segunda-feira, 30 de novembro de 2009

TODO MUDOU CON GUARDADO

Espectacular unha vez máis o Dépor, que a estas alturas da temporada demostrou xa unha fiabilidade tal que fai que afrontemos cada partido, independentemente das circunstancias, carregados de optimismo. O de onte parecía fácil, a priori, ante un rival afundido nos postos baixos da táboa e nun estadio no que sempre pescamos algún puntiño. Pero sería soberbio pensar que para un plantel como o Dépor existe algún partido fácil a priori. Non foi este, de feito, o mellor partido dos que ofreceu o Dépor a domicilio esta temporada. Mantíñase a solidez defensiva é certo, pero na saída cara a porta contraria eramos absolutamente inofensivos, incapaces de elaborar unha xogada que merecese tal nome. Mais todo mudou despois da lesión de Lassad. O marsellés, que pasara inadvetido polo xogo, volveu acusar un problema muscular e no seu lugar entrou Andrés Guardado, que empezara o partido no banco despois dos seus problemas gripais ao longo da semana. E Guardado é unha peza fundamental para comprender a excelente xeira de resultados do equipo dende que empezara a temporada. O seu esforzo físico é encomiable, ten unha inmensa calidade e, sobre todo, é o socio ideal de Filipe, a estas alturas o mellor lateral esquerdo da Liga e un dos mellores de Europa. Con Guardado a banda esquerda do Dépor converteuse nunha autoestrada pola que se comezou a xerar perigo e anular a pouca pegada dos cántabros. Despois de varios intentos, foi pola esquerda que se xerou o gol. Asistencia de Filipe a Guardado, centro do de Jalisco, deixada de Riki e gol de Lopo, que por alí andaba pois todo viña dun lanzamento de córner. Parecía que xa se conseguira o máis complicado, pero desta volta tamén se aliou con nós a sorte, pois o Racing errou a única oportunidade clara da que dispuxo. Colsa, con diferencia o mellor dos seus, chatouse só diante de Aranzubia despois dunha grande asistencia do ex do Dépor Xisco e bateulle contra o pao. Tres puntos máis e cada vez o equipo máis seguro e confiado no seu sistema de xogo. Agora visita Riazor o Barça. Non podemos pecar do que non somos, polo tanto ben sabido é que será difícil sacar sequera un punto. O importante é que non se perda a ilusión por sumar os tres.

XORNADA DE CLÁSICOS

Noite de clásicos en Europa. O primeiro o sábado no novo Alvalade, o clásico lisboeta entre o Sporting e o Benfica. Facía tempo que non había tanta diferenza entre os dous equipos: no xogo e na clasificación. Pero o Sporting xa tomou medidas e mudou de técnico. Carlos Carvalhal ocúpase agora do banco sportinguista. Carvalhal fora o único capaz esta temporada de sacar algo de petroleo do Estádio da Luz. Na xornada inaugural acalmara a euforia benfiquista cun empate co seu Marítimo de Funchal, grazas, sobre todo, á grande actuación do gardarredes Pessanha. Desta volta, colleitou outro empate, pero o máis importante é que o Sporting parece coller un novo feitío. No canto do losango (rombo) do Paulo Bento, aposta por unha tripleta de mediocampistas traballadores e de calidade -Miguel Veloso, Moutinho e Adrien Silva e tres homes avanzados: Vukcevic, Matías Fernández e Liedson. O novo dispositivo táctico valeulle para se impór na loita no centro do campo, inda que logo lle faltase maldade arriba. Todo o perigo chegou da loita en solitario de Liedson que desesperou a un inocente Sidnei, que fracasou no seu intento de substituír ao gran Luisao. O Benfica, pola contra, estivo lonxe da súa imaxe habitual na Liga. Con todo, chegou puntualmente á area contraria con relativo perigo grazas, sobre todo, ás incorporacións de Ramires por banda dereita e á mobilidade de Saviola en ataque, que contrastaron coa pouca participación de Di María pola esquerda, a improdutividade dun Cardozo que non cheirou bola e á nula achega de Aimar entre liñas. Empate xusto, en definitiva, nun partido aburrido, no que o Sporting demostrou certa mellora e ao Benfica faltoulle a grandeza do que realmnete aspira polo título.

No clásico do fútbol español,no Camp Nou, entre Barça e Real Madrid, máis igualdade da prevista. O Real Madrid teceu un dispositivo táctico interesante, sobre todo no primeiro tempo, que non lle permitiu ao Barcelona xogar con comodidade. Ao mesmo tempo, soubo crear puntualmente ocasións claras á contra grazas á mobilidade de Kaká e Ronaldo. Por fortuna para os cataláns Víctor Valdés demostrou que está á altura da esixencia dun equipo como o Barça e evitou cunha grande parada o gol do de Madeira. No segundo tempo, non mudou demasiado o guión ata que Guardiola retirou a un triste Henry e deulle entrada no campo a Ibrahimovic. No único centro medido de Alves en todo o partido, o sueco desnivelou o marcador cun soberbio zurdazo. Co resultado en contra e malia a superioridade numérica tras a expulsión de Busquets, o Madrid non soubou mudar de estilo de xogo e apenas puido facerlle cóxegas ao Barça, en boa medida polo escaso protagonismo, unha vez máis, do home que ten que dirixir o centro do campo madridista: Xabi Alonso, un dos grandes fiascos da temporada. O Barcelona recupera o liderato se ben desta volta os protagonistas non foron Xavi, Iniesta e Messi, senón dous colosos na defensa Piqué e Puyol.

En Inglaterra tamén se xogaron dous clásicos apaixonantes: en Liverpool, derbi entre o Everton e o Liverpool, dous equipos en horas baixas. Vitoria para os de Rafa Benítez nun partido igualado e con máis emoción que fútbol no que desnivelou a pegada dos reds. Mentres, en Londres, o Chelsea demostrou que é, con diferencia o equipo máis sólido da premier e non lle deu opcións a un Arsenal que, coma sempre, empeza moi ben as temporadas pero que non ten talla competitiva abonda para loitar polo título.

sexta-feira, 27 de novembro de 2009

SUPERFAN DE ANTONIO

Bari, a capital da Apulia, no calcaño da Península Itálica, deitada fronte o Adriático, ese camiño. Fundada polos peucezios, floreceu no tempo dos romanos, que intuíron a súa excelente ubicación para o comercio con Oriente. 320.000 habitantes que gozan dunha excelente oferta cultural, con 13 teatros e 16 museos. Berce de italianos senlleiros como o gran Domenico Modugno.



Nas labirínticas rúas do casco vello de Bari, naceron tamén deportistas insignes. Sobre todos salienta un nome, un dos futbolistas máis talentosos e controvertidos dos últimos anos: o grande Antonio Cassano. Con 15 anos un ollador do AS Bari descubriuno facendo cen mil diabluras nas rúas dun dos barrios máis perigosos da cidade. Tardou dous anos en debutar na Liga. O seu primeiro gol, no seu segundo partido no Calcio, foi esta marabilla na que lle saca as cores aos daquela defensores do Inter de Milan Laurent Blanc e Christian Panucci.



