quarta-feira, 28 de outubro de 2009

AÍNDA MENOS MAL

O partido foi máis ben malo. O resultado estupendo. Con todo, podemos tirar conclusións positivas. Como por exemplo saber que hai segundo porteiro. Aínda non tivera ocasión Manu de demostrar as súas cualidades en partido oficial co primeiro equipo e a verdade é que estivo impecable. Tivo oportunidades abondas para lucirse e fíxoo todo ben. Outra lectura especialmente positiva é a das xogadas a balón parado, tanto polo rendemento que lles sacamos en ataque como polo ben que resolvemos en defensa. Hoxe o Murcia tivo case 20 corners e non marcou -inda que nalgún estivo cerca-, mentres que nós non tivemos nin media ducia e grazas a un córner practicamente sentenciamos a eliminatoria. Por outro lado foi o día que vin a Mista máis fino dende que chegou ao Deportivo. Sería francamente estimulante pensar que aínda lle poderiamos sacar algo de zume a un xogador que pensabamos enxoito. Tamén había ganas de ver a Angulo, ou Bruno como tamén lle chaman algúns, e penso que a sensación é optimista. Malia algún despiste en defensa e certa precipitación en ataque, parece un xogador con moita proxección habida conta a súa idade. Non lle faltan velocidade nin condicións técnicas. Iván Pérez estivo correcto, do mesmo xeito que Piscu cumpriu con solvencia, e Lassad parece recuperar o seu mellor ton. No plano negativo situaría o desconcerto colectivo nalgúns momentos, inda que pode ser comprensible tendo en conta que este era un equipo inédito e pouco afeito a estar xunto, a manía de Pablo Álvarez de querer resolvelo todo pola súa conta en detrimento do equipo e a pouca chispa de Adrián, que non acaba de prender como todos esperamos. Aínda non é mal resumo para un partido no que, honestamente, xogou mellor o Murcia. Por certo, que bo é Aquino! Ese non o queriamos nós?

O ALCORCONAZO

Se hai algo que me guste é que perda o Madrid. Onte non vin, maldita sexa, o 4-0 que levou en Alcorcón, pero lelo está maña no xornal xa me chegou para botar unhas boas gargalladas. Desta vez non marcou o 7 de España. En Madrid son un auténtico coñazo. Agora xa andan cuestionando a Pellegrini. Nunca entendín moi ben en que consiste ese concepto da excelencia da que tanto falan Valdano e Florentino. En todo caso, onte o Madrid axudoume a ter un día excelente.

Non puiden ver ao Madrid onte pero si vin ao Sporting de Lisboa, que xogaba en Liga Sagres contra o Vitória de Guimaraes. Os de Paulo Bento estaban obrigados a gañar para non se distanciar en exceso do Benfica, que lles levaba 11 puntos de vantaxe e viña de dar unha exhibición espectacular ante o Nacional de Madeira. Mais o Sporting anda nos antípodas do seu eterno rival. O fútbol do Sporting é dunha tristeza absoluta. Cóstalle horrores combinar no centro do campo e todas as súas esperanzas están depositadas en que apareza algunha xenialidade de Moutinho ou Liedson. Onte foron moi inferiores a un Vitória de Guimaraes, no que se estreaba o ex- do Paços de Ferreira, Paulo Sérgio, no banco, e que tampouco anda para botar foguetes, penúltimo e en postos de descenso. No Vitória xoga un dos meus xogadores favoritos, Nuno Assis, un veterano de 32 anos que nunca alcanzou o nível e a notoriedade que lle corresponden á súa inmensa calidade futbolística. Omnipresente no xogo do seu equipo, ten un repertorio interminable de recursos técnicos, visión de xogo envexable e olfato goleador. Onte liderou o xogo do Vitória mais faltou pegada adiante. Parecía que o Sporting podía sacar petroleo dun partido horrendo grazas a un gol de Matías Fernández. Mais no desconto, Rui Miguel empatou cun magnífico disparo á base do pau e fixo un pouqiño de xustiza ao visto no partido.

E mentres o Dépor prepárase para o seu debú copeiro ante o Murcia, ese equipo que sempre trae boas lembranzas, pois fora contra o Murcia que se queimara o meigallo da Segunda e comezou a época máis feliz da historia do equipo. Vista a convocatoria está claro que Lotina non lle vai dar aínda a oportunidade ao canteirán Juan Domínguez. En todo caso, boa ocasión para reivindicarse para outros xogadores coma Piscu, Iván Pérez, Lassad, Manu ou Angulo

terça-feira, 27 de outubro de 2009

O ESPECTACULAR MOMENTO DO BENFICA

O Benfica anda realmente imparable. Despois da exhibición do xoves na Europa League ante o Everton, volveu deslumbrar con outra exhibición equiparable ante un bo equipo da Liga Sagres. O Nacional de Madeira de Manuel Machado saíu cun 6-1 do Estádio da Luz. Ata agora era escéptico sobre as posibilidades reais do equipo do Jorge Jesus para competir pola Liga e máis, por que non, por Europa. Malia que foi arrasando un por un nos partidos que ía disputando, os rivais eran de moi pouca entidade -caso paradigmático o do Vitória de Setúbal que perdeu 8-1 en Lisboa pero non tanto polo vendaval ofensivo dos encarnados como pola pior actuación que lle lembro a un equipo de fútbol en moito tempo-. Mais esta semana era a proba de fogo para o Benfica. Tanto o Everton como o Nacional, malia non estaren no seu mellor momento, son equipos certamente competitivos e que non adoitan conceder demasiadas facilidades en defensa. Foron literalmente esmagados por unha máquina de facer fútbol. O repertorio de posibilidades ofensivas do Benfica é inesgotable. Cardozo anda feito goleador insaciable; Saviola demostra que é un xogador que merecía mellor sorte da que tivo na súa carreira, Aimar e Di María son dous craques, un que aínda está empezando e outro no momento culminante da súa carreira, cunha calidade e fantasía alucinantes; Ramires, o brasileiro, é moi bo en todo e dalle consistencia ao mediocampo, ten calidade, ten gol... mentres que Javi García demostrouse suficiente para termar el só do mediocentro encarnado. Inda por riba aparecen máis solucións ofensivas, como aposta onte por Fabio Coentrao no lateral esquerdo, dende o que xerou tres dos goles do equipo. A balón parado o Benfica é un equipo realmente letal, grazas en parte á calidade dos seus lanzadores e á contundencia dos seus rematadores... En fin, as posibilidades deste equipo, a estas alturas da temporada, son inimaxinables e a euforia da súa torcida perfectamente comprensible. As miñas principais dúbidas seguen centradas na consistencia defensiva do equipo ante rivais de verdadeiro empaque -penso nomeadamente no Porto, principal rival polo título-. Luisao e David Luis son bos centrais e están a responder perfectamente, e o compromiso do equipo para as axudas non amosa fendas de ningún tipo. Con todo, na vindeira xornada ven outro test ben interesante ante o Sporting Braga no Municipal bracarense. Eu, honestamente, sigo apostando polo Porto para o título, teño debilidade por ese equipo e polo seu técnico Jesualdo Ferreira. Porén, as certezas que tiña ata agora comezan a ser menos firmes vendo o momento absolutamente espectacular do Benfica, do que por outra banda, ben que me alegro.

