o equipo armado por Jorge Jesus, fixo un xogo brillante mais acabou quinto, por atrás do Nacional de Madeira, mentres que na UEFA foron eliminados polo PSG despois dunha triste cantada de Eduardo. Este ano tomou as rédeas do equipo Domingos, adestrador pouco experiente que tivo a intelixencia de aproveitar o traballo feito polo seu antecesor e reforzar o plantel cunha chea de xogadores que inda que non son galácticos teñen calidade e experiencia abonda na Liga portuguesa para acrecentar o potencial dun equipo de por si moi interesante. As seis vitorias seguidas teñen o mérito de ter sido conseguidas ante equipos de toda caste, incluíndo xa dous clásicos: Sporting, ao que derrotou en Alvalade, e o todopoderoso Porto, que foi inferior ao Sporting Braga durante todo o partido do pasado sábado no Municipal de Braga. A xeira do Sporting e un sopro de aire fresco nunha Liga na que parece imposible irromper no territorio privativo dos tres grandes. Non parece probable que o equipo de Domingos poida consumar finalmente a grande sorpresa, algo que nos últimos 60 anos só conseguiu o Boavista da 2000-01 con Jaime Pacheco no banco e o gran Erwin Platini Sánchez no campo. O Porto segue sendo o mellor equipo de Portugal, mentres que o Benfica mellorou substancialmente con Jorge Jesus respecto ao errático equipo de Quique Sánchez da época pasada. O que si parece máis probable é que o Braga poida competir polo terceiro posto cun Sporting de Lisboa triste e irregular no comezo da temporada, excesivamente dependente dos goles de Liedson, e cuxos reforzos teñen pinta de resultaren fiascos, Mati Fernández e Angulo especialmente.

Na Coruña agardamos polo Vila Real coa esperanza de non repetir o tropezo do Espanyol. O equipo de Valverde vén tocado, con apenas dous puntos en catro partidos. O ex-técnico de Espanyol e Olimpiakos recoñece que ao Vila Real fáltalle aínda un pouco de todo. Parece claro que ao plantel vaille ser difícil cambiar dun día para outro do estilo tan definido de xogo que propuña Pellegrini ao que trae Valverde na cabeza. Seguro que o txingurri será un bó técnico para o conxunto castellonenco pero vai precisar tempo. Para que o Vila Real non rabuñe algo positivo de Riazor, cómpre antes que nada corrixir as fendas defensivas abertas nas primeiras xornadas. Visto que gol, estrañamente, non falta, haberá que ser máis recios atrás para facer de Riazor o necesario fortín.

Por último, matinando sobre o Manchester United, que perdeu este ano dous dianteiros excepcionais: Tévez e Ronaldo, acordoume que dende o comezo da temporada non vin máis a Federico Macheda, aquel rapaz italiano de 17 anos que na segunda volta converteuse no revulsivo dun United ameazado e coa pólvora mollada. En boa medida, Ferguson débelle un tanto por cento moi elevado do título do ano pasado. Pois ben, parece que inda anda por Manchester, xogando co equipo de reservas que adestra Ole Gunnar Solskjaer. Non sei se será doado para un rapaz co ego que se lle ve a Macheda voltar ao filial despois de atinxir a gloria na época pasada. En todo caso, non creo que Ferguson tarde demasiado en contar outravolta con el.

Sem comentários:

Enviar um comentário