Axiña todos o queren. Finalmente é a Roma a que paga 30 millóns de euros por el. Alí encóntrase con outro grande inimitable: Francesco Totti, e con Fabio Capello. Inda que moitos insistan no contrario, Capello, que mamou de Helenio Herrera nos seus tempos de xogador da Roma, sabe un mundo de fútbol e soubo explotar ao máximo as condicións deste rapazolo cun talento descomunal pero que, tamén, estaba como unha caldereta. Velaquí unha escolma dos seus mellores goles.



Cassano tórnase moi popular polo seu fútbol máis tamén polas súas paridas dentro e fóra do campo, que reciben o nome de cassanettes. Neses tempos de parcería con Totti, os dous enténdense de marabilla no campo e tamén fóra, non en balde Totti é tamén coñecido polos chistes de Totti, que serían o equivalente italiano dos chistes de Fernando Morán ou, máis recentemente, de Lepe.



En 2004, Capello marcha para a Juve e os seus sucesores: Rudi Völler e Spalletti, non acaban de entender o humor de ´Talentino'. Comeza a desaparecer das convocatorias do seu equipo ata que o Real Madrid de Florentino Pérez peta na súa porta. Chega no mercado invernal ao equipo dirixido daquela polo carismático López Caro. Cassano chega, como dicilo, un pouquiño fondón.


Coa nova temporada parece que volven abrirse as portas do ceo para Antonio. Chega a Madrid Fabio Capello, o seu mentor. Pero que punki non se acaba cagando nos seus mentores!!! O desencontro era inevitable. Dise que Cassano insulta ao técnico por non poñelo contra o Nástic de Tarragona ("es máis falso que o diñeiro do monopoly"), e logo vense estas imaxes nas que o showman de Bari fai unha lucida imitación do xefe.

Nos últimos tempos as cousas vanlle mellor a Antonio. De volta a Italia, enrolouse nas ringleiras da Sampdoria de Xénova, e dende entón é un dos mellores xogadores da súa Liga, o que lle valeu a convocatoria para a Euro 2008 na que foi dos mellores do seu equipo. Na Samp están encantados e mesmo soñan coa Champions. Iso non quere dicir que Cassano perdera o seu xenio. Neste Sampdoria Torino, é expulsado, tíralle a camisola ao árbitro á cara e emprázao para se veren logo fóra

Con 27 anos Antonio vén de anunciar que se casa!!! Con esta fermosa xogadora de waterpolo: Carolina Marcialis



A última pareceume xenial. Cassano vén de publicar o seu segundo libro. Despois da autobiografía Dico tutto, presenta agora Le mattine non servono a niente (As mañás non lle valen a ninguén), que recupera un xénero propio da antiquísima cultura clásica mediterranea: os aforismos. A obra consiste en 365 aforismos, un por día. Algúns dos mellores:

Aforismo 293. "Son o primeiro que escribiu máis libros dos que leu"

Aforismo 343. "Non sexas impulsivo. Fai coma min. Antes de explotar, conta sempre ata un"

Aforismo 156. "A boa vontade é fundamental. Eu decidín primeiro facer as paces con Del Neri sen saber de que diaños estaba falando"

Aforismo 317. "No Calcio ninguén di a verdade. Só eu e uns poucos máis. Nunca convén, pero que lles dean!

Aforismo 194. "A miña nai está tan afeita a que a insulten os tiffosi rivais que cando non o fan cáseque lle senta mal. Séntese ignorada"

Aforismo 299. "Ser un pailán significa ser perfecto, saber vivir na riqueza e na pobreza, falar con xente honrada ou con delincuentes: na práctica, vivir tantas vidas coma min"

Aforismo 319. "Se berra, xesticula, vive na rúa e non se resiste a darlle patadas a un balón, tal vez, non sei, pero pode que vostede nacera na vella Bari"

quinta-feira, 26 de novembro de 2009

QUE ME PASA, DOUTOR?

Falamos no post anterior da magnífica xeira de resultados do Montañeros na Segunda B, catro vitorias consecutivas, que o levaron dos postos de descenso ata a metade alta da táboa. A última das vitorias dos coruñeses foi nun campo histórico por vetusto -os campos nunca son vellos senón vetustos-, e por ser o feudo do Bayern de Múnich da Segunda B: o Pontevedra, o terceiro equipo da Galiza. A derrota dos granates supuxo a destitución do técnico asturiano Roberto Aguirre. O Pontevedra é un grande da categoría e calquera cousa que non sexa estar entre os catro primeiros é un fracaso, e as cousas apuntaban a unha campaña triste e anodina. Para emendalo, o construtor Nino Mirón, un exemplo clásico e paradigmático do construtor metido a presidente, decidiu darlle a alternativa nos bancos a un ex-futbolista ben recoñecido polo público: o ex-defensa do Sevilla, Racing, Mérida, Atlético, Iraklis ou Zaragoza: Pablo Álfaro Armengot. Alfaro non é coñecido tanto polos seus dotes futbolísticos, e tampouco é que fose un mal defensa central, como por formar parte dunha das parellas de centrais máis temidas da historia recente do fútbol europeo. No Sevilla, canda Javi Navarro, os dianteiros tiñan tanto medo en achegarse pola área contraria como un rapazolo de quince anos en internarse por Pena Moa. Pola contra, fóra do campo Pablo Alfaro goza de fama de ser un auténtico cabaleiro, de feito, é licenciado en Medicina. O Pontevedra precisa un doutor e Nino Mirón aposta por un, inda que de nula experiencia nos banquillos. Haberá que ver que tal lle sae a xogada. O Celta tamén intentou apostar por ex-futbolistas -Stoichkov e Eusebio- e ata agora non lle saíu ben de todo. Por certo, se alguén se pregunta por onde anda Hristo Stoichkov, dicirlle que está en Pretoria, Sudáfrica, adestrando ao clube máis rico de África: os Mamelodi Sundowns. Tampouco se pode dicir que estea triunfando. Despois de 17 xornadas é cuarto a oito puntos do líder. Esperemos que Pablo Alfaro si triunfe no seu debú co Pontevedra, pois estamos a falar dun clube galego ao que por historia e afección a Segunda B quédalle moi pequena.

quarta-feira, 25 de novembro de 2009

O MONTAÑEROS SEGUE GABEANDO

Os coruñeses non deixamos de observar marabillados a traxectoria do Montañeros pola Segunda B. Despois duns inicios difíciles nos que, malia o bo fútbol, non chegaban os resultados e o equipo afundíase nos postos de descenso, xa van catro vitorias consecutivas, a última ante un clásico, o Pontevedra, que destituiu ao seu técnico. Agora o Montañeros, facendo honra do seu nome, só pensa en gabear ata o máis alto da táboa. Na actualidade está a tres puntos dos postos de promoción de ascenso e enfróntase na fin de semana, na casa, ao Izarra, que anda pola metade baixa da clasificación. Nestes tempos de penuria económica para a gran maioría dos clubes da Segunda B, o Montañeros conta ao seu favor, pese ao seu modesto orzamento, coa estabilidade económica que lle garante o seu patrocinador dende fai unha década: o Banco Gallego. No plano deportivo non lle faltan futbolistas de moita calidade, como os ex-deportivistas Iago Iglesias ou Rubén Rivera, ou o centrocampista ourensán Moisés Pereiro. No banco, unha lenda do fútbol galego: José Ramón, posiblemente o mellor futbolista galego dos últimos vintecinco anos de non ser polo seu irmán pequeno, e que durante os seus anos de futbolista aprendeu do máis grande, Arsenio Iglesias, e doutro grande adestrador como Fernando Vázquez. É unha mágoa que dende xa fai ben de tempo os afeccionados galegos teñamos imposible ver pola televisión pública do país os nosos equipos na 2ªB. Con todo, seguiremos con moito interese a traxectoria deste Montañeros que é un orgullo para o futbol modesto da Coruña que, modestia aparte, é do melloriño que hai polo mundo adiante.

