Mostrar mensagens com a etiqueta Stephen Ireland. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Stephen Ireland. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 29 de setembro de 2009

AS POSIBILIDADES DO CITY

Despois de ver onte a vitoria do Manchester City ante o West Ham no último partido da sétima xornada da Premier, poucas dúbidas me quedan de que o equipo de Mark Hughes é un dos principais candidatos, se non o principal, para o título. A base de talonario, os xeques árabes acabaron argallando un plantel completísimo, sólido en todas as liñas e con xogadores de inmenso talento. Especial admiración a que teño por Carlitos Tévez, un dianteiro espectacular que ofreceu un rendemento de quitarse o chapeu en todos os clubes polos que pasou durante a súa peculiar carreira futbolística, pasando por Boca, logo polo Corinthians brasileiro, e máis tarde, xa en Inglaterra, por West Ham, no que é todo un ídolo dende que fai catro temporadas salvase dun descenso anunciado ao equipo londinense, con actuacións simplemente memorables dende a súa chegada no mercado de inverno acompañado polo seu compañeiro de aventuras Mascherano; Manchester United, onde non desmereceu ante a competencia de Rooney, Ronaldo ou Berbatov, e finalmente, inda en Manchester, o City. Goleador impenitente, a súa inmensa calidade e, sobre, todo, o seu constante sacrificio a favor do equipo, fan que a súa presenza en calquera plantel sexa impagable por canto ademais fai moito mellores aos seus compañeiros. Este ano o seu compañeiro no ataque é outro fóra de serie, Enmanuel Adebayor, outro dos dianteiros máis completos do fútbol actual. A súa calidade, velocidade, potencia e intelixencia son unha ameaza constante para calquera equipo e a súa carreira vai dar un salto adiante despois dunha xeira nun Arsenal que, ao meu entender, con todo o mérito que ten Wenger, é un equipo empantanado nun estilo de xogo tan bonito como improdutivo- sendo consciente de que tal afirmación está irremediablemente condenada ao debate apaixonado-. Queda falar aínda de Bellamy ou Wright Phillips, rápidos, agresivos, goleadores e asistentes xeniais, do irregular e desequilibrante Robinho, do recuperado Santa Cruz... No centro do campo o City ten outros dous figuras: Gareth Barry, centrocampista perfecto, sempre sabedor de cal é a xogada máis acaída, e xunto a el Stephen Ireland, talentoso e chegador compulsivo, que inda non ten todo o recoñecemento que merece. Vén de recuperarse aínda agora dunha lesión o incansable Michael Johnson, unha das grandes promesas das illas, como Micah Richards, o intresante central/lateral dereito internacional con Capello. Atrás chamou a atención a chegada de Kolo Touré, emblema do Arsenal nos últimos anos. Central completo, rápido e con criterio na saída do balón, o seu carácter é un valor engadido para un equipo que se pretende campión. Un bo acompañante para os prometedores inda que irregulares Kompany, Onuoha ou Joleon Lescott. Shay Given, por último, é porteiro de grantías. A principal dúbida é saber da capacidade de Hughes para dar o gran salto. Polo momento as sensacións son francamente boas.

Á hora de falar doutros candidatos non sería prudente descartar, obviamente, o sempre competitivo Chelsea, dun resultadismo demoledor, e ao Manchester, que malia as notables baixas desta temporada, que será difícil que non acuse, segue metendo medo. Canto ao Liverpool, parece ter dado un pequeno paso cara adiante. É un equipo sólido e moi ben traballado, inda que con pouca profundidade de banco e parece que dependente en exceso do acerto de Torres quen, de todos modos, anda como unha moto. Haberá que ver tamén como se acopla o talentoso italiano Alberto Aquilani, chamado a ser o substituto de Xabi Alonso. Tamén será interesante ver a campaña do Aston Villa, que da man de Martin O´Neill segue medrando tempada tras tempada. Equipo especialmente consistente e co contrataque máis letal da Liga, alegraríame que por fin fose capaz de entrar entre os catro primeiros. No Arsenal, xa dixen, non teñ especial fe dende fai tempo.