segunda-feira, 26 de outubro de 2009

DESASTRE, PERO SIGO SENDO OPTIMISTA

Un mazazo, claro que si. Un non esperaba que o partido de Zorrilla fose chegar e encher, sabía que sería difícil, non había máis que ver os precedentes das últimas temporadas, pero confiaba, cando menos, en que mantiveramos o excelente ton defensivo dos últimos partidos, catro seguidos sen encaixar un gol. Pero está visto que este equipo ou non encaixa goles ou encáixaos todos de vez. Catro cero parece un resultado avultado de máis para os méritos duns e doutros. Podería parecer que o Dépor foi un autético desastre, e tampouco foi para tanto. Saíu o campo ben, firme atrás e chegando con relativo perigo á area contraria. Riki tivo unha clarísima que non entrou por moi pouco, Guardado non chegou polos pelos a un centro de Juan Rodríguez, cada xogada de balón parado era unha oportunidade clara de gol... pero volveu certo desconcerto á defensa. Os goles foron unha mestura de despiste e infortunio. O 1-0 parecía un golpe asumible. Visto o desenvolvemento do partido era cuestión de paciencia e de non perderlle a consistencia. Non eramos un vendaval ofensivo pero si que daba a impresión de que con paciencia as oportunidades, e xa que logo o gol, acabarían chegando. Pero non foi tal, en parte tamén porque o árbitro decidiu anular, sen ningún motivo comprensible, a única xogada que acabou coa bola nas redes. Non é cousa de botarlle a culpa do resultado ao árbitro, pero a realidade é que tivo unha actuación desastrosa. Á volta do descanso o que se vía escuro tornou definitivamente negro. Lopo debera escoller mellor os tacos das súas botas. Esborrexeu nunha xogada aparentemente inofensiva e ao caer habilitou a Nauzet para marcar o segundo cando apenas se levaba un minuto do segundo tempo. Pouco despois Lopo volveu escorregar favorecendo unha ocasión clara de Diego Costa. Mesmo con 2-0, resultado moi inxusto vendo os méritos dos uns e dos outros, o Dépor seguiu sendo fiel ao seu estilo. podería ter mudado o desenlace do xogo de non bater no poste o remate de Juan Rodríguez tras unha excelente xogada por banda esquerda. A sorte non estaba con nós. Contra o final do partido fomos ao ataque con máis corazón que cabeza e concedemos demasiadas facilidades á contra. Así se explica o avultado resultado. O 3-0 chegou tras un erro inhabitual de Manuel pablo, o 4-0 foi un golazo froito do xenio individual de Medunjanin. O resultado é un mazazo que cuestiona de súpeto todo o bo traballo feito ata agora. Con todo, non debéramos darlle execesiva importancia. O valor real da derrota en Zorrilla medirase en función do que aconteza o próximo domingo en Riazor ante o Sporting. É en Riazor onde os erros de onte non se poden volver repetir e o éxito ou fracaso desta temporada haberá de cimentarse. Eu, en particular, sigo sendo optimista malia o desastre de onte.

Só algúns apuntamentos sobre outras cousas acontecidas onte. Fernando Torres volveu aparecer para marcar o gol decisivo no Liverpool-Manchester que acabou 2-0. O madrileño é, sen dúbida, o xogador máis desequilibrante e imprescindible do seu equipo e pode que o dianteiro máis determinante da Premier. Por certo, Torres é especialista en desquiciar o serbio Nemanja Vidic, que unha vez máis acabou sendo expulsado ante o Liverpool. Honestamente, considero a Vidic un dos xogadores máis sobrevalorados do fútbol actual. Ten moi boas condicións defensivas pero o seu nível de concentración é demasiado inestable e comete moitos erros graves cada partido. Mentres, o Chelsea segue gañando de maneira esmagadora. É, posiblemente, o equipo máis sólido da competición.