terça-feira, 24 de novembro de 2009

556 DÍAS

A Bundesliga estase a converter nunha das Ligas máis suxestivas de Europa. Sen o rebumbio doutras como a española ou a inglesa, salienta polo amplo abano de equipos que compiten abertamente con opcións reais de facerse co título: Wolfsburgo, Werder Bremen, Schalke 04, Hamburgo, Hoffenheim, Bayer Leverkusen ou, por suposto, Bayern Múnich. Precisamente, a fonda crise na que se atopa o clube bávaro dá unha idea certeira do nível do resto dos aspirantes. O Bayern bateu unha marca negativa na súa Historia: leva 556 días sen ser líder do campionato alemán. Nunca estivera tanto tempo. O pasado domingo tiña un partido importantísimo ante o líder Bayer Leverkusen. O equipo de Van Gaal deu unha imaxe triste e non superou o empate ante un rival que foi superior no partido e ao que só se lle pode acusar dun exceso de conformismo. Acuciado polas baixas: Ribery e Robben están lonxe aínda do seu mellor ton físico, e polo baixo rendemento dalgúns dos seus xogadores emblemáticos: Luca Toni, Klose, Van Bommel, Lahm... un técnico tan fiable como Louis Van Gaal, que vén de facer campión da Eredivisie ao modesto AZ Alkmaar, é incapaz de endereitar o rumo deste trasatlántico de luxo á deriva. Especúlase que un resultado negativo ante o Macabbi na Champions sería a sentenza definitiva para o holandés. A crise do Bayern é pola contra un grande estímulo para o resto dos clubes, que compiten abertamente entre eles e chaman a atención sopbre un campionato tradicionalmente dominado pola hexemonía bávara e agora apaixonante dada a chea de bos equipos e á igualdade da loita polo título.

domingo, 22 de novembro de 2009

UNS CORRERON E OUTROS DERON PENA

Antes de analizar polo miúdo o partido, hai que dicir que o Atlético de Madrid demostrou que, efectivamente, é un desastre. Un desastre en defensa- un auténtico colador-, e en actitude, pois todos os balóns divididos gañounos un Dépor que talvez non teña a calidade dos xogadores colchoeiros pero que ten un compromiso colectivo brutal e moi claro a que quere xogar. O Atlético é un desastre pois nin sequera soubo aproveitar o agasallo de Lopo a Agüero aos tres minutos. O arxentino aproveitouno coa solvencia dun bo dianteiro. Parece mentira que o fiable Lopo, de cando en vez, se atrapalle en frivolidades como a de onte que adoitamos pagar cun gol en contra. Parecía que se repetiría a historia dos últimos anos, nos que o Atlético fixo estragos en Riazor, fora Fernando Torres o protagonista, fora o Kun Agüero. Pero onte non. O Dépor fixo un verdadeiro espectáculo no que, posiblemente foi un dos seus mellores partidos da temporada na casa. Atacou con convicción e clarividencia. Sabendo sempre buscar unha banda cando a esixida defensa roxibranca tapaba a outra. Houbo unha chea de ocasións. Lassad recuperou a súa mellor versión e Riki seguiu demostrando que está nun excelente estado de forma. Por desgraza, os árbitros seguen emperrados en non perdoarlle unha. O do cartón amarelo parecía de chacota, máis despois dunha semana marcada pola man de Henry. O penalti non é de todo claro, pero ás veces non se comprende a teima dos árbitros en non entender que os dianteiros, por veces, poidan caer, busquen ou non o engano. O empate, porén, como era de esperar, chegou nunha xogada a bola parada. Córner de libro. Prolongación de Juan Rodríguez e Colotto aparece só no segundo pao. O arxentino é un auténtico especialista neste tipo de xogadas, procurando sempre a sorpresa no segundo pao. Sen dúbida, un dos nosos principais argumentos ofensivos. Onte gañamos todos os balóns aéreos. O resultado parecía curto para o visto no primeiro tempo. O caso é que o inicio do segundo tempo foi máis demoledor aínda, un auténtico asedio. Lotina está demostrando que para ter un equipo grande non é tan necesario o talonario como facer correr aos futbolistas. Espectacular coma sempre o desbaldimento físico de Guardado, e o de Filipe, e o de Juan Rodríguez, mesmo o do rehabilitado Mista... Mágoa que non culminásemos cun gol. O árbitro tampouco acompañou, anulando un penalti que xa pitara por instancias do seu asistente que viu un fóra de xogo inexistente. Un auténtico desastre. Os árbitros teiman en perxudicar ao Dépor pero o Dépor teima en levarlles a contraria. Despois deste enésimo erro arbitral, o equipo perdeu folgos e o Atlético recuperou certa consistencia no seu xogo. Ninguén podería marchar descontento co empate despois do esforzo dos xogadores branquiazuis, pero si decepcionados pois sería a todas luces resultado inxusto. Por fortuna, e porque o equipo non renunciou ao gol nin coa lingua fóra, tivemos oportunidade para o desagravio no último suspiro do partido. Novo penalti que desta volta ninguén se atreve a negar. Dá pena ver o cabreo dos xogadores atléticos, que deberían quedar calados despois do vergonzoso xogo que ofreceron en Riazor. Tirouno Guardado e marcou o gol que selaba definitivamente a vitoria. Xustísimo premio para o mexicano que está a facer unha temporada sobresaínte, e xustísimo premio para un equipo que non merece máis que parabéns por parte dos seus afeccionados.

quinta-feira, 19 de novembro de 2009

PARABÉNS PORTUGAL!!!

Ontem houve alma, concentração máxima, humildade, espírito de entreajuda e garra. Portugal foi uma verdadeira equipa! O xornal deportivo do Porto, O Jogo, coma sempre resume á perfeizón o que aconteceu onte, no partido decisivo para a equipa de Queiroz. Non era fácil. Bosnia ameazaba cun ambiente infernal no pequeno estadio Bilino Polje, unha caldeira a presión que parecía un patatal. Blazevic apostou pola vía emocional para clasificar a Bosnia por vez primeira na súa historia para a Fase Final dun Mundial. Contaba co ambiente e co potencial ofensivo dos seus xogadores de arriba: Pjanic, Salihovic, Medunjanin, Djeko, Ibisevic... O que non contaba talvez era coa calidade defensiva e a madurez dos portugueses. Mesmo poderiamos pensar que as reducidas dimensións do terreo de xogo favoreceron aos nosos veciños, que defenderon con moita máis consistencia aínda do que fixeran no Estádio da Luz. Bruno Alves e Ricardo Carvalho non perdoaron un balón arriba e os xogadores do centro do campo estiveron sempre atentos para non permitir agasallos na frontal da área. Pero sobre todo, o principal recurso defensivo de Portugal onte foi a rapidez coa que armaron os contragolpes cada vez que tiveron ocasión. Foi paradigmática a xogada do primeiro tempo na que Raul Meireles a piques estivo de deixar sentenciada a eliminatoria. Unha recuperación na propia área, a bola sae xogada, con clase e velocidade ata o extremo contrario do campo, onde Meireles fai unha parede perfecta con Tiago. Só o porteiro evitou que o magnífico centrocampista do Porto marcase. Pero en ningún momento Portugal perdeu a concentración, mentres que xa no segundo tempo Bosnia perdía a paciencia, deixando uns furados inmensos na súa defesa que os rápidos avanzados portugueses non desaproveitaron. Meireles definiu maxistralmente aos dez minutos do segundo tempo a xogada que carimbaba finalmente o pase de Portugal a Áfica do Sur.



