quarta-feira, 18 de agosto de 2010

O SOÑO DO SP.BRAGA UN POUCO MÁIS PERTO

Diciamos que o principal problema do Sevilla na súa eliminatoria ante o Braga sería infravolar o verdadeiro potencial do seu rival. Non sei se efectivamente o infravalorou ou non, pero o equipo de Domingos Paciência demostrou sobradamente que é un equipo de primeiro nivel e que, con motivo, lle roubou a praza champions a Porto e Sporting Lisboa, e lle disputou a Liga ata a última xornada ao Benfica. O principal mérito do equipo minhoto é que sempre, sempre, independentemente do rival, procura a vitoria, e finalmente o máis normal é que acabe por conquerila. Iso non quere dicir que esteamos a falar dun equipo temerario. O Sp.Braga é especialmente ordenado, cunha defensa veterana e eficaz e dous mediocentros de sacrificio constante e calidade para sacar o balón ( o capitán Vandinho e a nova incorporación Leandro Salino, quen xa demostrara o seu nivel no Nacional de Madeira). Arriba, ademais, conta con homes rápidos e intelixentes (Alan, Paulo Cesar, Matheus) que procuran seguido o desborde ou as costas da defensa. Se a iso lle engadimos un aproveitamento metódico das xogadas de estratexia, raro resulta que o Braga non faga cando menos un gol por partido.

En Braga ven o soño da fase de grupos da Champions un pouquiño máis cerca que onte. Con todo, será moi difícil manter o tipo ante un Sevilla que sendo superior, pasou polo AXA Stadium coma un equipo pequeno confiado ao talento do seu único xogador desequilibrante: Jesús Navas.

0-0, NIN FRÍO NIN CALOR

Boa falta fai a chegada de Morel Rodríguez a Riazor, despois de ver o partido do Dépor este serán en El Pireo ante Olympiakos. E é que na primeira parte do partido o veterano extremo dinamarqués Rommedahl fixo estragos pola banda cuberta polo canteirán Seoane, a quen obviamente non se lle pode reprochar nada habida conta a súa escasa experiencia e que ten que xogar a perna cambiada. A candidez defensiva do Dépor no primeiro tempo foi preocupante, tanto á hora de tapar as bandas como de tapar posicións de disparo. Con todo, discúlpase polo momento de temporada no que estamos e porque, a verdade, estamos completando unha pretemporada coa porta cáseque a cero. O problema é que a cero está tamén a contraria a maior parte das veces. Parece que o obxectivo principal de Lotina é a rapidez na transición defensa ataque procurando a velocidade de Guardado, Saúl Riki e a calidade na condución de Domínguez, pero polo momento ao equipo cústalle saír con velocidade dende atrás. Do mesmo xeito, o xogo de ataque máis elaborado está espeso aínda, malia que con Rubén Pérez atopouse un centrocampista con criterio para xogar en curto e en longo. No segundo tempo o Dépor pechou as vías de auga na súa deensa -axudou tamén a marcha de Rommedahl, e por momentos dominou o partido inda que sen verdadeira profundidade. Falta dinamita arriba e unha maior dose de mala hostia. Con todo resultou interesante a entrada no campo de Desmarets, ao que se lle intúe polivalencia e chegada a gol. A outra nota destacable do partido foi a boa actuación de Manu con paradas notables ante un Olympiakos que foi algo mellor co Dépor, se ben o empate foi un xusto resultado.

terça-feira, 17 de agosto de 2010

PRIMEIRA XORNADA EN PORTUGAL

Comezou a Liga portuguesa coa confirmación da candidatura ao título, un ano máis, do Sporting Braga, novo lider despois de gañarlle por 3-1 na xornada inaugural ao recén ascendido Portimonense. O equipo minhoto afronta, talvez, a campaña máis importante da súa historia. O ambicioso proxecto de António Salvador,que quere converter o seu clube no cuarto grande de Portugal, vai máis rápido do agardado. A época pasada apenas un brillante Benfica, na última xornada, afastou o Sporting do título. Con todo, o clube gañou o dereito a estar nas previas da Champions. Despois de eliminar brillantemente ao Celtic de Glasgow na primeira das finais, agarda o Sevilla para conseguir o pase definitivo á fase de grupos. Semella un rival demasiado duro para os disciplinados xogadores de Domingos Paciência. Con todo, a súa principal arma secreta debe ser aproveitar a tradicional infravaloración, cando non desprezo, dos clubes españois respecto dos rivais portugueses. Se o Sevilla pensa que vai ser fácil, sufrirá arreo.

O Porto tamén comezou con vitoria (0-1 no campo do Naval) no debú ligueiro cos dragoes de André Villas-Boas, un rapaz de apenas 32 anos que foi edificando o seu prestixio a partir de sete anos como colaborador de Mourinho. Para iso conta cun equipo de primeirísimo nível ao que se engade Joao Moutinho, todo un símbolo do Sporting que abandona Alvalade farto dos contínuos bandazos no institucional e deportivo do seu vello equipo. O Porto mantén probablemente o mellor plantel de Portugal -malia a marcha de Bruno Alves ao Zénit de San Petersburgo-, e resulta aparentemenete temible se algunhas das súas estrelas, nomeadamente Hulk, gozan da continuidade e regularidade que a época pasada, por diversas razóns, non tiveron.