Onte vin un o River-Boca do Apertura arxentino. River e Boca son unha auténtica colección de vellas glorias: Gallardo, Ortega, Almeida... por River; Abbondanzieri, Riquelme, Battaglia, Palermo, Ibarra... por Boca. Parecía unha volta aos apaixonantes clásicos dos 90. Empataron a 1 gol

domingo, 25 de outubro de 2009

A HORA DE DI MARÍA

O Benfica deu unha exhibición absolutamente espectacular o pasado xoves en UEFA ante o Everton. Foi un auténtico subidón para a afición encarnada, que vivía con euforia o comezo da temporada, pletórica de xogo e goles, pero que precisaba unha confirmación ante un equipo grande. O resultado 5-0 mesmo puido resultar curto dadas as inúmeras ocasións das que dispuxeron os de Jorge Jesus. O Benfica ten un equipo moi apañado con moitos homes de calidade arriba: Saviola, Cardozo, Aimar, Ramires, etcétera. Pero un xogador brilla sobre os demais: o arxentino Ángel Di María, un zurdo dunha calidade brutal que se atreve con todo, un xogador terriblemente desbordante. Ten 21 nos e xa gañou un Mundial sub-20 e uns xogos Olímpicos coa albiceleste, e parece doado pensar que será unha das apostas de Maradona no Mundial. O pasado xoves foi o mellor das aguias, con catro asistencias e unha chea de detalles de calidade. As aspiracións lexítimas do Benfica para esta temporada, en Liga e en UEFA, pasan porque Di María manteña o seu excelente nível de xogo e non se agoche nos partidos decisivos.O rosarino é, dende logo, un xogador para non lle perder a pista

quinta-feira, 22 de outubro de 2009

SPACE COWBOYS

Unha das películas máis divertidas dos últimos anos. Clint Eastwood e un grupo de vellotes: Donald Sutherland, Tommy Lee Jones e James Garner, teñen que asumir no outono das súas vidas unha complicada misión espacial: reparar un vello satélite de comunicacións que está a dar unha chea de problemas. Prepáranse durante meses para asumir a misión ante a mofa dos pilotos máis novos: uns rapazolos prepotentes que non poden agochar o seu desprezo por aqueles vellos carcamales. Onte lembrei a película vendo o Real Madrid-Milán da Champions. Porque onte os space cowboys do Milan déronlle unha boa cura de humildade aos galácticos do Madrid. E iso que ao principio ben se vía que os italianos andaban algo oxidados, sobre todo Dida, que cometeu un erro que fixo esmendrellarse ao Bernabeu. Parecía que a misión estaba condenada ao fracaso e que mellor era que os vellotes quedaran na casa, que se o Madrid quería podían facer estragos de verdade ante un equipo ao que lle ranxían os cadrís. Pero chegouse ao segundo tempo e o resultao era exiguo, apenas 1-0, así que os vellotes decidiron deixarse de caralladas e dedicarse a disfrutar. Apareceu Pirlo e meteu un furolo desde 35 metros, así como quen non quere a cousa, para empatar o partido e deixar en evidencia ao Casillas, que vese que dende que foi confirmado como unha das atraccións do vindeiro Xacobeo, canta máis que Julio Iglesias. Logo apareceu Ambrosini, un dos máis veteranos e curtidos, e deulle un pase maxistral ao rapaz que teñen apadriñado, o Alexandre Pato, que de cadrís anda mellor cos seus compañeiros e fíxolle un amago a Casillas que foi unha auténtica delicatessen. O Milan púxose por diante e ao Madrid deulle un ataque de orgullo, como ao adolescente libidinoso que ve como lle rouba a moza un vellote de tempas prateadas. Conseguiu o empate por medio de Drenthe, todo fume, e parecía que enmendaba o desastre. Pero o Milan xa lembrara totalmente de que ía isto do fútbol. Ronaldinho, que sería o equivalete ao Donald Sutherland da película, o hedonista compulsivo, volveu facer das súas; do mesmo xeito apareceu o gran Clarence Seedorf para sentar cátedra, o vello Nesta para repartir estopa e enfrontarse ás autoridades... e os space cowboys remataron a faena cunha xogada excelente que volveu rematar o rapaz Pato. Co apito final, os vellos do Milan celebrárono como os veteranos que gañan un torneo de fútbol praia e van dar conta a continuación dunha chea de caixas de cervexa.

quarta-feira, 21 de outubro de 2009

QUE VEÑEN OS RUSOS!!!

Xa falei outras veces do potencial cada vez maior do fútbol dos países do Leste, nomeadamente do ruso e máis do ucraniano, cuxas ligas son cada vez máis competitivas e cuxos equipos acadan resultados cada vez mellores nas competicións europeas -Shakhtar Donetsk e Zenit gañaron as dúas últimas edicións da UEFA-. Por iso non deben resultar estraños resultados como os que se produciron onte no Grupo F da Champions: derrota do Barça no Camp Nou ante o Rubin Kazan, campión ruso, e empate a dous goles en Milán do Inter ante o campión ucraniano Dinamo de Kiev. Non imos negar, en todo caso, que o do Rubin Kazan no Camp Nou foi unha sorpresa e que, por veces, sobre todo cara o final do partido, un empezaba a preguntarse a que deus lle rezaba o Kurban Berdiyev, rosario en man, pois parecía que alguén efectivamente escoitaba os seus rezos. Dígoo sobre todo pola volea de Ibrahimovic ao traveseiro, o cabezazo ao pao de Keita no último suspiro e, sobre todo, polo tremendo golazo de Ryazantsev aos dous minutos, un furolo impresionante dende 40 metros que entrou por toda a escuadra. Curiosamente o último equipo en gañarlle na Champions ao Barça fora o Shakhtar Donetsk haberá aproximadamente un ano. Os equipos rusos e ucranianos implementaron notablemente os seus planteis nos últimos tempos coa chegada de xogadores estranxeiros de calidade, especialmente sudamericanos: Wagner Love, Jo Alves, Daniel Carvalho, Chori Domínguez, Christian Noboa, etcétera. Do mesmo xeito, agroma o talento nacional. Despois da aparición espectacular de Arshavin, Pogrebnyak, Pavlychenko e compañía, co fermoso colofón da pasada Eurocopa no que disputaron as semifinais, asoman novos xogadores interesantes como o propio Ryazantsev ou o norosetio Dzagoev do CSKA de Moscova. Do mesmo xeito en Ucrania podemos falar de talentos como Chigrinsky ou Milevskiy. Rusia e Ucrania recuperan ademais o esplendor das súas seleccións nacionais e, despois da brillante pasada Eurocopa, seguen vivas aínda na clasificación do Mundial, onde terán que xogar a repesca: Rusia contra Grecia e Ucrania contra Eslovenia. Atreveríame a dicir que parten como favoritas. Por certo, obviando estas dúas nacións, chama a atención o cambio de protagonismo dos países do Leste na escena internacional. Non estarán no vindeiro mundial clásicos como a República Checa, Polonia, Serbia, Croacia, Bulgaria ou Rumanía, pero clasificáronse ou están na repesca outras como Bosnia, Eslovaquia ou Eslovenia. Entrementres, para os que seguimos agardando polo reagromar do fútbol húngaro foi unha gran nova a marabillosa actuación da súa selección no pasado mundial xuvenil, na que chegou ás semifinais perdendo coa logo campiona Ghana. A figura de Krisztian Nemeth, estrela do equipo xuvenil, xunto coa tamén emerxente confirmación como crack do xogador Balasz Dzsuzsák do PSV Eindhoven, fan pensar que non tardaremos moito en volver ver os maxiares nunha gran competición internacional.