O de onte foi, posiblemente o mellor partido de Portugal nos últimos anos e dálle fin ao sufrimento dunha clasificación requena na que se tivo máis fortuna que bo xogo. Será a posibilidade de que Queiroz se redima dun traballo ata agora bastante cuestionado. Os mesmos xogadores portugueses sentíanse cuestionados en canto á súa calidade como equipo. Muitos abutres falaram mas nao tiveram carne para comer, chegou dicir Eduardo, o gardarredes do Sporting Braga, á fin do partido.

Outro seleccionador eternamente cuestionado é o francés Raymond Domenech. Encarregado de dirixir á selección dun país inzado de grandes futbolistas, tocoulle afrontar o relevo xeracional da campiona do mundo no 98. O xogo errático de Francia e o seu carácter díscolo valéronlle a crítica de prensa e afeccionados do seu país, malia que no Mundial de 2006 acadase a Final grazas á ultima grande exhibición futbolística de Zinedine Zidane. Este última clasificación foi un despropósito que a piques estivo de ter o seu punto culminante onte no Stade de France, coa eliminación vergonzante ante a Irlanda de Trappatoni. Os irlandeses, despois de perder 0-1 no seu país, chegaron á Francia coa seriedade táctica do seu técnico italiano e coa ilusión dun país apaixonado polas xestas deportivas. Defendendo moi arriba e coas liñas moi xuntas afogaron o xogo francés e empataron a eliminatoria cun gol do eterno Robbie Keane no primeiro tempo. No segundo, e co estadio apupando o seu equipo, Keane non soubou definir nun un contra un ante Lloris que tería resultado definitivo. Na prórroga, Francia suspirou cando o árbitro sueco Martin Hansson fíxose o ídem e non viu as claras mans de Henry que habilitaron a Gallas para o gol da vitoria. Flipen:



No resto das eliminatorias, mención especial para dous técnicos moi diferentes: o consolidado Otto Rehhagel, o home que consumara a miragre da Eurocopa de 2004 para Grecia, que volveu facer unha machada e conseguiu a meritoria clasificación dos helenos para un Mundial por segunda vez na súa Historia. Por outro lado, o descoñecido Matjaz Kek, consumou a tamén segunda clasificación de Eslovenia para un Mundial na súa Historia despois de vencer nun partido vibrante a poderosa Rusia do gran Guus Hiddink. O de Eslovenia é tremendo. Un país con menos poboación aínda que Galicia, cun equipo mundialista de fútbol, e ata seis xogadores de básquet na NBA.

terça-feira, 17 de novembro de 2009

MORTE DUN FUTBOLISTA

O dianteiro mexicano Antonio de Nigris, internacional coa tricolor e ata o día de onte xogador do Larissa grego, uniuse a pasada madrugada á negra lista de xogadores falecidos ao longo desta temporada. Primeiro foi o espanyolista Jarque durante a pretemporada en Italia, a pasada semana o gardarredes do Hannover 96 e da seleccion alemana Robert Enke, que decidía acabar coa súa vida, agora este mexicano ao que se lle parou o corazón aos 31 anos, e que debutara coa súa selección no ano 2001 nun partido amigable contra Brasil no que marcara este golazo



Natural de Monterrey, debutou en 2000 co equipo da súa cidade, co que alcanzou a internacionalidade en 2001. Ese ano proclámase subcampión da Copa América que se disputa en Colombia e gaña a selección anfitriona. Despois dun paso efémero polo América, comeza a súa andaina por varios países do mundo. Comeza por España, polo Vilarreal, onde non triunfa e proba na Segunda no Poli Ejido. Malia dispór de minutos marca moi poucos goles e volve a América, para reforzar o Once Caldas colombiano que ese ano xoga a Final da Intercontinental ante o Porto. De Nigris mete un dos penaltis da tanda final, pero vencen os portuguses. A partir dese momento proba outavolta en México (Puebla e Universidad Nacional), Brasil (Santos), Turquía (Gaziantepspor, Ankaraspor e Anakaragucu), e finalmente este ano incorporárase ao Larissa da Primeira División de Grecia. Despois de anos afastado da tricolor, Hugo Sánchez volveu contar con el en 2008. Na actualidade non contaba nas convocatorias do´Vasco Aguirre´pero non perdía a esperanza de poder formar parte dos elixidos para o Mundial do próximo verán, como confesaba no blog que mantiña na páxina da espn. Un dos xogadores cos que chegou a coincidir na selección foi o deportivista Andrés Guardado, que onte sumábase ás declaracións de condolencia polo futbolista falecido.



Como curiosidade, dcir que Antonio de Nigris non era tan coñecido en México por ser futbolista como por ser irmán do 'Poncho de Nigris', un actor, ou modelo, ou ex gran hermano, ou o que fora, que enche minutos e minutos de telelixo no país azteca. Este é un exemplo da información que adoita xerar este personaxe.

segunda-feira, 16 de novembro de 2009

PORTUGAL PODE RESPIRAR

Pode respirar Portugal do resultado colleitado o sábado na Luz ante Bosnia. Seguramente a vitoria foi xusta. Portugal xogou mellor e mereceu gañar. O problema é que o equipo de Queiroz dá unha sensación de inconsistencia preocupante. E non é fácil pescudar nos motivos, é un non sei o que que non sei como volo dicir. O gardarredes, Eduardo, é un bo gardarredes. Eu non son moi fan, a verdade, de vez en cando comete erros flagrantes como o que lle costou a eliminación da UEFA ao Sporting Braga a época pasada, pero é bo gardarredes, si. A defensa é espectacular, cunha das mellores parellas de centrais do mundo: Ricardo Carvalho e Bruno Alves. O do Porto, inda por riba, é goleador. O sábado foi el o que meteu o gol da vitoria, se ben tamén cometeu erros no xogo aéreo impropios da súa seguridade habitual. Bosingwa é un dos laterais que mellor se proxecta ao ataque pola banda dereita e defende ben, inda que anda mancado e o sábado xogara o máis recio Ferreira. Pola esquerda xoga Duda, un dos experimentos de Queiroz. Talvez non sexa un lateral espectacular, pero compénsao co seu excelente toque nas xogadas a bola parada. E no banco queda o central Rolando, e Pepe... Non, Pepe, non... O do Madrid xoga de mediocentro coa selección, outro dos experimentos de Queiroz. Un non sabe se é por unha necesidade real do equipo ou por non sentar no banco un dos capos do vestiario. O caso é que Pepe quítalle o posto da titularidade ao Joao Moutinho, que ten pintas de que podería ser socio ideal do gran Raul Meireles, un espectáculo de xogador, e do xenial Deco. Cristiano anda mancado, penso... Ten sitio fixo no once Simao, gran xogador pero que xa non está no punto de madurez de fai un par de anos, o par de anos que lle faltan aínda a Nani para ser un grande. Na punta do ataque, erma Portugal dende a retirada de Pauleta, vén de tomar terra Liedson, un gran goleador que oxalá confirme a súa condición coa equipa das Quinas. En fin, un equipazo que sería un desperdicio que non estivera presente no próximo Mundial. Pero o partido do sábado, malia que o resultado foi bo, deixa tantas dúbidas como a errática e case tráxica fase de calificación. O equipo toca ben pero non traba, como o toureiro que despois dunha gran faena ten que perder media hora en rematar o touro co escalpelo. E atrás, sempre hai algún momento de desconcerto que pode costar un disgusto, a non ser que medie a sorte, como nesta xogada a dous minutos do final do partido do sábado. Portugal respira pero aínda non ten moito que celebrar.



