quarta-feira, 28 de outubro de 2009

AÍNDA MENOS MAL

O partido foi máis ben malo. O resultado estupendo. Con todo, podemos tirar conclusións positivas. Como por exemplo saber que hai segundo porteiro. Aínda non tivera ocasión Manu de demostrar as súas cualidades en partido oficial co primeiro equipo e a verdade é que estivo impecable. Tivo oportunidades abondas para lucirse e fíxoo todo ben. Outra lectura especialmente positiva é a das xogadas a balón parado, tanto polo rendemento que lles sacamos en ataque como polo ben que resolvemos en defensa. Hoxe o Murcia tivo case 20 corners e non marcou -inda que nalgún estivo cerca-, mentres que nós non tivemos nin media ducia e grazas a un córner practicamente sentenciamos a eliminatoria. Por outro lado foi o día que vin a Mista máis fino dende que chegou ao Deportivo. Sería francamente estimulante pensar que aínda lle poderiamos sacar algo de zume a un xogador que pensabamos enxoito. Tamén había ganas de ver a Angulo, ou Bruno como tamén lle chaman algúns, e penso que a sensación é optimista. Malia algún despiste en defensa e certa precipitación en ataque, parece un xogador con moita proxección habida conta a súa idade. Non lle faltan velocidade nin condicións técnicas. Iván Pérez estivo correcto, do mesmo xeito que Piscu cumpriu con solvencia, e Lassad parece recuperar o seu mellor ton. No plano negativo situaría o desconcerto colectivo nalgúns momentos, inda que pode ser comprensible tendo en conta que este era un equipo inédito e pouco afeito a estar xunto, a manía de Pablo Álvarez de querer resolvelo todo pola súa conta en detrimento do equipo e a pouca chispa de Adrián, que non acaba de prender como todos esperamos. Aínda non é mal resumo para un partido no que, honestamente, xogou mellor o Murcia. Por certo, que bo é Aquino! Ese non o queriamos nós?

O ALCORCONAZO

Se hai algo que me guste é que perda o Madrid. Onte non vin, maldita sexa, o 4-0 que levou en Alcorcón, pero lelo está maña no xornal xa me chegou para botar unhas boas gargalladas. Desta vez non marcou o 7 de España. En Madrid son un auténtico coñazo. Agora xa andan cuestionando a Pellegrini. Nunca entendín moi ben en que consiste ese concepto da excelencia da que tanto falan Valdano e Florentino. En todo caso, onte o Madrid axudoume a ter un día excelente.

Non puiden ver ao Madrid onte pero si vin ao Sporting de Lisboa, que xogaba en Liga Sagres contra o Vitória de Guimaraes. Os de Paulo Bento estaban obrigados a gañar para non se distanciar en exceso do Benfica, que lles levaba 11 puntos de vantaxe e viña de dar unha exhibición espectacular ante o Nacional de Madeira. Mais o Sporting anda nos antípodas do seu eterno rival. O fútbol do Sporting é dunha tristeza absoluta. Cóstalle horrores combinar no centro do campo e todas as súas esperanzas están depositadas en que apareza algunha xenialidade de Moutinho ou Liedson. Onte foron moi inferiores a un Vitória de Guimaraes, no que se estreaba o ex- do Paços de Ferreira, Paulo Sérgio, no banco, e que tampouco anda para botar foguetes, penúltimo e en postos de descenso. No Vitória xoga un dos meus xogadores favoritos, Nuno Assis, un veterano de 32 anos que nunca alcanzou o nível e a notoriedade que lle corresponden á súa inmensa calidade futbolística. Omnipresente no xogo do seu equipo, ten un repertorio interminable de recursos técnicos, visión de xogo envexable e olfato goleador. Onte liderou o xogo do Vitória mais faltou pegada adiante. Parecía que o Sporting podía sacar petroleo dun partido horrendo grazas a un gol de Matías Fernández. Mais no desconto, Rui Miguel empatou cun magnífico disparo á base do pau e fixo un pouqiño de xustiza ao visto no partido.

E mentres o Dépor prepárase para o seu debú copeiro ante o Murcia, ese equipo que sempre trae boas lembranzas, pois fora contra o Murcia que se queimara o meigallo da Segunda e comezou a época máis feliz da historia do equipo. Vista a convocatoria está claro que Lotina non lle vai dar aínda a oportunidade ao canteirán Juan Domínguez. En todo caso, boa ocasión para reivindicarse para outros xogadores coma Piscu, Iván Pérez, Lassad, Manu ou Angulo