Así que publico esta entrada e vou ver que pasa no partido entre o CSKA de Moscova e o Manchester United.

segunda-feira, 19 de outubro de 2009

IMPRESIONANTE!

E Riazor vai recuperando a substancia de outrora. O sábado houbo unha magnífica entrada, un apoio constante ao equipo e, no último cuarto de hora, unha emoción elevada, que había alomenos un lustro que non se experimentaba no estadio. E é que o equipo está alcanzando cotas verdadeiramente impensables, fundamentadas nomeadamente nunha defensa inexpugnable, cun Lopo soberbio e un Manuel Pablo descomunal. O mérito desta xeira de vitorias consecutivas e do terceiro posto na Liga, porén, é de todos, comezando por Lotina que ten unha inmensa paciencia, unha enorme capacidade de autocrítica impropia da meirande parte dos adestradores de primeira e unha man excelente para o trato co vestiario. Aínda lembro agora o seu primeiro partido de Liga en Riazor ante o Almería: un auténtico desastre que nos partidos posteriores foise emendando inda que os reultados non acompañasen e acabásemos a primeira volta penúltimos con apenas 17 puntos. Logo endereitouse o rumo cos cinco defensas, a chegada de Wilhelmson e a explosión de Lafita e Filipe. Acabamos novenos. O ano seguinte o equipo mellorou aínda máis e fomos sétimos e este, inda que é cedo para especular, ten mellores trazas aínda que os anos anteriores. En definitiva, a constatación de que moitas veces non é tan importante o investimento de millonadas en determinados futbolistas -penseino moito despois de ver o Betis xogando contra o castellón na Segunda- como o traballo ben feito en todas as instancias do clube. Porque tampouco se pode obviar o mérito de Augusto César Lendoiro dende a presidencia. Inda que o equipo endebedado de forma preocupante, cunha dificuldade realmente desacougante para fichar, hai unha cousa evidente, que salienta Lotina seguido, e é que Lendoiro é un home de fútbol, ao que lle gusta o fútbol e entende perfectamente en que consiste este xogo. E onde outros estarían nerviosos cesando adestradores a cada pouco e procurando no mercado solucións miragreiras, Lendoiro entende que non hai mellor receita que confiar en técnicos serios independentemente de determinadas coxunturas negativas e apostar por xogadores bos inda que se cadra pouco valoradas por determinadas circunstancias- Aranzubia, Lafita, Filipe, Juca, Colotto son algúns exemplos, inda que tamén houbo, evidentemente grandes fiascos cuxos nomes a ninguén se lle escapan-. Inda que, obviamente, aos socios e afeccionados nos preocupen determinadas cuestións de transparencia e trapalleirismo na xestión do clube, tampouco podemos ignorar que, en boa medida, a metade das cousas que se falan teñen que ver co interese paranoico do presidente dun xornal que pensa que todo vale para saciar os seus rencores personalistas, inda que iso supoña facer dano ao equipo de xeito carroñeiro, cando pior pintan as cousas. A política de La Voz de Galicia con respecto ao Dépor nos últimos anos, dende o seu presidente ata a súa nómina de mercenarios a soldo do tipo Luis Ventoso, Fernando Hidalgo ou Fran Espiñeira, é noxenta e un insulto para unha profesión que, cando se fai ben paga a pena, pero cando se fai mal fede.

Nos antípodas destes xornalistas da Voz antes mentados, situábase un xornalista marabilloso, Andrés Montes, un home que fixo do divertimento a súa razón de traballo. Persoalmente considero as súas retransmisións da NBA con Antoni Daimiel en Canal +, as mellores retransmisións deportivas que teño visto na vida. Logo, na Sexta, agradecíase o seu estilo desenfadado, lonxe dos sabichós e patrioteiros que inzaban o resto das cadeas. Facía tempo que non me producía tanta pena o pasamento dun personaxe público. Un día haberá que tomarlle os churros en Bonilla pola súa memoria.

quinta-feira, 15 de outubro de 2009

COMO TRABARLLE AO SEVILLA

O sábado hai partidazo en Riazor. Chega o Sevilla, que nos últimos anos xa nos deu unhas cantas tundas. Pero o caso é que de conseguir a vitoria superariámolos na clasificación e afrontariamos nunha situación inmellorable dous partidos relativamente asequibles: Valladolid primeiro e logo Sporting na casa. Está claro que estas sonvos contas da leiteira e que, ao final, toda a preocupación do equipo debe pasar por procurar a maneira de gañarlle ao todopoderoso Sevilla. E non vai ser fácil en absoluto. O principal obxectivo debería ser manter a solidez defensiva dos tres últimos partidos nos que non encaixamos goles, pero parece difícil conter a Navas por unha banda, Perotti pola outra, e Kanouté e Luis Fabiano...ou Negredo, na punta de ataque. Se cadra a mellor maneira de paralos sexa evitar que lles chegue o balón, polo que se antolla fundamental que os medios do equipo Sergio e Juan Rodríguez lle gañen a partida aos dous mediocentros do Sevilla. Tampouco habería que ter moito medo en plantexar o partido á contra, aproveitando a velocidade dos nosos homes de arriba. Sen deixar de ser ambiciosos, cómpre ter a humildade abonda para recoñecer a superioridade do equipo contrario. Con todo, teño confianza no equipo, e estou seguro de que disporemos das nosas oportunidades. Para iso é fundamental que os seareiros acudamos a apoiar ao equipo como merece un partido destas características. Fai tempo que adoecemos de certa irregularidade no noso campo e temos que deixarnos a gorxa nas bancadas para que os xogadores saiban que xogan cun máis: o xogador número 12.