Rusia tampouco pode botar foguetes. É favorita ante Eslovenia, e demostrouno no campo, xogando mellor e demostrando a súa superioridade, cun equipo inzado de xogadores talentosos como Arshavin, Zhirkov, Pavlyuchenko e Bilyaletdinov. O do Everton foi o gran protagonista do seu equipo con dous goles, os dous coa diestra sendo como é zurdo pechado. O mellor o primeiro dos dous goles:



O 2-0 era unha renta extraordinaria para os de Hiddink, pero os modestos eslovenos reaxiron no treito final e acabaron pescando a falta de cinco minutos para o remate, un goliño que lles pode resultar de ouro de cara á volta. Marcouno un xogador do Nacional de Madeira: Pecnik.

quarta-feira, 11 de novembro de 2009

ATÉ JÁ, PAULO BENTO

Despois de empatar na Europa League ante o Ventspils letón no Alvalade, o pasado 6 de novembro, o Paulo Bento demitiu como técnico do Sporting de Lisboa e logo foi comer un arroz con lagosta ao Restaurante os Courenses (frase textual da entrada de Paulo Bento na wikipedia). O equipo leonino non acaba de arrincar esta temporada, na que lle costa unha barbaridade marcar goles e por iso é sétimo na Liga con apenas 13 puntos en nove partidos. Esta era a súa quinta temporada como técnico, polo que coincidiu coa supremacía do Porto de Jesualdo Ferreira na Liga. Nestes anos conseguiu duas Taças de Portugal e converterse nun dos personaxes máis populares do seu país grazas, sobre todo, ás parodias que lle fan no popular programa de humor da SIC Gato Fedorento. Vexamos primeiro o vídeo da demisión do Paulo Bento, e logo algunhas das parodias deste programa para comprobar como, efectivamente, crávano.









O IMPORTANTE É QUE PASAMOS

Foi un partido ben aburrido. Dificilmente será lembrado cando remate a temporada. A xente desertou de Riazor dando por feito que dificilmente o penúltimo clasificado podería remontar o resultado adverso e por pouco levamos un disgusto. Non se lle pode negar bravura ao Murcia, que foi co que tiña pola eliminatoria e puido empatala nunha xogada que Natalio acabou enviando ao pau despois da enésima grande intervención do asturiano Manu, que no un contra un meteu unha man providencial. Manu foi sen dúbida a mellor noticia do Dépor nestes dezaseisavos. Tivo traballo arreo e resolveuno todo cunha grande serenidade e eficacia. De feito, emendou por veces as fendas abertas nunha defensa moito menos contundente da habitual na Liga. Arriba tampouco estivemos moito máis lúcidos, cun Adrián que segue sen atopar a maneira de explotar como o gran xogador que se lle presupón e un Pablo Álvarez emperrado en resolver cada xogada pola súa conta. Foi unha mágoa, sen dúbida, a lesión de Brayan Angulo á media hora de partido. Non ten boa pinta. Ogallá que non sexa de gravidade pois o incansable Filipe necesita un recambio de garantías por se falta algún día. Manuel Pablo teno. Laure, malia sufrir un pouquiño en defensa na marca do ex-pontevedresista Capdevila, é un lateral moi completo e sabe incorporarse con moita intelixencia ao ataque, procurando sempre a liña de fondo e centrando con moito xeito. O segundo tempo mudou un pouquiño o xogo. O Dépor tivo máis o balón e sufriu menos atrás e iso permitiu que aparecese Valerón o suficiente como para desequilibrar o partido coa súa soberbia visión de xogo que provocou un penalti que Sergio tirou bastante mal, malia ser un tirador de penaltis de bastantes garantías. Co 0-0 houbo que sufrir ata o final, inda que era patente a diferencia de categoría entre os dous equipos. Especialmente nótase en xogadores coa veteranía de Manuel Pablo ou Juan Rodríguez, moi seguros e confiantes en cada unha das súas accións. Agora o bombo dos oitavos depararanos un rival de maior categoría... ou o Alcorcón, ou o Celta. Veña quen veña, benvido sexa.

O Real Madrid finalmente consumou o seu fracaso ante os seus veciños de Alcorcón. Alén do fiasco dos brancos, hai que homenaxear aos bravos xogadores da Agrupación, que fixeron un partido digno do seu fermoso himno:


Himno de la Agrupación Deportiva Alcorcón

En los campos de la arcilla,

trilla el viento un campeón,

un gigante de Castilla,

que se llama Agrupación.


La tierra de los pucheros,

hoy es tierra de senderos,

deportivos de ilusión,

y sus viejos alfareros,

son modernos mosqueteros

artesanos del balón.


Agrupación, Agrupación, fue la primera,

Agrupación,

Agrupación, Agrupación, tu eres mi bandera,

Agrupación, Agrupación, tu eres el canto,

deportivo de Alcorcón.


Viajeros de mil caminos,

y arcilleros de Alcorcón,

han unido sus destinos,

rodeando su blasón.


Ha crecido muy deprisa,

y le rompe la camisa,

su valiente corazón,

y en los terrenos que pisa,

nunca pierda la sonrisa,

porque tiene a su afición.


Agrupación, Agrupación, fue la primera,

Agrupación,

Agrupación, Agrupación, tu eres mi bandera,

Agrupación, Agrupación, tu eres el canto,

deportivo de Alcorcón.




Hoxe, ademais , da xornada copeira, sóubose dunha triste noticia, a morte do gardarredes alemán Robert Enke, nun estraño suceso ao ser arrollado por un tren nun paso a nivel. Todo apunta a que se tratou dun suicidio. Enke era na actualidade porteiro do Hannover 96 e habitual nas convocatorias da Selección alemana. A época pasada fora considerado mellor porteiro da Bundesliga. Natural de Jena, na antiga Alemaña do Leste, debutou no mítico club da súa cidade: o Carl Zeiss Jena. Despois de tres temporadas no Borussia Mönchengladbach tivo un periplo polo estranxeiro: Benfica, Barcelona, Fenerbahce e Tenerife, ata que finalmente asentouse como porteiro do Hannover. Era un recoñecido activista polos dereitos dos animais e prestara a súa imaxe a campañas contra a industria peleteira.

terça-feira, 10 de novembro de 2009

MALOS TEMPOS PARA BENÍTEZ

Rafa Benítez está a vivir os seus peores tempos como adestrador do Liverpool. Sen Torres e sen Gerrard, o equipo perde o 90% do seu potencial. Xa van 9 partidos nos que apenas conseguiron unha vitoria. O líder da Premier, o Chelsea, está xa a 11 puntos, e só un miragre permitirá que estean nos oitavos da Champions. Onte, o batacazo ante o Birmingham City foi a gota que encheu o vaso da paciencia de boa parte dos medios afíns ao Liverpool que piden a cabeza do español, o cal sería algo insólito pois nunca na lonxeva historia do club red un técnico foi cesado no medio dunha temporada. Con todo, o batacazo non foi tan grande grazas a un rapaz francés de 20 anos, David N´Gog, que completou un gran partido, marcando o primeiro gol e forzando o penalti que supuxo o empate a dous goles con este soberbio piscinazo.



