segunda-feira, 19 de outubro de 2009

IMPRESIONANTE!

E Riazor vai recuperando a substancia de outrora. O sábado houbo unha magnífica entrada, un apoio constante ao equipo e, no último cuarto de hora, unha emoción elevada, que había alomenos un lustro que non se experimentaba no estadio. E é que o equipo está alcanzando cotas verdadeiramente impensables, fundamentadas nomeadamente nunha defensa inexpugnable, cun Lopo soberbio e un Manuel Pablo descomunal. O mérito desta xeira de vitorias consecutivas e do terceiro posto na Liga, porén, é de todos, comezando por Lotina que ten unha inmensa paciencia, unha enorme capacidade de autocrítica impropia da meirande parte dos adestradores de primeira e unha man excelente para o trato co vestiario. Aínda lembro agora o seu primeiro partido de Liga en Riazor ante o Almería: un auténtico desastre que nos partidos posteriores foise emendando inda que os reultados non acompañasen e acabásemos a primeira volta penúltimos con apenas 17 puntos. Logo endereitouse o rumo cos cinco defensas, a chegada de Wilhelmson e a explosión de Lafita e Filipe. Acabamos novenos. O ano seguinte o equipo mellorou aínda máis e fomos sétimos e este, inda que é cedo para especular, ten mellores trazas aínda que os anos anteriores. En definitiva, a constatación de que moitas veces non é tan importante o investimento de millonadas en determinados futbolistas -penseino moito despois de ver o Betis xogando contra o castellón na Segunda- como o traballo ben feito en todas as instancias do clube. Porque tampouco se pode obviar o mérito de Augusto César Lendoiro dende a presidencia. Inda que o equipo endebedado de forma preocupante, cunha dificuldade realmente desacougante para fichar, hai unha cousa evidente, que salienta Lotina seguido, e é que Lendoiro é un home de fútbol, ao que lle gusta o fútbol e entende perfectamente en que consiste este xogo. E onde outros estarían nerviosos cesando adestradores a cada pouco e procurando no mercado solucións miragreiras, Lendoiro entende que non hai mellor receita que confiar en técnicos serios independentemente de determinadas coxunturas negativas e apostar por xogadores bos inda que se cadra pouco valoradas por determinadas circunstancias- Aranzubia, Lafita, Filipe, Juca, Colotto son algúns exemplos, inda que tamén houbo, evidentemente grandes fiascos cuxos nomes a ninguén se lle escapan-. Inda que, obviamente, aos socios e afeccionados nos preocupen determinadas cuestións de transparencia e trapalleirismo na xestión do clube, tampouco podemos ignorar que, en boa medida, a metade das cousas que se falan teñen que ver co interese paranoico do presidente dun xornal que pensa que todo vale para saciar os seus rencores personalistas, inda que iso supoña facer dano ao equipo de xeito carroñeiro, cando pior pintan as cousas. A política de La Voz de Galicia con respecto ao Dépor nos últimos anos, dende o seu presidente ata a súa nómina de mercenarios a soldo do tipo Luis Ventoso, Fernando Hidalgo ou Fran Espiñeira, é noxenta e un insulto para unha profesión que, cando se fai ben paga a pena, pero cando se fai mal fede.

Nos antípodas destes xornalistas da Voz antes mentados, situábase un xornalista marabilloso, Andrés Montes, un home que fixo do divertimento a súa razón de traballo. Persoalmente considero as súas retransmisións da NBA con Antoni Daimiel en Canal +, as mellores retransmisións deportivas que teño visto na vida. Logo, na Sexta, agradecíase o seu estilo desenfadado, lonxe dos sabichós e patrioteiros que inzaban o resto das cadeas. Facía tempo que non me producía tanta pena o pasamento dun personaxe público. Un día haberá que tomarlle os churros en Bonilla pola súa memoria.

4 comentários:

  1. Como siempre, tienes toda la razón del mundo.

    Uno de los mayores aciertos de Lendoiro a lo largo de las últimas temporadas, ha sido mantener a Lotina cuando absolutamente nadie confiaba en él.

    Poco a poco el grupo de jugadores se está convirtiendo en un auténtico "equipo", no como cierto Real Madrid, en el que parece que cada uno va por su lado.

    Respecto a La Voz, una panda de impresentables que solo saben buscar trapos sucios; y respecto a Montes, un auténtico fenómeno. Como he dicho en más de una ocasión, no tenía ni puta idea de fútbol, pero lo hacía mejor que muchos gracias a sus constantes salidas y sus originales motes. En la NBA, simplemente un Dios.

    Saludos!

    ResponderEliminar
  2. Bastnte dacordo co comentario de Navedo.

    O da Voz xa por sabido non deixa de dar noxo, sí.

    Pero que se f...que o Depor tirará para adiante a pesar deles.

    Saudos

    ResponderEliminar
  3. Dani, Lemos, é un pracer que pasedes por aquí! Non digo máis nada porque vexo que estades dacordo. Haberá que meter un pouquiño máis de polémica logo nos próximos posts.

    Por certo Lemos, como vai, pois iso, o Lemos, que andaban nas últimas ultimamente?

    UN SAUDO PARA OS DOUS

    ResponderEliminar
  4. E por certo, que non o comentei na entrada...VAIA GOLAZO DE JUAN RODRIGUEZ!!! MI MÁ!!! A quen se lle conte!

    ResponderEliminar