E falabamos dunha situación estraña nos últimos anos: ver o equipo en Champions, e onte produciuse outra: ver un xogador do Dépor titular coa selección brasileira. Onte foi a xeira do debut de Filipe na canarinha, ben é certo que nun partido absolutamente intrascendente no que os de Dunga empataron sen goles ante Venezuela. É unha evidencia que Filipe é dos mellores laterais esquerdos do mundo, un posto no que precisamente non sobran xogadores, polo que parece correcto que o Dépor non o vendera pola cantidade que lle ofrecía o Barcelona este verán. Filipe ben valía os vinte millóns que se pedían por el, e aceptar a oferta de Laporta sería malvendelo.

De todas maneiras, o interese de onte non estaba no partido do Brasil mais si no de Arxentina no Estadio Centenario de Montevideo ante Uruguai. A albiceleste xogábase a vida e acabou gañando cun requeno 1-0 que, con todo, salva a cabeza de Diego. Todo o fiasco da clasificación pode emendarse agora facendo un gran campionato. Con todo terá que mellorar moito pois o fútbol ofrecido pola selección arxentina está moi por debaixo do nível que pode ofrecer un país pragado de estrelas. Chama a atención o papel protagonista que asumiu no equipo o veterano Verón, quen parecía que estaba xa nos últimos momentos da súa carreira, pero que dende a súa chegada ao Estudiantes de La Plata vive algúns dos episodios máis felices da súa carreira ao gañar ao Apertura, a Libertadores e a distinción individual de mellor xogador da América do Sur.

terça-feira, 13 de outubro de 2009

PERO QUE FIXECHES, PALERMO!!!

Nunha fin de semana ben atafegadiña non puiden seguir a xornada de partidos internacionais. E por iso lamentei profundamente non ter visto o Arxentina-Perú no que se mascou a traxedia da albiceleste e finalmente apareceu Martín Palermo para marcar un gol agónico e incrible no minuto 92, deses que desatan emocións absolutamente desbordantes que fan do fútbol o deporte máis espectacular do mundo, máis aínda en Arxentina. E é que ademais estaba en cuestión mesmo Deus, ou mellor dito Maradona, que a piques estivo de consumar un fiasco de proporcións impredicibles de non conseguir a clasificación para o Mundial por vez primeira na súa Historia. Nas xornadas previsas discutíranlle o que non estaba escrito a convocatoria do incombustible Martín Palermo, gran goleador e futbolista inclasificable pero que velaí o está, aferrándose á Historia cada vez que ten unha oportunidade.

Pola súa banda Portugal tamén saiu triunfante dunha xornada na que se xogaba practicamente todas as opcións de estar no vindeiro mundial. Tiña que gañar a Hungría no Estádio da Luz e fíxoo sen excesivos problemas, mellorando notablemente a imaxe dos seus partidos previos, goleando 3-0 con dous de Simao e outro do Liedson. O caso é que Portugal non dependía só dela própria, dependía sobre todo do duelo escandinavo entre Suecia e Dinamarca. Os dinamarqueses debían gañar para que Portugal atinxira o segundo posto do grupo e fixérono por 1-0. A falta dunha xornada só queda que os lusos gañen na casa ante Malta para acceder á repesca como cabezas de serie. No partido ante Hungria recaeu na súa lesión Cristiano Ronaldo que será baixa no próximo mes e medio. É absolutamente noxenta a actitude imperialista do Real Madrid con respecto aos intereses mundialistas de Portugal. Seguro que non actuarían co mesmo despotismo se no canto de tratarse da estrela da selección portuguesa se tratara da estrela da selección española. Ben é certo é que xa fai ben de tempo que o Madrid, Casillas á parte, non achega un xogador fundamental para a selección española.

sexta-feira, 9 de outubro de 2009

OS DEZ PROTAGONISTAS DO COMEZO DE TEMPORADA

Esta á miña escolma persoal dos 10 protagonistas do comezo da temporada futbolística 2009-2010

10.Pedro León: Unha das fichaxes importantes, inda que pasara desapercibida, do mercado de verán. Despois dunha magnífica temporada no Valladolid, o xogador murciano, irmán do ciclista Luis León Sánchez, está a facer un inicio de campaña impresionante co Xetafe. É un perigo constante por banda dereita e xa leva dous goles de bandeira.

9.Radamel Falcao: O dianteiro colombiano procedente do River, e de quen se falara que o quería o Dépor fai dúas temporadas, tiña o difícil reto de facer esquecer no Porto a Lisandro López. Polo momento, é unha das grandes estrelas da Liga Sagres. Vai a gol por partido, con goles de todas as facturas: perna dereita, perna esquerda, calcaño, cabeza... O seu duelo polo pichichi luso co benfiquista Cardozo antóllase apaixoante. Pode marcar unha época no Porto.

8.Zlatan Ibrahimovic. Había algunhas dúbidas sobre o rendemento do sueco no Barça, sobre todo polo difícil reto de substituír a Eto´o. Pero mentres o camerunés comezou a campaña con máis pena que gloria en Milán, Zlatan está demostrando que coa súa inmensa calidade é a guinda perfecta para o gorentoso equipo de Guardiola.

7.Fernando Torres. Comezo absolutamente espectacular do dianteiro español no Liverpool. A súa facilidade para marcar goles da nada e o seu cada vez máis evidente liderado no equipo de Anfield Road disipan as dúbidas dos que pensaban que era esaxerado o seu balón de bronce na época pasada. A estas alturas é un dos dianteiros máis desequilibrantes do fútbol mundial e calquera opción de que os de Rafa Benítez consigan o título case vinte anos despois pasa porque Torres manteña o seu extraordinario momento de forma actual.