O penalti marcouno Gerrard que forzou para xogar o segundo tempo, mentres que Fernando Torres seguirá sendo baixo durante unha temporadiña. Onte, inda por riba, saíron mancados do campo Albert Riera e Yossi Benayoun, outros dous tipos con calidade que pasan pola enfermería. A única nota positiva foi o debú co Liverpool en Liga de Alberto Aquilani, o ex-da Roma que ven encher o baleiro de Xabi Alonso. Aquilani é gran futbolista e peor persoa. Nalgunha entrevista dixo non entender nada de política, inda que logo opine tamén que "en Italia hai demasiados impostos e inmigrantes", se posicione contra o aborto e admita que ten na casa unha foto de Mussolini. Non sei se Benítez, que polo xeral sabe ben como saír de situaciós difíciles, será capaz desta volta, de solucionar esta. Honestamente penso que é un bo adestrador e que o seu traballo á fronte do Liverpool é moi meritorio, non hai que esquecer que hai 20 anos que o Liverpool non gaña unha Liga. Con todo, as baixas de Gerrard e Torres están a ser unha lousa demasiado pesada para un pantel que fóra destas dúas estrelas, non pode competir cos outros grandes da Premier. Á marxe de todo isto, o gran protagonista do partido de onte non debera ser Benítez nin o Liverpool, senón o espectacular abrigo do novo propietario do Birmingham, Carson Yeung, multimillonario de Hong Kong que asegura estar disposto a desembolsar no mercado invernal 40 millóns de euracos para que McLeish teña un equipiño ao seu gusto. Non lles viría nada mal un dianteiro tipo Bodipo, por certo.

segunda-feira, 9 de novembro de 2009

DIRECTOS A POLO GOL

´Droit au but´é o lema que loce o escudo do Olympique de Marsella. Onte cumprírono estrictamente, mais tamén os seus rivais do Olympique de Lyon. Era, sen dúbida o partido máis destacado da Ligue 1 francesa, entre o terceiro (OM) e o segundo (OL) , á espera de destronar o primeiro (Girondins de Bordeaux) que viña de perder o seu partido en Lille. Poucas veces un partido tan relevante virase nunha loucura destas características, apaixonante para todo o mundo, especialmente para os espectadores que víveno como se fosen testemuñas dalgo histórico que dificilmente se vai volver repetir. O xogo comezou aloucado e xa no minuto 3 adiantábanse os de Lyon cun golazo de Pjanic. Pouco tardaron en reaxir os marselleses que no 12 marcaban por medio de Diawara nun remate de córner que se comeu o porteiro Lloris. Aos dous minutos volvíanse adiantar os da casa cunha grande acción individual do veterano Sidney Govou, que se aproveita dun intelixente movemento do seu compañeiro Lisandro López, ex-do Porto. En 15 minutos o partido xa tivera abondo para contar, pero non era nin sequera o aperitivo. ISo que o resto do primeiro tempo acalmou en canto vendaval goleador. O xogo mantiña a intensidade pero o OL parecía dominar o xogo con certa comodidade. Entrementres, recreabámonos, os que vimos o partido, coa espectacular realización da televisión francesa, penso que era Canal +, cunha cámara cenital capaz de ofrecer planos realmente inverosímiles, cáseque a pé de campo. Contra o remate do primeiro tempo, malia o dominio do Lyon, o Marsella empatou, grazas a un disparo dende lonxe de Cheyrou que se volveu comer Lloris, porteiro prometedor que onte, porén, non tivo dende logo o seu día. No segundo tempo, desmelenáronse os de Dider Deschamps e axiña puxéronse 4-2 con goles de Bakari Koné e M´Bia. Parecía que sentenciaban o partido, pero aínda quedaba moita leña que cortar. Apareceu o gran Lisandro e marcou o 4-3 cando apenas os marelleses acababan de celebrar o gol de M´Bia. Quedaban 10 minutos e os de Puel puxeron toda a carne no asador. Asediaron a área de Mandanda inda que o empate chegou despois dun xeneroso penalti que lles concedeu o árbitro despois dunha involuntaria man de Heinza. Co empate e un Lyon absolutamente desbocado, os locais seguiron a ofensiva pola vitoria. O quinto gol foi o máis bonito de todos. Unha fermosa xogada colectiva protagonizada, en todo caso, por Pjanic, que acaba cunha fermosa asistencia de gol cara Bastos. Era a loucura en Gerland. A cereixa no topo do bolo! Pero partidos así nunca se poden dar por finiquitados. No medio da euforia lyonesa, xa no desconto, córner a favor do OM e gol e propia porta de Toulalan. Finalmente 5-5, resultado histórico para un partido difícil de esquecer. Eu, honestamente, por moitas voltas que lle dou á cabeza non lembro ningún 5-5.


Mentres na Premier tamén había partidazo. O líder Chelsea recibía ao segundo Manchester United. O partido foi a antítese do francés. Inda que intenso e vibrante, non abondaron as ocasións de gol pois as defensas impuxéronse aos ataques. O Chelsea apostaba pola súa maneira de xogar insistente e machacona, gañando metros a base de forza e empuxe, mentres que o United apostaba pola contra, cun Rooney que só en ataque parece multiplicarse en tres máis. Ao final decidiu Terry de cabeza despois dunha falta. John Terry xogou onte despois de que o tabloide News of the world sacara un vídeo no que se ve ao pai de John Terry- cuspidiño saíu- vendéndolle cocaína a un reporteiro. Un exemplo do apestoso que pode chegar a ser o xornalismo en Gran Bretaña, capaz de atacar a un futbolista por onde menos se pode defender.



No mesmo partido vimos unha curiosa decisión arbitral. Inda que ben sabida é a tendenza de Drogba a simular faltas que non lle fan, neste caso parece esaxerado que lle pitasen falta a el e, máis aínda, que lle sacaran o cartón amarelo.