terça-feira, 27 de outubro de 2009

O ESPECTACULAR MOMENTO DO BENFICA

O Benfica anda realmente imparable. Despois da exhibición do xoves na Europa League ante o Everton, volveu deslumbrar con outra exhibición equiparable ante un bo equipo da Liga Sagres. O Nacional de Madeira de Manuel Machado saíu cun 6-1 do Estádio da Luz. Ata agora era escéptico sobre as posibilidades reais do equipo do Jorge Jesus para competir pola Liga e máis, por que non, por Europa. Malia que foi arrasando un por un nos partidos que ía disputando, os rivais eran de moi pouca entidade -caso paradigmático o do Vitória de Setúbal que perdeu 8-1 en Lisboa pero non tanto polo vendaval ofensivo dos encarnados como pola pior actuación que lle lembro a un equipo de fútbol en moito tempo-. Mais esta semana era a proba de fogo para o Benfica. Tanto o Everton como o Nacional, malia non estaren no seu mellor momento, son equipos certamente competitivos e que non adoitan conceder demasiadas facilidades en defensa. Foron literalmente esmagados por unha máquina de facer fútbol. O repertorio de posibilidades ofensivas do Benfica é inesgotable. Cardozo anda feito goleador insaciable; Saviola demostra que é un xogador que merecía mellor sorte da que tivo na súa carreira, Aimar e Di María son dous craques, un que aínda está empezando e outro no momento culminante da súa carreira, cunha calidade e fantasía alucinantes; Ramires, o brasileiro, é moi bo en todo e dalle consistencia ao mediocampo, ten calidade, ten gol... mentres que Javi García demostrouse suficiente para termar el só do mediocentro encarnado. Inda por riba aparecen máis solucións ofensivas, como aposta onte por Fabio Coentrao no lateral esquerdo, dende o que xerou tres dos goles do equipo. A balón parado o Benfica é un equipo realmente letal, grazas en parte á calidade dos seus lanzadores e á contundencia dos seus rematadores... En fin, as posibilidades deste equipo, a estas alturas da temporada, son inimaxinables e a euforia da súa torcida perfectamente comprensible. As miñas principais dúbidas seguen centradas na consistencia defensiva do equipo ante rivais de verdadeiro empaque -penso nomeadamente no Porto, principal rival polo título-. Luisao e David Luis son bos centrais e están a responder perfectamente, e o compromiso do equipo para as axudas non amosa fendas de ningún tipo. Con todo, na vindeira xornada ven outro test ben interesante ante o Sporting Braga no Municipal bracarense. Eu, honestamente, sigo apostando polo Porto para o título, teño debilidade por ese equipo e polo seu técnico Jesualdo Ferreira. Porén, as certezas que tiña ata agora comezan a ser menos firmes vendo o momento absolutamente espectacular do Benfica, do que por outra banda, ben que me alegro.

segunda-feira, 26 de outubro de 2009

DESASTRE, PERO SIGO SENDO OPTIMISTA

Un mazazo, claro que si. Un non esperaba que o partido de Zorrilla fose chegar e encher, sabía que sería difícil, non había máis que ver os precedentes das últimas temporadas, pero confiaba, cando menos, en que mantiveramos o excelente ton defensivo dos últimos partidos, catro seguidos sen encaixar un gol. Pero está visto que este equipo ou non encaixa goles ou encáixaos todos de vez. Catro cero parece un resultado avultado de máis para os méritos duns e doutros. Podería parecer que o Dépor foi un autético desastre, e tampouco foi para tanto. Saíu o campo ben, firme atrás e chegando con relativo perigo á area contraria. Riki tivo unha clarísima que non entrou por moi pouco, Guardado non chegou polos pelos a un centro de Juan Rodríguez, cada xogada de balón parado era unha oportunidade clara de gol... pero volveu certo desconcerto á defensa. Os goles foron unha mestura de despiste e infortunio. O 1-0 parecía un golpe asumible. Visto o desenvolvemento do partido era cuestión de paciencia e de non perderlle a consistencia. Non eramos un vendaval ofensivo pero si que daba a impresión de que con paciencia as oportunidades, e xa que logo o gol, acabarían chegando. Pero non foi tal, en parte tamén porque o árbitro decidiu anular, sen ningún motivo comprensible, a única xogada que acabou coa bola nas redes. Non é cousa de botarlle a culpa do resultado ao árbitro, pero a realidade é que tivo unha actuación desastrosa. Á volta do descanso o que se vía escuro tornou definitivamente negro. Lopo debera escoller mellor os tacos das súas botas. Esborrexeu nunha xogada aparentemente inofensiva e ao caer habilitou a Nauzet para marcar o segundo cando apenas se levaba un minuto do segundo tempo. Pouco despois Lopo volveu escorregar favorecendo unha ocasión clara de Diego Costa. Mesmo con 2-0, resultado moi inxusto vendo os méritos dos uns e dos outros, o Dépor seguiu sendo fiel ao seu estilo. podería ter mudado o desenlace do xogo de non bater no poste o remate de Juan Rodríguez tras unha excelente xogada por banda esquerda. A sorte non estaba con nós. Contra o final do partido fomos ao ataque con máis corazón que cabeza e concedemos demasiadas facilidades á contra. Así se explica o avultado resultado. O 3-0 chegou tras un erro inhabitual de Manuel pablo, o 4-0 foi un golazo froito do xenio individual de Medunjanin. O resultado é un mazazo que cuestiona de súpeto todo o bo traballo feito ata agora. Con todo, non debéramos darlle execesiva importancia. O valor real da derrota en Zorrilla medirase en función do que aconteza o próximo domingo en Riazor ante o Sporting. É en Riazor onde os erros de onte non se poden volver repetir e o éxito ou fracaso desta temporada haberá de cimentarse. Eu, en particular, sigo sendo optimista malia o desastre de onte.