6.Adebayor+Tévez. Parece que por fin o Manchester City multimillonario ten equipo para aspirar ao título da Premier. O mellor exemplo é a súa parella de dianteiros. Tévez é un tipo cuxa calidade só é superada polo seu encomiable derroche físico en cada partido. Deixou pegada en todos por cantos clubes pasou pero pode consagrarse no City, onde ademais é o complemento perfecto do crack Adebayor, un talento sobrenatural que atopa por fin un equipo gañador. Con todo, neste apartado non esquezamos outras pezas importantes do novo City como Kolo Touré, Gareth Barry, Stephen Ireland ou Craig Bellamy.

5.Iker Muniain. San Mamés frótase as mans despois da aparición deslumbrante desta perla de Lezama que non se achicou en absoluto dende a súa chegada ao primeiro equipo. É xa o goleador máis noviño da Historia da Liga, marcou o gol que lle deu ao Athletic unha clasificación agónica na UEFA, e a súa marxe de progresión é realmente esperanzadora.

4. Thomas Müller. A maior aparición da canteira do Bayern nos últimos anos, superior se cadra á de Schweinsteiger. Centrocampista técnico, vertical e cunha chegada a gol espectacular, os seus goles foron o revulsivo necesario para un Bayern de Van Gaal que comezou erraticamente a Bundesliga. Será probablemente un dos grandes xogadores europeos da próxima década.

3. Domingos Paciência. O ex-dianteiro do Porto ou do Tenerife, do que tamén se falara moitas veces que lle andaba atrás o Deportivo, deu un paso adiante como técnico da Liga portuguesa tomando as rédeas do ambicioso Sporting Braga. Despois do seu paso por Leiria e Coimbra había dúbidas sobre a súa capacidade para mellorar o traballo feito no equipo minhoto por Jorge Jesus. Pero sete xornadas despois de que dera comezo o campionato, xa asinou o mellor comezo da historia do clube con sete vitorias en sete partidos e unhas expectativas moi ambiciosas, pois conta cun plantel amplo, compensado e de calidade.

2. Jesús Navas. O xogador máis desequilibrante da Liga, co permiso de Messi e Ronaldo. É unha marabilla velo xogar. Extremo puro dos que xa non se estilan, é capaz nun partido de xerar media ducia de ocasións claras para o seu equipo , que non está falto, inda por riba, de bos dianteiros. O mellor argumento para acreditar que o Sevilla é o máis serio aspirante ao título. Inda por riba, mantén esa peculiar negativa de acudir á selección española por estraños problemas de ansiedade.

1.Juca. A mellor noticia do Dépor na temporada polo seu marabilloso disparo de falta e os seus servizos nas xogadas a bola parada. Unha das explicacións do magnífico comezo de Liga do Deportivo. Esperemos que o Lampard dos Balcáns manteñan este nível no que resta de temporada.

terça-feira, 6 de outubro de 2009

MARTÍN LASARTE E CLAUDIO BARRAGÁN

Ata agora, tiña dous puntos de interese fundamentais na Segunda División: a Real Sociedade e o Elxe. Os motivos fundamentais eran os seus adestradores, dous mitos para o deportivismo que a día de hoxe demostran o seu saber futbolístico dende o banquillo: Martín Lasarte -imaxe deste meu alter ego blogueiro- e Claudio Barragán, un dos máis grandes e infravalorados dianteiros do fútbol español dos últimos 25 anos. Ao Claudio xa o botaron despois dun mal comezo de temporada. Parece unha decisión algo inxusta despois da magnífica campaña do de Manises o ano pasado, no que colleu o equipo nunha situación realmente complicada despois da destitución doutro grande: David Vidal, quen pasou en Elxe por unha situación semellante: destituído por un mal comezo despois de endereitar o ano anterior o rumo dunha nave que ía a pique. Esperemos que Barragán volva ter unha oportunidade para adestrar en breve pois demostrou de sobra a súa capacidade. Canto a Martín Lasarte, a algúns sorprendeunos a súa chegada á Real Sociedad. Hai que dicir que fóra da Coruña non era un home especialmente coñecido. Con todo, chega precedido dunha exitosísima carreira como adestrador no seu país Uruguai en clubes como Rampla Juniors, River Plate, Danubio ou Nacional. A día de hoxe xa ten a Real Sociedad en segunda posición do campionato e os donostiarras recuperan a ilusión despois da época de moito ruido e pouca chicha de Lillo, ese fiasco ao que de cando en cando algúns directivos seguen cometendo o erro de contratar, como se fichar técnicos fose mercarlle enciclopedias a un falabarato que bate na túa porta. Non teño dúbida de que Martín Lasarte ten que ser un grandísimo adestrador. Inda que non podo falar con moito coñecemento do seu traballo como técnico, baséome fundamentalmente na lembranza do xogador, o tipo máis comprometido e traballador que recordo. Inesquecible a súa aperta chorando a Arsenio Iglesias despois de nos salvar no Villamarín nunha agónica promoción de descenso contra o Betis en 1992. Inda estando contentísimo con Lotina imaxino a posibilidade de que algún día o Claudio BArragán ou Martín Lasarte volvan a Riazor como adestradores do Dépor!!!

Martín Lasarte ten á Real segunda e non primeira porque o líder do campionato é o Hércules de Esteban Vigo, o tipo que ascendeu ao Xerez por vez primeira na súa historia. E iso dame pé para outra reflexión e é que non entendo como hai clubes que non renovan os seus adestradores despois de conseguir un ascenso. Pasoulle a Esteban e pasoulle ao grandísimo David Vidal despois do seu meritorio ascenso co Murcia. Polo xeral, os que tal fan acaban volvendo a segunda co rabo entre as pernas.