sábado, 7 de novembro de 2009

MATRÍCULA DE HONRA

O partido de hoxe é para poñerlle ao equipo unha matricula de honra. Xa despois de dous resultados negativos tiñamos a impresión de que pagaba a pena seguir confiando pois o compromiso individual e colectivo era máximo. Hoxe confirmouse mesmo en situacións realmente adversas, como a inferioridade numérica que, honestamente, fala bastante mal dun árbitro que non entende que non se pode deixar con nove homes a un equipo que non está a ter unha mala patada e só pretende traballlar honradamente por un bo resultado. En fin, o caso é que nin con nove, o Xetafe foi capaz de meternos un gol. Xa que non nos buscaron as cóxegas polas bandas, polo centro Lopo e Colotto estiveron inconmensurables, mentres que a saída á contra foi en todos os casos perfecta. Mención especial merece Juan rodríguez, que fixo un partido soberbio, e xogando arriba soubo gañar por alto e por baixo todos os balóns para agardar pola chegada dos compañeiros de atrás. Entre eles Filipe, incansable e tecnicamente perfecto. Nunha chegada pola esquerda chegou o primeiro gol. Centro medido do lateral brasileiro e remate preciso de Mista, que como comezabamos a intuír despois do día do Murcia anda máis fino do que o chegamos a ver nunca dende que xoga no Dépor. O Xetafe non incordiou demasiado. Riki picou de pardillo e pitáronlle a segunda amarela cando non levabamos nin media hora. Honestamente, coido que Riki non chega a darlle coa man, polo que é moito aventurar que tiña intención de darlle cando lle deu realmente coa cabeza. En todo caso, nin con dez deixou de estar perfecto o Dépor, impecable en defensa e na transición ofensiva e buscando o gol cando tiña oportunidade. Parecía que tras o descanso o Xetafe podía corixir carencias tácticas e o Dépor sufrir pola inferioridade. Pero non foi tal. Se cadra ameazamos menos a área contraria pero pouco sufrimos na propia. O segundo gol comeza cunha xenial acción defensiva de Filipe que intercepta unha contra do Xetafe despois dun córner e convérteo en córner ao noso favor. Guardado centra dende o pico da área, a defensa do Xetafe peca de ansiedade e aparece Mista para, moi xenerosamente devolverlle o favor do primeiro gol a Filipe. Cando parecía o partido sentenciado, o árbitro volveu ser implacable de máis, neste caso con Sergio -que estivo de dez no primeiro tempo-, e deixounos con nove. Faltaban aínda vinte minutos. Tampouco sufrimos demasiado. Lotina, que tamén foi expulsado por protestarlle ao árbitro, deulle toda unha lección de táctica a un Michel, moi verde aínda para adestrar un primeira división, e ao que os aficionados non lle perdoan que poña de titular ao seu fillo en detrimento de xogadores coma Casquero ou Nico Parejo.

XOGA MISTA!!!

Parece que hoxe Mista sairá de titular en Xetafe. Animémonos con este video dos seus 19 goles co Valencia no ano do doblete

sexta-feira, 6 de novembro de 2009

A DUPLA DE MODA

Un dos equipos de moda en Europa é o Benfica. Inda que no campionato portugués veña de perder un partido importantísimo e, polo tanto, o liderato, ante o equipo de moda en Portugal o Sporting Braga, o seu fútbol ofensivo e a grande cantidade de goles acumulados neste comezo de campionato chaman a atención por Europa adiante, máis despois da exhibición en dous partidos ante o tradicionalmente sólido Everton: 5-o na Luz fai dúas semanas e 0-2 onte no mítico Goodison Park. Alí marcaron cadanseu gol os dous dianteiros titulares dos lisboetas: Javier Saviola e o paraguaio Óscar Cardozo. Perfectamente complementarios van camiño de converterse nunha dupla recordada en Lisboa durante moito tempo. O pequeno Saviola é un dianteiro que merecía mellor sorte da que tivo. Tras a súa saída de Arxentina, sen deixar de marcar un bo feixe de goles, foi perdendo prestixio devagar ata que no Madrid acabou sendo carne de banquillo. Con todo, os números de Saviola na súa andaina por Europa non son, en absoluto, desprezábeis. 73 goles en 172 partidos co Barça, 17 goles en 42 partidos co Mónaco, 15 en 41 da súa boa campaña co Sevilla. En Madrid apenas marcou cinco goles, o que non está nada mal habida conta dos poucos minutos que disputou. Agora en Lisboa leva 10 goles en 16 partidos. Podemos pensar que parte da resurrección de Saviola teña que ver co seu reencontro con Pablito Aimar, co que formou unha sociedade marabillosa no River Plate de fai unha década, cando eran os dous aínda uns rapazolos (Saviola aínda ten 27 anos). Extremadamente dinámico encaixa de marabilla na filosofía de xogo de Jorge Jesus. Asóciase perfectamente con canto xogdor apareza ao seu redor, ten un instinto innato para o desmarque e un remate notable.

Canto a Óscar Cardozo, está a disputar por fin a súa temporada máis feliz en Lisboa e leva un espectacular rexistro goleador de 11 tantos en nove partidos ligueiros (inda despois de fallar dous penaltis). Killer nato, cunha zurda espectacular e máis que bo remate de cabeza, e cunha grande efectividade nos disparos de falta, non lle falta tampouco calidade técnica. Nun equipo que xera as ocasións de gol que xera o Benfica, e cun compañeiro tan solidario como o conejito Saviola, é de esperar que esta temporada se inche a marcar goles. Este ano é a súa consolidación definitiva no fútbol europeo, polo que só lle queda por superar outro reto: converterse no dianteiro de referencia da selección paraguaia que estará no vindeiro mundial de Sudáfrica 2010 despois da brillante fase de clasificación. Se o consegue herdará o trono doutro Cardozo mítico, do Príncipe Guaraní, José Saturnino Cardozo, máximo goleador na historia da albivermella e, na actualidade, técnico do Olimpia de Asunción.

quinta-feira, 5 de novembro de 2009

A INQUEBRANTABLE FE DE MOURINHO E O ESTUPENDO BIGOTE DE GAZZAEV

Xa falei moito neste blog do poderío crecente dos equipos do Leste, sobre todo despois de ver o bo rendemento do Rubin Kazan e do Dinamo de Kiev no seu grupo de Champions, no que poucos apostaban a priori por eles tendo en conta que se enfrontaban a Barcelona e Inter de Milán. De todos modos, onte acreditaba firmemente na vitoria do Inter no Valery Lobanovsky de Kiev. Pareceume sempre alucinante a capacidade gañadora de Mourinho. Aínda que algúns teimen en consideralo un adestrador excesivamente conservador, nunca deixou de plantexar cada partido en función das aspiracións dos seus equipos. Así que se cando recibiu ao Barça en San Siro procurando claramente o empate empatou; onte, que necesitaba si ou si a vitoria, sabía que non gardaría nada por conseguir os tres puntos. E así foi, mesmo en condicións terriblemente adversas: moito frío e un gran gol temperán de Shevchenko, do que me conmove o seu compromiso co equipo da súa terra despois dos éxitos acumulados ao longo da súa carreira e a sensación de declive posterior no Chelsea de, precisamente, Mourinho. Os trocos tras o descanso foron unha aposta por ir a tumba aberta. Ballotelli, Eto´o, Milito, Snejder, Stankovic, Motta, Muntari, Maicon, por veces Lúcio, todos xuntiños na procura do gol, inda co risco de deixar demasiado exposta a defensa. Pero funcionou. A última media hora foi un auténtico asedio que fixo tremer o gardarredes habitualmente suplente do Dinamo, Bogush. Os goles chegaron tarde, pero chegaron. En tres minutos, os neroazzurri pasaron de estar practicamente eliminados a convertérense en líderes de grupo. A fé inquebrantable de Mourinho, contra todo o mundo, se fai falta, move calquera montaña. Lástima que tiveran que pagalo os do Dinamo de Kiev, equipo que merece abofé mellor sorte, e que sería un digno competidor nuns oitavos de final da Champions. E lástima tamén polo adestrador co bigote máis chulo do fútbol europeo: Valery Gazzaev.

quarta-feira, 4 de novembro de 2009

O ESCORPIÓN

Nunca entendín a razón pola que os dianteiros non se atreven máis con este remate.