Só algúns apuntamentos sobre outras cousas acontecidas onte. Fernando Torres volveu aparecer para marcar o gol decisivo no Liverpool-Manchester que acabou 2-0. O madrileño é, sen dúbida, o xogador máis desequilibrante e imprescindible do seu equipo e pode que o dianteiro máis determinante da Premier. Por certo, Torres é especialista en desquiciar o serbio Nemanja Vidic, que unha vez máis acabou sendo expulsado ante o Liverpool. Honestamente, considero a Vidic un dos xogadores máis sobrevalorados do fútbol actual. Ten moi boas condicións defensivas pero o seu nível de concentración é demasiado inestable e comete moitos erros graves cada partido. Mentres, o Chelsea segue gañando de maneira esmagadora. É, posiblemente, o equipo máis sólido da competición.

Onte vin un o River-Boca do Apertura arxentino. River e Boca son unha auténtica colección de vellas glorias: Gallardo, Ortega, Almeida... por River; Abbondanzieri, Riquelme, Battaglia, Palermo, Ibarra... por Boca. Parecía unha volta aos apaixonantes clásicos dos 90. Empataron a 1 gol

domingo, 25 de outubro de 2009

A HORA DE DI MARÍA

O Benfica deu unha exhibición absolutamente espectacular o pasado xoves en UEFA ante o Everton. Foi un auténtico subidón para a afición encarnada, que vivía con euforia o comezo da temporada, pletórica de xogo e goles, pero que precisaba unha confirmación ante un equipo grande. O resultado 5-0 mesmo puido resultar curto dadas as inúmeras ocasións das que dispuxeron os de Jorge Jesus. O Benfica ten un equipo moi apañado con moitos homes de calidade arriba: Saviola, Cardozo, Aimar, Ramires, etcétera. Pero un xogador brilla sobre os demais: o arxentino Ángel Di María, un zurdo dunha calidade brutal que se atreve con todo, un xogador terriblemente desbordante. Ten 21 nos e xa gañou un Mundial sub-20 e uns xogos Olímpicos coa albiceleste, e parece doado pensar que será unha das apostas de Maradona no Mundial. O pasado xoves foi o mellor das aguias, con catro asistencias e unha chea de detalles de calidade. As aspiracións lexítimas do Benfica para esta temporada, en Liga e en UEFA, pasan porque Di María manteña o seu excelente nível de xogo e non se agoche nos partidos decisivos.O rosarino é, dende logo, un xogador para non lle perder a pista

quinta-feira, 22 de outubro de 2009

SPACE COWBOYS

Unha das películas máis divertidas dos últimos anos. Clint Eastwood e un grupo de vellotes: Donald Sutherland, Tommy Lee Jones e James Garner, teñen que asumir no outono das súas vidas unha complicada misión espacial: reparar un vello satélite de comunicacións que está a dar unha chea de problemas. Prepáranse durante meses para asumir a misión ante a mofa dos pilotos máis novos: uns rapazolos prepotentes que non poden agochar o seu desprezo por aqueles vellos carcamales. Onte lembrei a película vendo o Real Madrid-Milán da Champions. Porque onte os space cowboys do Milan déronlle unha boa cura de humildade aos galácticos do Madrid. E iso que ao principio ben se vía que os italianos andaban algo oxidados, sobre todo Dida, que cometeu un erro que fixo esmendrellarse ao Bernabeu. Parecía que a misión estaba condenada ao fracaso e que mellor era que os vellotes quedaran na casa, que se o Madrid quería podían facer estragos de verdade ante un equipo ao que lle ranxían os cadrís. Pero chegouse ao segundo tempo e o resultao era exiguo, apenas 1-0, así que os vellotes decidiron deixarse de caralladas e dedicarse a disfrutar. Apareceu Pirlo e meteu un furolo desde 35 metros, así como quen non quere a cousa, para empatar o partido e deixar en evidencia ao Casillas, que vese que dende que foi confirmado como unha das atraccións do vindeiro Xacobeo, canta máis que Julio Iglesias. Logo apareceu Ambrosini, un dos máis veteranos e curtidos, e deulle un pase maxistral ao rapaz que teñen apadriñado, o Alexandre Pato, que de cadrís anda mellor cos seus compañeiros e fíxolle un amago a Casillas que foi unha auténtica delicatessen. O Milan púxose por diante e ao Madrid deulle un ataque de orgullo, como ao adolescente libidinoso que ve como lle rouba a moza un vellote de tempas prateadas. Conseguiu o empate por medio de Drenthe, todo fume, e parecía que enmendaba o desastre. Pero o Milan xa lembrara totalmente de que ía isto do fútbol. Ronaldinho, que sería o equivalete ao Donald Sutherland da película, o hedonista compulsivo, volveu facer das súas; do mesmo xeito apareceu o gran Clarence Seedorf para sentar cátedra, o vello Nesta para repartir estopa e enfrontarse ás autoridades... e os space cowboys remataron a faena cunha xogada excelente que volveu rematar o rapaz Pato. Co apito final, os vellos do Milan celebrárono como os veteranos que gañan un torneo de fútbol praia e van dar conta a continuación dunha chea de caixas de cervexa.

