quinta-feira, 24 de setembro de 2009

ENRIQUE CASTRO E DIEGO CASTRO

Onte pechouse a cuarta xornada da Liga cun partido gris entre o Sporting e o Zaragoza. Con todo, pódense rescatar algunhas cousas do encontro. A primeira, o emotivo cumpleaños feliz que lle dedicou o Molinón a Enrique Castro 'Quini', ese mítico dianteiro que onte fixo 60 anos dunha vida intensa, marcada polo éxito futbolístico e por desgrazas persoais como aquel secuestro, xa bastante esquecido, pero que fora todo un acontecemento na España dos 80; a tráxica morte do seu irmán Castro, que fora tamén xogador, porteiro, do Sporting; e unha grave enfermidade da que se vai recuperando aos poucos. Á afición do Sporting, teñámoslle máis ou menos simpatía, hai que recoñecerlle un fermoso compromiso co seu equipo. Non hai máis que lembrar a maré branquivermella que levou cinco mil persoas a Riazor na época pasada, demostrando a importancia para calquera cidade de ter un equipo na Primeira División, algo que parecen non entender en exceso as autoridades coruñesas e galegas, que prefiren gastar millonadas en anuncios televisivos pero non queren gastar nun patrocinio no principal soporte publicitario de Galiza no mundo. En fin... Outro detalle importante do partido foi Diego Castro, o de Poio, o fillo do mítico Fernando Castro Santos, que é xa un emblema do Sporting. Designado pola afición mellor xogador do equipo na temporada pasada, vímolo onte co brazal de capitán e facendo un partido extraordinario, cun gol e dúas asistencias de gol que non aproveitaron os seus compañeiros. É penoso ver como o fútbol galego produce unha chea de talento, mais so acaba agromando unha mínima parte del, ás máis das veces grazas a unha perseverancia e insistencia que non necesitan as promesas futbolísticas doutros territorios do Estado.

Outro exemplo do enorme talento do fútbol galego é o Jonathan Pereira, un xogador cunha habilidade extraordinaria e un dos dianteiros máis prometedores da Liga, que despois das súas sucedidas tempadas en Ferrol e Santander, ten por fin unha oportunidade no Vila Real. O domingo visitará Riazor para enfrontarse ao Dépor, un equipo que nos últimos tempos mostrou moito interese en facerse cos seus servizos. Esperemos que por un día non destaque e que en Riazor quedemos del coa lembranza do seu primeiro partido en Riazor, enfardado coa camisola da selección galega, e no que lle marcou un gol magnífico á selección de Ecuador.

Á selección galega parece que non poderemos vela este ano. O cambio de Goberno da Xunta supón a eliminación de todo canto símbolo de identidade agromara co anterior executivo. Disque a selección galega é un fenómeno político e politizado, pero acho que tan político é tela como non tela. Unha mágoa en todo caso pois é un partido que serve, antes que nada, para visualizar o verdadeiro nível do noso fútbol, ese que xa fai case medio século conseguiu, no mesmo ano, un balón de prata para Luis Suárez, balón de ouro noutra edición; e un balón de bronce para Amancio Amaro.

Sem comentários:

Enviar um comentário