E XABI ALONSO?

Durante o verán parecía que non había Madrid posible se non se fichaba a Xabi Alonso. Todo o equilibrio e a consistencia do proxecto Florentino pasaba por ter a Xabi Alonso. Como cando un cativo se emperrencha por algo, aínda que xa teña de todo- Cristiano, Kaká, etc...- parecía que o madridismo non deixaría de chorar ata que Florentino lle comprara a Xabi Alonso. Pois ben, comprouse a Xabi Alonso e poucos falan agora do pequeneiro que resulta o vasco a carón do inconmensurable Lassana Diarrá, polo que ninguén apostaba un peso cando o fichou o apestado Ramón Calderón. Iso no quere dicir que o ex-do Liverpool non sexa un tremendo futbolista. Ten unha capacidade extraordinaria para xogar ao fútbol con extrema facilidade. Pero tamén é certo que aínda non atopou o seu acomodo no conxunto de figuras do Madrid. Apenas de cando vez ofrece algún destello de calidade nalgún partido mentres que Lass aparece por todas partes, roubando en defensa, distribuíndo no centro, chegando ao remate. Por outro lado, tampouco entendín moi ben a pouca consideración que lle teñen a Higuaín. Dende a súa chegada demostrou que é un dianteiro completísimo: técnico, veloz, sacrificado e loitador, acumula xa unha chea de goles decisivos. Mais parece que para o concepto de excelencia do que tanto se fala, non é abondo para o equipo merengue, que por iso tivo que fichar por unha millonada a Patric Benzema, outro crack pero que a algúns xa non lles vale porque teñen os dentes longos de ver a Negredo no Sevilla. Como se Benzema tivese a culpa do ben que xogan Negredo e o Sevilla. O madridismo aburre profundamente pois susténtase na insatisfacción permanente. Ten de todo e nunca lle chega co que ten. E non caerá da burra ata que leve uns cantos anos sen gañar nada, chame a Capello, este gañe a Liga, e logo o boten porque o seu xogo non se corresponde coa esixencia de excelencia dun clube grande, señor, e toda a leria, como o Real Madrid.

Que, por certo, onte non xogou mal en San Siro. No primeiro tempo chegou con relativa facilidade á area contraria e dispuxo de claras ocasións. O Milán estivo un pouco desbordado no primeiro tempo e tivo sorte de dispór do penalti, xusto, que marcou maxistralmente Ronaldinho. O segundo tempo mudou radicalmente. O Milán deu un paso adiante e foi moi superior. Apareceron a calidade infinda de Ronaldinho e Seedorf para desarbolar a consistencia defensiva dun Madrid, no que Lassana ten que achicar por once. Finalmente, co empate o Madrid ben pode darse cun canto nos dentes.

Do resto da xornada Champions salientar a segunda vitoria consecutiva do Girondins ante o Bayern Múnich. Agora comprendo como este equipo acabou coa hexemonía do Olympique de Lyon no campionato francés. Defende de marabilla. Onte, en todo o primeiro tempo, apenas permitiron xa non digo unha oportunidade do Bayern, senón sequera que tocase con comodidade algú dos seus mediocentros. Logo arriba sabe atacar de maneira colectiva e ten a faísca individual dalgún xogadore tecnicamente xenial. Refírome especialmente ao Gourcuff, cun repertorio técnico exquisito, que logo se converte en dinamita, non apenas en fogos de artificio.

segunda-feira, 2 de novembro de 2009

PENA DE ÁRBITRO

É conmovedor ver unha afición como a do Sporting desprazándose en masa Á coruña- que está cerca pero non tanto como parece-para gozar dun partido da novena xornada de Liga e converter Riazor nunha auténtica festa que fai do fútbol un espectáculo marabilloso. Poderiamos extendernos sobre os beneficios económicos directos e indirectos que a mareona do Sporting deixou na cidade e noutros puntos de Galicia, pero xa falou abondo Lendoiro sobre o tema e suscribo unha por unha as súas palabras. Canto o fútbol concorreron todas os ingredientes para un grande espectáculo: dous equipos loitadores, honestos e nun gran estado de forma que, independentemente das circunstancias, procuran sempre a vitoria, un estadio ateigado por dúas aficións sobresaíntes... Por iso é unha mágoa que o árbitro non estivese á altura das circunstancias. A actuación do colexiado Pérez Burrull foi nefasta. No minuto 2 de partido debería ter pitado penalti a favor do Dépor e expulsión do defensor do Sporting. Viuno todo o estadio menos el. Unha decisión de tal envergadura non se pode obviar porque o partido apenas acabara de comezar. O resto do partido non estivo moito máis atinado o árbitro cántabro, que tampouco se pode dicir que condicionara o resultado, pero que perxudicou máis ao Deportivo porque foi o equipo que rondou máis a área contraria. Facía tempo que o Dépor non empezaba con tanta intensidade. No primeiro tempo a superioridade foi manifesta. O balón cambiaba de banda con rapidez e axiña se creaban espazos na defensa asturiana. Lassad, xogando como segundo dianteiro, deu mostras da súa progresiva recuperación. Hai que terlle paciencia porque inda que por veces desespere, ten moita calidade e ten que ser un xogador referente no equipo. Do mesmo xeito hai que salientar a achega de Juan Rodríguez, nos últimos partidos ocupando posicións no campo que non son as súas naturais, pero con moita agresividade e determinación, polo que se converte nun interesante argumento ofensivo. Con todo, o verdadeiro protagonista onte foi Riki, que está nun dos mellores momentos de forma que se lle lembran dende que chegara á Coruña. É unha auténtica mágoa a mala sorte que está a ter pois de verdade que merece recompensa. Onte sorprendeu a todo o estadio cun soberbio trallazo que repeleu o traveseiro. No segundo tempo un cabezazo seu bateu tamén coa base do pau, e a piques estivo de marcar un golazo cun sutil toque co calcaño. Ogalla chegue o primeiro gol e entre na racha que se lle desexa a calquera dianteiro. O único negativo do primeiro tempo foi que non se metera un segundo gol para sentenzar o partido. O Sporting chegou vivo ao descanso e mudou de actitude ao saír dos vestiarios, cando dirixía o seu ataque contra o fondo no que estaba a súa torcida. O Sporting ten calidade e rapidez e arriba e o gol entre cella e cella. Calquera erro ante estes xogadores págase caro. O gol de Diego Castro foi a mostra. O Dépor intentou emendalo indo ao ataque con máis corazón que cabeza, se cadra porque a cabeza tena que poñer Sergio e onte o partido fíxoselle longo de máis. O empate pódese considerar xusto inda que aos puntos merecese gañar o Dépor. Na rolda de prensa posterior ao partido Lotina tiña un cabreo notable co árbitro, non o podía agochar, pero tamén tivo o estilo para non procurar no árbitro explicacións ao acontecido. Manolo Preciado, un tipo que me cae moi ben e que sempre consegue equipos alegres, caracterizados pola velocidade e a calidade dos homes de arriba, recoñeceu o inmenso mérito de acadar un punto ante un equipo tan ben traballado como o Dépor. O caso é que xa se nos baixou a euforia de fai dúas semanas, cando estabamos de terceiros na táboa. A valoración, porén, do conseguido ata agora, ten que ser tremendamente positiva. O rendemento dos xogadores é para estarmos orgullosos.