quarta-feira, 23 de setembro de 2009

E O SEVILLA?

Os comentaristas da Liga auguran que esta temporada a loita polo título será cousa de dous: Madrid e Barcelona. Non sei eu, honestamente, se este Madrid que gastou unha millonada para meter unha chea de galos nun mesmo poleiro será capaz de discutirlle o título a un Barça cuxos xogadores andan como motos, con Messi a meter os goles a pares, Ibrahimovic a gol por partido e Xavi dando asistencias de gol coma quen fai churros. En todo caso, aceptando Madrid como candidato ao título, non parece que o resto dos aspirantes poida aspirar a meterse nesa batalla. O Atlético, fiel á súa idiosincrasia, xa anda cunha desas depresións de cabalo que lle veñen de cando en cando; o Valencia, parece plantel curtiño de máis para aguantar a temporada; o Vila Real adaptándose aínda a Valverde e viceversa, e Valverde non é mal adestrador pero necesita o seu tempiño para amoldar un equipo ao seu gusto; e o Sevilla... vaites! o Sevilla por que non? Gústame o Sevilla, paréceme un equipazo que non ten demasiado que envexarlle aos grandes de Europa: tres dianteiros espectaculares -recoñezo aquí a miña admiración por Kanouté-, unha defensa recia e consistente, laterais polivalentes e de calidade -parece que este ano Konko está a demostrar a súa verdadeira categoría futbolística-, centrocampistas de toda caste, e xogadores por banda cunha capacidade incrible de desborde -Capel, Perotti, Adriano, Jesús Navas...-. O de Navas é de traca. Tremendo xogador! É máis rápido que ninguén, regatea como ninguén e cando chega á liña de fondo sempre sabe facer o máis acaído: pase atrás, ou disparo, ou centro ao segundo pao como o de onte marabilloso... En fin, un fóra de serie. Reflexionaba onte sobre o feito de que Navas nunca fora á selección española. Non seu momento rexeitou tal posibilidade, seica, porque lle entraban crises de ansiedade. Estraño caso o seu! De todos modos un feito que fai que a miña simpatía por este xogador sexa aínda máis grande. Onte contra o Mallorca o Sevilla non fixo, nin moito menos, unha grande exhibición pero gañoulle con inusitada facilidade a un Mallorca pobretón ao que se lle baixou de vez a quentura que traía das tres primeiras xornadas. Se algún elemento podía facer dubidar da capacidade do Sevilla para loitar polo máis alto, era talvez, o seu adestrador Manolo Jiménez, a quen, malia non colleitar malos resultados, parecía que o equipo se lle facía un chisco grande de máis. Visto o comezo de temporada do Sevilla, acredito que Jiménez xa non é un problema, que a experiencia acumulada inchouno como adestrador abondo como para que lle acaía o traxe á perfección. Jiménez xa sabe que ten un equipazo entre mans e que para sacarlle o máximo non lle vale outra que saír a gañar cada partido. Así que aposto que esta Liga se non é cousa de un, será cando menos cousa de tres.

Ou de catro se o Deportivo quere... En fin, parece difícil. Hoxe ás oito xogamos un partido ben importante. Non sería bo afundirnos nos postos baixos ás primeiras de cambio. Juan Rodríguez é baixa e Sergio entrará no once titular. A ver que tal! O certo é que Sergio, ao que xa lle pasou boa parte do arroz, non deixa de ser un dos tipos con máis fútbol do equipo, e necesitamos no centro do campo alguén coma el, cando está lúcido, para darlle ao xogo outro feitío máis futboleiro -se cadra para iso tamén podería valer Juan Domínguez-. Do Juca, do que lle teño visto, non podo falar mal, inda que tampouco moi ben. Parece un xogador traballador e esforzado, loitador, técnicamente apañado e sobre todo con bo toque a bola parada. En fin, a ver que pasa. Que seis puntiños son mellores que tres. Outros nos que haberá que fixarse serán Adrián e Lassad. O sábado marcaron cadanseu gol. Ogallá se confirme que teñen calidade abonda para ser o referentes de ataque do Dépor esta temporada e as vindeiras.

En Alemaña o Bayern München de Van Gaal gañou onte 5-0 ao Oberhausen da 2ª División en partido de Copa. Marcaron dous Van Buyten, un xogador do Oberhausen en propia porta, Mario Gómez e... Thomas Müller. Este xogador está a ser no comezo da temporada, a grande aparición nova do fútbol europeu. Suma unha chea de goles en Liga e Champions e foi o revulsivo do Bayern para levantar cabeza despois dun pésimo comezo de Liga. Técnico, rápido, con bo disparo e cunha capacidade de chegada a gol extraordinaria é, dende logo, o maior descubrimento da canteira do Bayern dende Schweinsteiger. Haberá que seguirlle a pista.

Sem comentários:

Enviar um comentário