quarta-feira, 21 de outubro de 2009

QUE VEÑEN OS RUSOS!!!

Xa falei outras veces do potencial cada vez maior do fútbol dos países do Leste, nomeadamente do ruso e máis do ucraniano, cuxas ligas son cada vez máis competitivas e cuxos equipos acadan resultados cada vez mellores nas competicións europeas -Shakhtar Donetsk e Zenit gañaron as dúas últimas edicións da UEFA-. Por iso non deben resultar estraños resultados como os que se produciron onte no Grupo F da Champions: derrota do Barça no Camp Nou ante o Rubin Kazan, campión ruso, e empate a dous goles en Milán do Inter ante o campión ucraniano Dinamo de Kiev. Non imos negar, en todo caso, que o do Rubin Kazan no Camp Nou foi unha sorpresa e que, por veces, sobre todo cara o final do partido, un empezaba a preguntarse a que deus lle rezaba o Kurban Berdiyev, rosario en man, pois parecía que alguén efectivamente escoitaba os seus rezos. Dígoo sobre todo pola volea de Ibrahimovic ao traveseiro, o cabezazo ao pao de Keita no último suspiro e, sobre todo, polo tremendo golazo de Ryazantsev aos dous minutos, un furolo impresionante dende 40 metros que entrou por toda a escuadra. Curiosamente o último equipo en gañarlle na Champions ao Barça fora o Shakhtar Donetsk haberá aproximadamente un ano. Os equipos rusos e ucranianos implementaron notablemente os seus planteis nos últimos tempos coa chegada de xogadores estranxeiros de calidade, especialmente sudamericanos: Wagner Love, Jo Alves, Daniel Carvalho, Chori Domínguez, Christian Noboa, etcétera. Do mesmo xeito, agroma o talento nacional. Despois da aparición espectacular de Arshavin, Pogrebnyak, Pavlychenko e compañía, co fermoso colofón da pasada Eurocopa no que disputaron as semifinais, asoman novos xogadores interesantes como o propio Ryazantsev ou o norosetio Dzagoev do CSKA de Moscova. Do mesmo xeito en Ucrania podemos falar de talentos como Chigrinsky ou Milevskiy. Rusia e Ucrania recuperan ademais o esplendor das súas seleccións nacionais e, despois da brillante pasada Eurocopa, seguen vivas aínda na clasificación do Mundial, onde terán que xogar a repesca: Rusia contra Grecia e Ucrania contra Eslovenia. Atreveríame a dicir que parten como favoritas. Por certo, obviando estas dúas nacións, chama a atención o cambio de protagonismo dos países do Leste na escena internacional. Non estarán no vindeiro mundial clásicos como a República Checa, Polonia, Serbia, Croacia, Bulgaria ou Rumanía, pero clasificáronse ou están na repesca outras como Bosnia, Eslovaquia ou Eslovenia. Entrementres, para os que seguimos agardando polo reagromar do fútbol húngaro foi unha gran nova a marabillosa actuación da súa selección no pasado mundial xuvenil, na que chegou ás semifinais perdendo coa logo campiona Ghana. A figura de Krisztian Nemeth, estrela do equipo xuvenil, xunto coa tamén emerxente confirmación como crack do xogador Balasz Dzsuzsák do PSV Eindhoven, fan pensar que non tardaremos moito en volver ver os maxiares nunha gran competición internacional.

Así que publico esta entrada e vou ver que pasa no partido entre o CSKA de Moscova e o Manchester United.