O campión, o Benfica do Jorge Jesus, que tan brillante temporada fixo o ano pasado, terá que asumir a marcha de dous homes importantes como Ramires e Di María. Non debería perder a frescura do seu xogo pero haberá que ver se o seu plantel algo reducido non acusa a presión de disputar a Champions, un torno demasiado esixente e polo que as aguias devecen despois das últimas ausencias. Polo momento, na estrea ligueira no Estádio da Luz apañaron unha dolorosa derrota ante a Acadêmica de Coimbra (1-2), despois deste auténtico golazo no desconto do brasileiro Laionel.


O Sporting de Lisboa parece que non dá saído da dinámica negativa da última temporada. No seu debú ligueiro colleitou unha triste derrota (1-0) no campo do Paços de Ferreira. Que a marcha de Moutinho fora suplida coa chegada do veterano e decadente Maniche, é ben ilustrativa da falta de rumo que dende hai un par de anos caracteriza ao club de Alvalade.

quarta-feira, 9 de junho de 2010

A FALTA DE DOUS DÍAS

A dous días para que comece o XIX Mundial de fútbol da Historia, o primeiro que se disputará en África, retomo este blog para facer un seguimento diario da competición. 

O de Sudáfrica será un Mundial especial. Por vez primeira teremos a oportunidade de ver nunha gran competición a Leo Messi. Chégalle a hora de demostrar que a súa grandeza, demostrada cada día co Barça, non mingua ao vestir a albiceleste, como se lle criticou ata agora do outro lado do Atlántico. Non hai dúbida de que Leo é na actualidade o mellor xogador do planeta pero para entrar no couto reservado aos máis grandes da Historia; isto é, Di Stéfano, Pelé, Cruyff ou Maradona, terá que empezar a demostrar o seu liderato sobre a súa selección, que ademais ten equipo talentoso abondo para disputar o título. Non lle vai faltar bo mentor. Maradona chega á competición que viu os seus momentos de maior gloria (México 86) e tamén de maior fracaso (EEUU 94), inda que desta volta como técnico. Para algúns, darlle a dirección do equipo a Diego é unha grande ousadía, dada a escasa experiencia como adestrador no fútbol de alta competición e o seu carácter non especialmente equilibrado, que se exemplificou perfectamente co mítico A mamarla! despois da agónica clasificación conseguida hai uns meses. Porén, Maradona é un mito que está por riba deste tipo de consideracións terreais. Seguro que a súa autoridade sobre os xogadores ten máis de divino que de humano, que saberá premer perfectamente as teclas para motivar aos seus nunha competición destas características e que a actuación do seu equipo non terá termo medio: só poderá definirse ben mediante a palabra gloria ou ben mediante a palabra fracaso. A esaxerada atención mediática que Maradona atrae sobre a súa persoa pode liberar dun exceso de presión a Messi. Arxentina é, por suposto, unha das favoritas, inda que non necesariamente o mellor dos 32 equipos en xogo. Ten unha dianteira brillante: con Messi, Agüero, Tévez, Higuaín... se ben non lle sobra tanto talento no resto das liñas. No centro do campo, de feito, asumirá  a comandancia o veteranísimo Verón, que despois da súa volta triunfal ao fútbol arxentino -Estudiantes de la Plata- recuperou o protagonismo coa súa selección. 

Cando se fala de favoritas aparece por suposto Brasil. Adestrada por Dunga, o que fora compañeiro no mediocentro de Mauro Silva na Brasil campioa en Estados Unidos 94, recupera precisamente o espírito daquel equipo dirixido por Carlos Alberto Parreira. Brasil foxe desta volta da súa versión máis brillante, do tradicional jogo bonito, e confíase antes que nada ao rigor táctico e á fortaleza no centro do campo. Non lle faltan as grandes estrelas, se ben todas elas están baixa sospeita tras unha triste temporada nos seus respectivos clubes: Robinho no Manchester City, Kaká no Real Madrid ou Luis Fabiano no Sevilla. Con todo, Brasil é un grande equipo, cun dos mellores gardarredes da competición: Julio Cesar, unha sólida defensa na que, como é habitual os laterais terán un papel fundamental á hora de incorporarse ao ataque, e un sólido centro do campo, para o que Dunga chamou a vellas glorias que xa teñen algún mundial no seu palmarés como Gilberto Silva ou Kleberson. Kaká, Robinho ou Luis Fabiano representan o talento e o desequilibrio dos homes de arriba. Con todo, parecen temperamentos fráxiles capaces de agocharse cando o vento non vén de cara. Imos ver se a Dunga lle chegará co que ten, pois neste Mundial 2010 parece que hai un pouco máis de concurrencia que no de fai 16 anos. 

Do resto das seleccións americanas cómpre salientar as dúas que completan, xunto con Francia e a anfitrioa Sudáfrica, un dos grupos máis igualados da primeira fase: Uruguai e México. A selección charrúa presenta unha dupla temible arriba con Diego Forlán e o gran Luis Suárez, máximo goleador da Liga Holandesa co Ajax de Amsterdam.  Se Uruguai é capaz de armar un equipo rochoso en defensa aumentarán exponencialmente as súas posibilidades de pasar a oitavos, habida conta de que non necesitarán demasiado para facer gol. Canto a México, dirixida por Javier Aguirre, é coma sempre unha incógnita. Ao estar encadrada da Concacaf, á tricolor fáltanlle partidos para se medir a seleccións do seu nível entre Mundial e Mundial. Non lles faltan xogadores talentosos. O noso Guardado parece que comezará dende o banco. Non así Cuauhtémoc Blanco, quen parece parece permanecer no equipo dende a era precolombina. México pode deslumbrar ou pasar sen pena nin gloria. O primeiro partido, o inaugural ante Sudáfrica, determinará posiblemente as súas posibilidades reais na competición.