Por outro lado, onte contemplei con moito interese o partido de Premier entre o Aston Villa e o Manchester City, dous dos conxuntos máis atractivos da Premier fóra dos catro grandes. Das expectativas que lle auguro ao City xa falei, canto ao Villa declárome fan incondicional de Martin O´Neill. Onte os dous equipos demostraron parte do seu nivel, se ben botei de menos un pouquiño máis de ambición de cada lado. No City, que remou co marcador en contra boa parte do xogo, botouse en falta unha maior participación de Adebayor e que Ireland aparecese antes no campo. Ao Aston Villa faltoulle a chispa arriba de Agbonlahor e Ashley Young andou coa puntería un pouquiño desaxustada. En todo caso, confirmo o que dixen ata agora: que o City é favorito para o título e o Aston Villa peleará por estar entre os catro primeiros, algo que de producirse sería un acto de xustiza con Martin O´Neill. Alén de todo isto, o partido tivo un excelente momento dramático co gol de Dunne, ex capitán do City, marcándolle ao seu ex-equipo despois de superar no salto a Barry, ex-capitán do Villa.

En Portugal pechouse a xornada cunha nova vitoria clara e contundente do Benfica en Paços de Ferreira 1-3. Marcou Cardozo que xa suma oito goles. Antóllase apaixonante o duelo Porto Benfica, pero máis aínda o dos seus goleadores Cardozo e Radamel Falcao, que leva 7. Antes falabamos de adestradores cesados e en Portugal xa levan catro.

Por último hoxe volvo ler algunha nova relacionada coa negativa de Jesús Navas de ir á selección. Parece que a negativa ten que ver con problemas de ansiedade, pero non especifica moi ben os motivos. Eu, superadmirador do xogador, case prefiro que non vaia.

segunda-feira, 5 de outubro de 2009

CONFÍRMANSE CERTAS SOSPEITAS

Pouco fútbol puiden ver este domingo, pero parece que se confirman algunhas impresións das que fomos debullando nos post anteriores. A principal é que xa non hai dúbida ningunha de que o Sevilla é un candidato claro para o título. Pasoulle por riba ao Madrid sacando a relucir o seu espléndido arseal de armas ofensivas -con mención especial para o grandísimo Jesús Navas- e defensivas. O vindeiro rival do Sevilla é o Dépor, que tan contentos nos ten aos seus seareiros. Xa van tres vitorias seguidas e as tres fundamentadas en manter a porta propia a cero. Como diciamos onte, a defensa do equipo está espléndida, sendo realmente atractiva a parella Lopo Colotto, segurísimos atrás e toda unha ameaza arriba. A eficacia do Dépor nas xogadas a balón parado é francamente esperanzadora. Sexa mediante lanzamentos directos -Juca-, faltas laterais ou corners, estamos a sacarlle un rendemento extraordinario a este tipo de xogadas, o cal é unha benzón tendo en conta a pouca dinamita dos nosos dianteiros. Do mesmo xeito, tamén cómpre salientar que o Dépor é un equipo que defende especialmente ben estas xogadas -inda que moita xente critique que nunca se deixe un home adiante-, das que recibimos moi poucos goles. Unha cousa e a outra, valorando a trascendencia das xogadas de estratexia no fútbol actual, explican en boa medida a boa xeira destas seis primeiras xornadas.

Falando de parellas de centrais, cada vez teño máis a certeza de que a mellor parella de centrais do fútbol europeo tena o Porto, co sobrio, rápido e eficiente Rolando e o inconmesurable Bruno alves, que onte ademais marcou o seu primeiro gol da Liga nun espléndido cabezazo. A defensa é o piar principal do equipo de Jesualdo Ferreira que onte resolveu con tremenda eficacia o seu difícil partido ante o Olhanense. Falabamos ao principio do artigo de sospeitas que se van confirmando e unha delas é a pouca pegada do Sporting de Lisboa, que volveu asinar un triste partido con empate sen goles ante os Belenenses e afástase con pasos de xigante dos postos de arriba. Actualmente está a dez pntos do líder Sporting Braga -que despois de vencer ao frouxo Vitória de Setúbal- xa leva unha xeira espectacular de sete vitorias en sete partidos.

sábado, 3 de outubro de 2009

QUE BOS PUNTIÑOS!!!

Xa van tres vitorias consecutivas, pero esta de hoxe alegra especialmente. Iamos a Tenerife coa sensación de que os canarios, inda que recén ascendidos, non habían de ser un rival tan cándido coma o Xerez. E seguramente non o fose pero o Dépor fixo un gran partido, demostrando en todo momento ser superior, cun gran traballo colectivo e con actuacións individuais extraordinarias, salientando unha vez máis Guardado, incansable, e perfectamente escoltado por Filipe en banda esquerda. De Guardado saíu a maior parte do perigo do Dépor, pois o mexicano amosouse ademais moi desequilibrante cando asomaba pola vértice da área. Todo o contrario que Pablo Álvarez, que tivo un partido moito máis discreto pola dereita. O que non estivo tampouco demasiado acertado foi Lassad. Ben se ve que inda non está nin ao cincuenta por cento do que lle vimos o ano pasado. Lento e fallón, Lotina non dubidou en quitalo no descanso. Con todo, coido que a mellor menciña para Lassad son os minutos, polo que haberá que terlle paciencia, do mesmo xeito que lle tivemos paciencia, non o esquezamos, a Rivaldo nas súas primeiras semanas en Coruña. A que estivo impecable foi a defensa, con Lopo e Colotto gañando todos os balóns cruzados e inda por riba subindo con perigo nas xogadas a bola parada. O gol de Colotto xa non sorprende. É todo un especialista en goles aparecendo no segundo pao. Nas últimas semanas existe certo debate sobre se debe xogar Colotto ou Zé Castro. Sen querer resultar vantaxista despois do gol de hoxe, eu aposto por Colotto. Talvez non teña a mesma saída de balón que Zé Castro, pero inspírame máis confianza no xogo aéreo e seriedade táctica para previr erros defensivos. Inda por riba, esa a súa característica ofensiva dalle un aliciente máis para contar con el no once inicial. Polo demais Sergio e Tomás volveron facer un partido correcto tirando a notable, Aranzubia estivo impecable as poucas veces que tivo que intervir e talvez chamaran a atención os cambios, con Juan Rodríguez entrando de segundo dianteiro tras o descanso, e Mista e Bodipo acabando xuntos o partido. Estaremos algo faltos de balas na recámara? Pode ser, pero tampouco me parece demasiado preocupante tendo en conta que a Liga é, polo momento, a única preocupación deste equipo. Temos doce puntos e acabamos o sábado en postos champions, algo que non saboreabamos dende facía moito tempo. Situación inmellorable para recibir en quince días ao Sevilla, un bocado ben apetitoso que, polo momento, anda cos mesmos puntos ca nós.

sexta-feira, 2 de outubro de 2009

É CERTO!!! ROMANTSEV!!!

A memoria é moi cabrona. Lendo o fermoso recordo de Stoja que fan en riazor.org, recordei de súpeto un episodio da historia do clube que tiña absolutamente borrado: a contratación de Oleg Romantsev como adestrador do equipo recén ascendido. O ruso escorrentou ao pouco de ser fichado. Non se sabe moi ben o motivo. "Fichámolo. Pediunos vídeos do equipo e día e medio despois botouse atrás. Asustouse, eu penso. E eu que lle dicía que tiñamos un grande equipo", seica explicou nalgunha ocasión Lendoiro falando deste asunto. O ruso fora fichado despois dunha memorable campaña co Spartak de Moscova, co que chegara ás semifinais da copa de Europa, nun equipo no que estaban entre outros Mostovoi, Karpin e Dimitri Radchenko. Despois do seu paso efémero por Coruña decidiu voltar ao Spartak, no que permanecería ata 2003 colleitando unha chea de éxitos (8 ligas, 4 copas e participación en semifinais de Recopa de Europa e de UEFA). Romantsev foi sen dúbida, o máis mítico técnico do clube moscovita na súa historia. No Dépor foi talvez, o adestrador menos lembrado da historia, de feito algúns tiñamolo absolutamente borrado da nosa memoria, inda que o seu nome permaneza na lista de adestradores do club. Foi adestrdor do Dépor día e medio.

quinta-feira, 1 de outubro de 2009

PORTO GRANDE DE EUROPA

Pois gañou o Porto. Era de ver. Inda que non lle foi fácil en absoluto. Os de Jesualdo Ferreira fixeron un partido máis ben discreto ante un Atlético de Madrid que saíu ao Estadio do Dragao cunha defensa con catro centrais e que aos vintecinco minutos tivo que poñer de porteiro un rapaz de 18 anos . No primeiro tempo, o Porto comezou dominando inda que sen demasiado poderío. Sobre todo o Hulk desbordaba constantemente pola banda esquerda a Perea, que inda que fóra da súa posición habitual, non é en absoluto un home lento. Por aí chegaron as mellores ocasións, mais ningunha realmente clara. A partir da lesión de Roberto e a entrada do De Gea, de apenas 18 anos, o Porto decaeu no seu xogo. Se cadra acusou o mal partido do Tomás Costa no posto que habitualmente ocupa o Fernando. O arxentino perdeu dous balóns perigosos que permitiron contras claras do Kun Agüero. Resolveunas todas con sobriedade o Helton, que merece un recoñecemento pois carga cunha sona eu penso que inxusta de cantante e que procede, nomeadamente, daqueles que non ven o Porto con frecuencia. O Helton é un porteiro con recursos, excelente nos reflexos e no un contra un e correcto nas saídas. Algunha vez canta, claro está, pero non mais que outros. Talvez o seu problema é que a súa excentricidade e a súa indumentaria fano estar continuamente baixo sospeita. A min, como porteiro, recórdame ao Víctor Valdés. No comezo do segundo tempo o Porto perdeu definitivamente o control do xogo e o Atlético tivo os seus mellores minutos, grazas en parte á aparición de Jurado, un xogador talentoso pero demasiado intermitente canto a súa influencia no xogo. Jesualdo Ferreira non debía estar demasiado tranquilo. Mais foi aí que apareceu Raul Meireles, quen aínda non alcanzou a excelencia do ano pasado, acompañado por Belluschi, un xogador que vai achegar moitas cousas a este equipo, e Guarín, que entrou polo desafortunado Costa, que o Porto volveuse meter no partido ata converterse nun mazo que non parou de mallar no novato De Gea, quen saíu con nota do seu debú mais non puido evitar o gol... o golazo de Radamel Falcao, un toque de calcaño que el mesmo confesa ser o mellor gol da súa vida. Cómpre reparar neste gol no´absolutamente espectacular cambio de orientación do xogo que fai Raúl Meireles cara o Hulk. Co 1-0 o Atlético xa non tivo capacidade de reacción e o Porto, máis cómodo que nunca, marcou o segundo a bola parada, grazas ao Rolando que marcou aproveitando un rexeite do pau tras cabezazo de Bruno Alves. A parella de centrais do Porto, honestamente, paréceme unha das mellores de Europa, se non a mellor: contundentes e rápidos atrás, con Bruno Alves sacando o xogo de atrás cunha clase descomunal, son aínda por riba letais nas súas incorporacións ao ataque. Onte ademais, foron correctamente escoltados polos laterais Fucile, impecable en defensa e voluntarioso en ataque, e Álvaro Pereira, incansable pola súa banda. En definitiva, gañou o Porto sen facer un gran partido. Gañou simplemente, porque é un grande de Europa.

E volvendo ao tema central do post de onte, da puxanza dos equipos do Leste, onte vin ao CSKA de Moscova, que gañou con solvencia inda que non con demasiado xogo a un triste Besitkas. Destacar, sobre todo, o golazo de Dzagoev, ese rapaz norosetio de 19 anos que ten un talento descomunal e que xa sufrimos os deportivistas no partido de UEFA do ano pasado. O mesmo que falei de Thomas Müller fai uns días: paga a pena reparar nestes xogadores que van ser, seguro, estrelas no futuro.